DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 120 Venres, 21 de xuño de 2024 Páx. 38237

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

ANUNCIO do 10 de xuño de 2024, do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Centro, de apertura do trámite de competencia de proxectos do expediente de solicitude dunha concesión de augas superficiais no río Brea, con destino a uso industrial, no concello de Boiro, A Coruña (clave DH.A15.100614).

O ente público empresarial Augas de Galicia, mediante o presente anuncio, somete á competencia de proxectos a instancia presentada relativa á solicitude dunha concesión de augas superficiais para uso industrial no encoro de San Cosmade, conforme preceptúan os artigos 104 e seguintes do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico (en diante, RDPH), que establece un procedemento de tramitación de concesións e autorizacións administrativas para a instalación, ampliación ou adaptación de aproveitamentos de augas.

– Nome e enderezo do peticionario:

Jealsa Foods, S.A.

Rúa Vimeiro, nº 20.

15930 Boiro (A Coruña).

– Destino do aproveitamento: uso industrial.

– Caudal máximo instantáneo de auga solicitado: 36,00 l/s.

– Corrente de onde derivarán as augas: río Brea.

– Termo municipal onde radican as obras: Boiro (A Coruña).

A antedita petición tramitarase de conformidade co disposto no artigo 105 do RDPH, e ábrese deste modo o trámite de competencia de proxectos para que no prazo dun (1) mes, contado desde a publicación deste anuncio no Boletín Oficial da provincia da Coruña, o peticionario presente instancia en que concrete a correspondente petición e demais aspectos previstos no antedito artigo 105, e achegue con ela o proxecto e a demais documentación prescrita no artigo 106 do regulamento. Admítense tamén, durante este prazo, outras peticións que teñan o mesmo obxecto que aquela ou sexan incompatibles con ela, e poderanse presentar, xunto con estas, proxectos en competencia.

Denegarase a tramitación posterior de toda petición que supoña unha utilización de caudal superior ao dobre do que figura máis arriba como petición base do concurso, de acordo co artigo 105 do RDPH, sen prexuízo de que o peticionario que o pretenda poida, dentro do prazo fixado neste anuncio para a admisión de peticións, acollerse á tramitación indicada no parágrafo 3 do antedito artigo 105 do RDPH. Remitirá a súa petición na forma prevista no artigo 104 e solicitará a paralización do trámite da solicitude publicada inicialmente. Neste caso, coa petición achegará xustificante acreditativo do ingreso na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública dunha fianza pola cantidade de sesenta mil (60.000) euros por cada m3/s de caudal solicitado, para responder da presentación do documento técnico correspondente á súa petición.

A desprecintaxe dos documentos técnicos realizarase na forma sinalada no artigo 107 do RDPH e terá lugar transcorridos quince días desde que conclúa o prazo de presentación de peticións nas dependencias do edificio administrativo de Augas de Galicia, sitas na rúa Tomiño, 16, baixo, 15781 Santiago de Compostela.

As peticións presentaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia utilizando o modelo xenérico de presentación de escritos (https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A), indicarase no destino a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, Augas de Galicia, e farase referencia á clave do expediente que figura no encabezamento deste anuncio. Os documentos técnicos e ambientais presentaranse nun sobre debidamente precintado e lacrado (catro exemplares: un en formato papel e tres en formato dixital, con acceso restrinxido con clave), na forma indicada para a presentación de arquivos que superen os 50 MB, de xeito que se presentarán presencialmente nalgunha das oficinas de rexistro. No exterior deste sobre indicarase tamén como destino a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, Augas de Galicia, e farase referencia á clave do expediente que figura no encabezamento deste anuncio.

Alternativamente ao recollido no parágrafo anterior, o peticionario, se o desexa, poderá presentar, ao abeiro do disposto no artigo 106 do RDPH, a súa petición xunto cos catro exemplares da documentación técnica e ambiental (un en formato papel e tres en formato dixital), en sobre ou paquete pechado debidamente precintado e lacrado, ante o rexistro dos servizos centrais de Augas de Galicia, sito na praza Camilo Díaz Baliño, 7-9, 15781 Santiago de Compostela, á atención da directora de Augas de Galicia. Especificará no exterior do sobre ou paquete o expediente de solicitude da concesión de referencia e a clave deste que figura no encabezamento deste anuncio. Nesta modalidade de presentación será necesario pedir cita previa para levar a termo a presentación nalgún dos teléfonos seguintes: 981 54 47 26 e 981 56 68 80.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

Jesús Antonio Manrique Merino
Xefe do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica Galicia Centro