DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Luns, 24 de xuño de 2024 Páx. 38461

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2024 pola que se dá publicidade á encomenda de xestión á Fundación Semana Verde de Galicia para a posta a disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a organización das probas selectivas de persoal estatutario do Sistema Sanitario Público de Galicia da categoría de médico/a de familia de atención primaria.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da encomenda á Fundación Semana Verde de Galicia, do 5 de xuño de 2024, para a posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a organización das probas selectivas de persoal estatutario do Sistema Sanitario Público de Galicia da categoría de médico/a de familia de atención primaria.

– Actividades: posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a realización das probas selectivas do Servizo Galego de Saúde para a cobertura de 271 prazas da categoría estatutaria de médico/a de familia de atención primaria.

O total de aspirantes admitidos/as nestas probas ascende a 606.

A actividade encomendada inclúe a posta á disposición dos espazos para a realización das probas co mobiliario e equipamento necesarios (megafonía, 1 pantalla LED de 5ˣ3 con cronómetro e tres pantallas de TV 55´ complementarias, cadeiras e mesas individuais, material de imprenta e sinalización), servizo de vixilancia e seguridade, persoal de servizos múltiples, sistema de seguridade antimóbil-detector de metais, calefacción (en función da situación climatolóxica), regulación de aparcadoiros, servizos de limpeza, módulos de sanitarios portátiles, conexión á internet por cable, servizo de imprenta, unha fotocopiadora, e servizos de restauración para persoal da organización.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, ten por obxecto a racionalización de todo o sector público autonómico e da actividade administrativa, así como a adopción de medidas dirixidas a unha maior eficiencia do gasto e á mellora da xestión do sector público autonómico.

O artigo 10 desta lei recolle os instrumentos e procedementos para facer efectivos os principios de cooperación, colaboración e asistencia, entre os que se encontran as encomendas de xestión, reguladas especificamente no artigo 13, que remite á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (LOFAXGA).

O artigo 10 da LOFAXGA prevé a posibilidade de encargar a realización de tarefas a entidades de dereito privado que reúnan a condición de medio propio da Administración ou entidade pública encomendante mediante resolución unilateral. A Fundación Semana Verde de Galicia é unha fundación do sector público autonómico de acordo co artigo 113 da LOFAXGA, na medida que o seu patrimonio fundacional, con carácter de permanencia, está formado en máis dun 50 % por bens e dereitos achegados ou cedidos pola Xunta de Galicia.

De acordo co artigo 47 da LOFAXGA, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Xunta de Galicia.

Prazo de vixencia: o encargo terá unha duración comprendida entre a data da súa sinatura e o 1 de xullo de 2024, tendo en conta as datas de realización das probas e o período de sete días previos e posteriores a estas, para o depósito e retirada de materiais.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2024

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade