DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Mércores, 26 de xuño de 2024 Páx. 39282

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras para a selección, mediante concurso, dos concellos participantes no desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta, e se convoca para o ano 2024.

En Galicia, a maior parte dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración están formados por infraestruturas que son de titularidade municipal e os concellos teñen a responsabilidade de xestionalas e conservalas de xeito adecuado.

Desde a súa creación, Augas de Galicia colabora coas entidades locais para mellorar a prestación dos servizos de abastecemento e saneamento en toda a comunidade autónoma, tendo executado moitas destas infraestruturas existentes na maior parte dos concellos galegos.

Porén, é sabido que para avanzar na mellora da calidade das augas e garantir os servizos de abastecemento á poboación e ás actividades económicas non é suficiente coa execución de obras. Para alcanzar a máxima calidade das nosas augas e que estes servizos básicos de auga se presten con eficiencia e eficacia, as instalacións executadas han de ir acompañadas dunha adecuada xestión, explotación e mantemento. Este labor, intrinsecamente xa complicado, require dunha capacidade técnica e económica da que, en moitos casos, carecen os concellos, a pesar de que son as administracións que posúen as competencias de conformidade coa normativa de réxime local.

Así, desde hai varios anos, Augas de Galicia está estendendo o seu ámbito de colaboración cos concellos máis alá da execución das obras, mediante distintas convocatorias de subvencións para que os concellos realicen auditorías e plans que melloren o coñecemento dos seus sistemas de abastecemento e saneamento e contribuír a unha mellor xestión deles. Neste contexto, a dixitalización demostra ser unha ferramenta moi útil para mellorar o coñecemento dos sistemas de abastecemento, saneamento e depuración, e optimizar o seu funcionamento.

Nos últimos anos, a transformación dixital continúa rompendo barreiras inexploradas cara a sistemas dixitais onde a revolución se está a producir na recollida en continuo de grandes cantidades de datos en multitude de áreas: saúde, tráfico, contaminación, enerxía, etc. Aínda hoxe non existe a certeza das transformacións sociais e económicas que pode causar o emprego de tecnoloxías de recollida masiva de datos e xestión intelixente, pero está asentada a percepción de que as empresas e as administracións acadarán unha nova dimensión nas súas capacidades de prestar servizos e na universalización deles.

Por estes motivos, Augas de Galicia asumiu a responsabilidade de exercer de panca de cambio para o impulso da dixitalización do ciclo integral da auga en Galicia, promovendo e facendo accesibles para as entidades locais medidas concretas, ferramentas e solucións tecnolóxicas innovadoras que permitan ás administracións públicas avanzar de xeito coordinado cara a unha xestión do ciclo integral da auga mellor e máis eficiente, contribuíndo así á consecución dos obxectivos da Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga.

O exercicio desta responsabilidade non se circunscribe só ao impulso directo de medidas concretas senón tamén, e sobre todo, ao deseño e á creación dun ecosistema dixital, aberto e integrador capaz de integrar nel a maior cantidade posible de solucións tecnolóxicas existentes no mercado e propiciar así a chegada a todo o territorio de xeito máis intenso e con maior rapidez.

Neste marco, resulta necesario ordenar e priorizar investimentos para a dixitalización dos sistemas. A primeira fase deste proceso de dixitalización do ciclo integral da auga que está abordando Augas de Galicia, que é a que se incorpora nesta convocatoria, ten un importe total de 5.758.497,04 € e materializarase na execución do servizo de apoio á dixitalización en sistemas de xestión do ciclo integral da auga en entidades locais de menos de 20.000 habitantes de Galicia. Desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta, de clave OH.288.451, que porá en marcha unha rede de estacións dixitais de monitorización de sistemas e abastecemento de auga potable en alta, enfocado a concellos de menos de 20.000 habitantes, e céntrase no denominado abastecemento en alta, incluíndo as captacións, as estacións de tratamento de auga potable e os depósitos xerais.

A Conferencia Sectorial de Medio Ambiente, na súa reunión do 20 de xuño de 2022, aprobou os criterios de repartición e a distribución territorial de créditos orzamentarios xestionados polas comunidades autónomas no marco da compoñente 5: preservación do litoral e recursos hídricos do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, destinados a financiar a primeira fase da repartición de fondos en Conferencia Sectorial ás comunidades autónomas do PERTE de dixitalización do ciclo da auga. A tipoloxía das actuacións e as súas condicións de execución establece, por un lado, o fomento da dixitalización das administracións das comunidades autónomas, especialmente das que xestionan directamente o dominio público hidráulico e, por outro lado, o fomento da dixitalización do ciclo urbano da auga nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

Tendo en conta todo o anterior e ao abeiro do disposto no artigo 15.3.n) da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras para a selección, mediante o sistema de concurso, dos concellos participantes no desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta e realizar a convocatoria correspondente ao ano 2024.

2. A finalidade das actuacións previstas é colaborar cos concellos para a adopción de ferramentas coas que xestionar en tempo real e en remoto os sistemas da súa titularidade, a través da implantación e posta en marcha dunha serie de estacións dixitais de monitorización. Así mesmo, a través do servizo proporcionarase a Augas de Galicia un sistema de información que lle permita recompilar, visualizar, supervisar e compartir información relativa ao funcionamento dos sistemas monitorizados.

Artigo 2. Requisitos de participación

1. Poderán participar no concurso todos os concellos situados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

Para os efectos desta convocatoria considerarase o número de habitantes por concello recollido no Real decreto 1085/2023, do 5 de decembro, polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2023.

2. Ningún concello poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Artigo 3. Actuacións obxecto da colaboración

1. Augas de Galicia seleccionará de entre os solicitantes os concellos para o desenvolvemento de actuacións de dixitalización do ciclo integral da auga, conforme os criterios establecidos nesta convocatoria.

Para cada un dos concellos seleccionados Augas de Galicia levará a cabo as seguintes actuacións de dixitalización do ciclo integral da auga:

a) O diagnóstico dos sistemas de abastecemento de auga potable en alta.

b) A elaboración de propostas específicas de dixitalización para os sistemas de abastecemento de auga potable en alta seleccionados, unha vez concluída a etapa de diagnóstico. Augas de Galicia elaborará unha proposta por cada sistema de abastecemento en alta. Estas propostas definirán que elementos do sistema de abastecemento en alta se van dixitalizar, instalando neles estacións de medición e rexistro (EMR).

c) A execución e implantación das propostas específicas de dixitalización en cada sistema de abastecemento en alta seleccionado, instalando as novas estacións de medición e rexistro nas infraestruturas que corresponda de cada sistema de abastecemento en alta.

d) O desenvolvemento dunha aplicación dixital, denominada centro de xestión de datos local (CXDL), consistente nunha aplicación informática multiusuario a través da que poder ler, agrupar e xestionar os datos recollidos nos elementos que forman parte das actuacións de dixitalización, así como calquera outra xa dispoñible en procesos de dixitalización anteriores e suficientemente aberta como para incorporar novos elementos no futuro.

Estes CXDL recibirán información en tempo real desde as estacións de medición e rexistro, permitirán xestionar de maneira remota as instalacións de abastecemento en alta e serán postos á disposición dos concellos para contribuír a mellorar a prestación do servizo.

e) O desenvolvemento dunha plataforma de xestión de datos autonómica para procesar por parte de Augas de Galicia toda ou parte da información recompilada polos centros de xestión de datos locais, que permita un maior coñecemento dos sistemas de abastecemento en alta e do uso dos recursos hídricos. Esta aplicación recibirá datos en tempo real dende os centros de xestión de datos locais.

f) A impartición, nos concellos seleccionados, ao persoal responsable do mantemento e operación dos sistemas de abastecemento en alta da formación técnica necesaria para o mantemento e conservación das estacións de medición e rexistro. Do mesmo xeito, impartirase ao persoal das administracións públicas responsables dos servizos de abastecemento e das entidades prestadoras dos servizos a formación necesaria para a utilización do centro de xestión de datos local (CXDL).

g) Augas de Galicia dirixirá e supervisará os traballos de execución e implantación das actuacións, asesorando os concellos durante todo o proceso.

Augas de Galicia divulgará os resultados da execución destas actuacións de dixitalización do ciclo integral da auga, fomentando a adopción de estratexias semellantes e compatibles polas entidades locais galegas con competencias en materia de abastecemento.

2. Os concellos seleccionados deberán contribuír na execución das actuacións seleccionadas, adquirindo os seguintes compromisos:

a) Subministrar a información dispoñible e participar na recompilación dos datos que poidan resultar necesarios para a execución das actuacións.

Os concellos deberán colaborar con Augas de Galicia e coas restantes administracións no proceso de elaboración do diagnóstico dos sistemas de abastecemento en alta e no proceso de dixitalización das infraestruturas dos ditos sistemas, subministrar a información dispoñible, participar na recompilación dos datos necesarios, habilitar os permisos de acceso necesarios e outorgar ou tramitar os permisos e autorizacións necesarias.

b) Prestar conformidade coas actuacións que se vaian executar, referidas no artigo 3.1 desta resolución, con carácter previo á súa execución.

O órgano competente da entidade local deberá aprobar a conformidade coas actuacións que Augas de Galicia prevé executar, no marco do contrato de servizo de apoio á dixitalización en sistemas de xestión do ciclo integral da auga en entidades locais de menos de 20.000 habitantes de Galicia. Desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta, de clave OH.288.451, con carácter previo á súa execución.

c) Para actuacións que se executen no interior de instalacións de titularidade municipal, o concello comprométese a habilitar os permisos de acceso necesarios para posibilitar a súa completa execución.

d) Para actuacións que se executen intervindo directamente sobre infraestruturas existentes e de titularidade municipal, o concello comprométese a outorgar os permisos ou autorizacións que resulten necesarios para posibilitar a súa completa execución.

e) De ser o caso, garantir, antes de iniciar a execución das actuacións, a efectiva posta á disposición de Augas de Galicia dos terreos necesarios, libres de cargas e gravames e co réxime urbanístico axeitado para a execución das actuacións, así como a reposición de servizos e servidumes.

f) O concello, en colaboración con Augas de Galicia, asumirá a realización das xestións pertinentes, ante os organismos que correspondan, para a obtención dos permisos, licenzas e autorizacións regulamentarias, asumindo os gastos que se xeren, sen liquidar ningún tributo ou taxa municipal.

g) Utilizar as instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista para elas, comprometéndose coa súa explotación, conservación e mantemento por un prazo mínimo de 5 anos, contados a partir da data de posta á disposición por parte de Augas de Galicia.

h) Utilizar e manter en funcionamento o centro de xestión de datos locais que sexa posto á súa disposición por Augas de Galicia, comprometéndose coa súa conservación e mantemento por un prazo mínimo de 5 anos, contados a partir da data de posta á disposición por parte de Augas de Galicia.

i) Compartir con Augas de Galicia información relativa ao funcionamento dos sistemas de abastecemento en alta sobre os cales se actúe, mediante a comunicación entre o centro de xestión de datos locais e a plataforma de xestión de datos autonómica.

j) Asumir o custo de instalación dun sistema de alimentación ininterrompida (SAI) nun mínimo de dúas das infraestruturas conectadas á rede eléctrica, sexan estas captacións, ETAP ou depósitos de xeito que se permita o apoio temporal da alimentación eléctrica en caso de fallo na subministración e, ao mesmo tempo, estabilizar e corrixir as irregularidades na subministración eléctrica (alteracións na tensión, etc.), achegando unha protección eléctrica adicional ao sistema.

k) No ámbito das súas facultades, colaborar con Augas de Galicia no desempeño das súas obrigas e afrontar e intentar resolver, conforme os principios de boa fe e lealdade, calquera dificultade ou problema que poida xurdir no desenvolvemento da actuación, tendo como único criterio da súa xestión o logro dos obxectivos que se pretenden acadar con ela.

Artigo 4. Infraestruturas obxecto da colaboración

1. O ámbito de actuación da presente convocatoria comprende os sistemas municipais de abastecemento de auga en alta en concellos de menos de 20.000 habitantes. Isto inclúe as seguintes infraestruturas xerais dos sistemas de distribución de auga potable: captacións de titularidade pública, depósitos de titularidade pública e estacións de tratamento de auga potable (ETAP) de titularidade pública.

As infraestruturas indicadas son as que os concellos que desexen participar na convocatoria poderán incluír na súa solicitude. Tamén se inclúen as conducións que conectan as infraestruturas anteriores e as redes de distribución en alta, antes do inicio da subministración aos usuarios.

2. Esta convocatoria non comprende infraestruturas de titularidade veciñal ou privada, nin as redes de distribución de auga potable en baixa, nin os contadores individuais de rexistro do consumo.

3. Aquelas infraestruturas que no momento de publicación da presente convocatoria xa fosen incluídas, total ou parcialmente, noutros proxectos e/ou iniciativas destinadas á súa dixitalización, non poderán ser tampouco obxecto da convocatoria.

Artigo 5. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario PR004A-Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

As solicitudes presentaranse dirixíndoas á Dirección de Augas de Galicia.

Para consultas relacionadas con este concurso habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico: xerencia.augas@xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa titular da Alcaldía da entidade solicitante ou pola persoa en que estea delegada a competencia no momento da dita sinatura.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. Os concellos interesados deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) O formulario que figura na seguinte epígrafe da páxina web de Augas de Galicia, https://augasdegalicia.xunta.gal/abastecemento.

Neste formulario, entre outros aspectos, declárase que o concello acepta as condicións e os requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria e que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

Os concellos deberán cubrir todos os campos do formulario para informar suficientemente sobre o seu sistema de abastecemento, o actual nivel de dixitalización acadado na xestión dos servizos municipais relacionados co ciclo integral da auga e sobre as actuacións de mellora da dixitalización para as que se solicita colaboración técnica e económica de Augas de Galicia na súa execución. Para que a solicitude sexa valorada é imprescindible informar sobre os contidos mínimos recollidos no formulario.

Neste formulario relaciónase a documentación que se presenta da que se indica a seguir.

b) Unha memoria técnica que identifique as necesidades de dixitalización do abastecemento en alta e o grao de compromiso coa dixitalización.

Os concellos poderán xuntar canta información consideren oportuna para caracterizar a situación do abastecemento e xustificar a necesidade de resultar seleccionado para o apoio de Augas de Galicia na dixitalización do ciclo integral da auga.

c) O plan municipal de emerxencia fronte á seca aprobado nos últimos 5 anos e a xustificación da súa aprobación.

d) A auditoría para a cuantificación de perdas aprobada nos últimos 5 anos e a xustificación da súa aprobación.

e) O plan de actuacións para a redución das perdas aprobado nos últimos 5 anos e a xustificación da súa aprobación.

f) O plan director de abastecemento municipal aprobado nos últimos 5 anos e a xustificación da súa aprobación.

Tendo en conta que se trata dun procedemento de concorrencia competitiva e para non afectar a concorrencia en condicións de igualdade, non poderá ser obxecto de requirimento de emenda a falta de presentación da documentación indicada neste artigo no último día de presentación de solicitudes. A falta de presentación da documentación indicada suporá ben a inadmisión da solicitude por non ter o contido mínimo que permita a súa valoración, ben a tramitación da solicitude sen que se teñan en consideración os documentos non presentados para outorgar os puntos correspondentes de acordo cos criterios previstos no artigo 13 desta resolución.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O procedemento que se debe seguir para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo ao presentar a súa solicitude.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Publicación dos actos

1. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas, a relación de solicitantes seleccionados.

2. Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web de Augas de Galicia (https://augasdegalicia.xunta.gal) a relación de solicitantes seleccionados.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente.

Artigo 12. Órganos competentes e instrución

1. A unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento será a Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, que realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. Unha vez finalizado o prazo de presentación das solicitudes, revisadas estas e a documentación que se presente con elas, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento remitirá á Comisión de Avaliación as solicitudes que estean debidamente cubertas e que conten cunha memoria técnica que identifique as necesidades de dixitalización do abastecemento en alta e o grao de compromiso coa dixitalización.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución, a unidade administrativa encargada da tramitación do procedemento poderá requirir os solicitantes para que presenten a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación das solicitudes presentadas.

3. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Xerencia de Augas de Galicia.

b) Vogalías: a persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico de Augas de Galicia, a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación dos Recursos Hídricos de Augas de Galicia e unha persoa designada pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

c) Secretaría: un/unha funcionario/a de Augas de Galicia, designado/a pola Dirección de Augas de Galicia.

Se por calquera causa, no momento en que a Comisión de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non pode asistir, será substituída pola persoa que para o efecto nomee a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

4. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados nesta resolución e de emitir informe en que se concrete o resultado da valoración efectuada e no cal conste a relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións administrativas e técnicas para adquirir a condición de entidade seleccionada, con indicación da puntuación outorgada a cada unha delas. Este informe remitirase ao órgano instrutor, que o elevará xunto coa proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

5. O órgano instrutor formulará as proposta de resolución.

A proposta de resolución proporá a inadmisión tanto das solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución como das solicitudes que non conteñan a documentación necesaria, indicando as causas desta inadmisión.

As propostas de resolución proporán a selección a favor das solicitudes que proceda. Na proposta de resolución que formule o instrutor figurarán de xeito individualizado as entidades solicitantes propostas para obter a condición de adxudicataria, ordenadas segundo a valoración que se lle outorgue á solicitude no informe emitido pola Comisión de Valoración.

6. As solicitudes admitidas e valoradas pola Comisión de Valoración cuxa selección non poida ser inicialmente asumida por Augas de Galicia poderán ser atendidas seguindo a orde de puntuación, sen necesidade dunha nova convocatoria de producirse algunha non aceptación ou renuncia. Para estes efectos, poderán realizarse sucesivas propostas de resolución conforme o sinalado neste artigo.

Artigo 13. Criterios de valoración

1. Aplicaranse os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes:

a) A poboación do concello. Ata un máximo de 25 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:

5 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 10.000 e inferior ou igual a 20.000 habitantes.

10 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 5.000 e inferior ou igual a 10.000 habitantes.

15 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 2.000 e inferior ou igual a 5.000 habitantes.

20 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación superior a 1.000 e inferior ou igual a 2.000 habitantes.

25 puntos no caso de concellos solicitantes cunha poboación inferior ou igual a 1.000 habitantes.

2. Identificación das necesidades de dixitalización do abastecemento en alta e grao de compromiso coa dixitalización. Analizarase a xustificación que realicen os concellos das súas necesidades de dixitalización e as actuacións previas de dixitalización executadas segundo o recollido na memoria técnica presentada. Ata un máximo de 35 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:

• Analizarase o inventario dos elementos que forman parte do abastecemento en alta do concello, con planos da súa localización indicando os accesos a eles. Valorarase o grao de coñecemento do seu abastecemento en alta, as posibilidades de acceso a eles e o grao de detalle da información facilitada. Ata 10 puntos.

• Análise das necesidades de dixitalización, indicando a poboación beneficiaria, as carencias detectadas ata o momento, os elementos do abastecemento en alta para os que se solicita que Augas de Galicia execute actuacións, os beneficios esperados desa instalación e as problemáticas concretas identificadas. Valorarase o grao de detalle das explicacións achegadas. Ata 10 puntos.

• Analizaranse o equipamento e instrumentación existentes e susceptibles da súa dixitalización, o seu estado de conservación actual e as súas características técnicas. Valorarase o grao de coñecemento do equipamento e instrumentación existentes, as posibilidades de dixitalización e o grao de detalle da información facilitada. Ata 5 puntos.

• Analizaranse as fontes de enerxía dispoñibles en cada un dos elementos que forman parte do abastecemento en alta, con planos que indiquen a súa localización, as características dos cadros eléctricos e da subministración eléctrica existente no seu caso, as potencias contratadas, e a posibilidade de optar por instalacións fotovoltaicas ou outras fontes de enerxía alternativas. Valorarase o grao de coñecemento das fontes de enerxía existentes, as posibilidades de empregar fontes alternativas e o grao de detalle da información facilitada. Ata 5 puntos.

• Actuacións previas de dixitalización acometidas polo concello en xeral e no abastecemento en particular, nos últimos 5 anos. Investimentos realizados e resultados obtidos. Valorarase o volume de actuacións e o grao de implicación do concello no desenvolvemento da dixitalización en xeral e, en particular, no abastecemento. Ata 5 puntos.

3. O plan municipal de emerxencia fronte á seca. Ata un máximo de 10 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:

10 puntos no caso de concellos solicitantes que conten cun plan municipal de emerxencia fronte á seca aprobado nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia del e a xustificación da súa aprobación.

5 puntos no caso de concellos solicitantes que conten cun plan municipal de emerxencia fronte á seca aprobado nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia del pero non a xustificación da súa aprobación.

0 puntos no caso de concellos solicitantes que non xunten á solicitude un plan municipal de emerxencia fronte á seca aprobado nos últimos 5 anos.

4. A auditoría para a cuantificación de perdas. Ata un máximo de 10 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:

10 puntos no caso de concellos solicitantes que conten cunha auditoría para a cuantificación de perdas aprobada nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia dela e a xustificación da súa aprobación.

5 puntos no caso de concellos solicitantes que conten cunha auditoría para a cuantificación de perdas aprobada nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia dela pero non a xustificación da súa aprobación.

0 puntos no caso de concellos solicitantes que non xunten á solicitude unha auditoría para a cuantificación de perdas aprobada nos últimos 5 anos.

5. O plan de actuacións para a redución das perdas. Ata un máximo de 10 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:

10 puntos no caso de concellos solicitantes que conten cun plan de actuacións para a redución das perdas aprobado nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia del e a xustificación da súa aprobación.

5 puntos no caso de concellos solicitantes que conten cun plan de actuacións para a redución das perdas aprobado nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia del pero non a xustificación da súa aprobación.

0 puntos no caso de concellos solicitantes que non xunten á solicitude un plan de actuacións para a redución das perdas aprobado nos últimos 5 anos

6. O plan director de abastecemento municipal. Ata un máximo de 10 puntos. Os puntos distribuiranse da seguinte maneira:

10 puntos no caso de concellos solicitantes que conten cun plan director de abastecemento municipal aprobado nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia del e a xustificación da súa aprobación.

5 puntos no caso de concellos solicitantes que conten cun plan director de abastecemento municipal aprobado nos últimos 5 anos e que xunten á solicitude unha copia del pero non a xustificación da súa aprobación.

0 puntos no caso de concellos solicitantes que non xunten á solicitude un plan director de abastecemento municipal aprobado nos últimos 5 anos.

7. No suposto de que máis dunha solicitude obteña a mesma puntuación, o desempate realizarase tendo en conta os seguintes criterios:

1º. Maior puntuación na alínea a) dos criterios de valoración (poboación do concello).

2º. Menor número de habitantes do concello.

Artigo 14. Resolución, notificación e recursos

1. O órgano competente para resolver será a persoa titular da Dirección de Augas de Galicia.

2. Unha vez realizada a proposta de resolución, o órgano competente para resolver ditará a resolución do procedemento.

A resolución acordará tanto a selección como a desestimación e a non selección, por desistencia, renuncia ao dereito ou imposibilidade material sobrevida.

3. O prazo para ditar a resolución do procedemento iniciado en virtude desta convocatoria será de tres meses, contados a partir da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

4. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, ante o mesmo órgano, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ou desde o día en que se produza o acto presunto.

Artigo 15. Aceptación

1. As entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da selección e das condicións contidas nesta resolución, ou ben comunicar a renuncia á selección.

2. A aceptación supón a asunción dos compromisos e das obrigas recollidas no artigo 3 desta resolución.

O cumprimento e a eventual resolución rexerase polo previsto para os convenios de colaboración pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Augas de Galicia poderá exixir a presentación dun formulario de aceptación concreto.

3. Transcorrido o prazo sen que se produza manifestación expresa, poderá entenderse tacitamente rexeitada a selección e poderá realizarse unha nova a outro solicitante que inicialmente estivese en lista de espera.

Disposición adicional primeira. Impugnación da convocatoria

Contra esta resolución poderá interpoñerse, ante a Dirección de Augas de Galicia, recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Alternativamente, poderá interpoñerse directamente recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional segunda. Financiamento con fondos europeos das actuacións que execute Augas de Galicia

As actuacións derivadas do contrato de servizo de apoio á dixitalización en sistemas de xestión do ciclo integral da auga en entidades locais de menos de 20.000 habitantes de Galicia. Desenvolvemento, implantación e posta en marcha dunha rede autonómica de estacións dixitais de monitorización de sistemas de abastecemento de auga potable en alta, de clave OH.288.451, e da convocatoria do concurso para a selección dos concellos participantes estarán suxeitas ao réxime xurídico derivado do marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Actuación financiada cos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia (MRR) dentro do marco do dito plan en política panca II: infraestruturas e ecosistemas resilientes; compoñente 5: preservación do litoral e recursos hídricos; medida: investimento 3 (C5.I3): transición dixital no sector da auga (vixilancia e control do contorno dixital); fito nº 79: posta en funcionamento de ferramentas para mellorar o coñecemento e o uso dos recursos hídricos, e para rexistrar as precipitacións e outros datos meteorolóxicos para previr os riscos climáticos; proxecto 01 (C05.I03.P01): mellora do coñecemento e do uso dos recursos hídricos; subproxecto 13 (C05.I03.P01.S13): PERTE de dixitalización do ciclo da auga na Comunidade Autónoma de Galicia; campo de Intervención 011: solucións de TIC para a Administración.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2024

Roi Fernández Añón
Director de Augas de Galicia