DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 19 de xuño de 2024 Páx. 37555

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

ORDE do 13 de xuño de 2024 pola que se nomea secretaria da Comisión de Toponimia.

A Comisión de Toponimia é o órgano de estudo, asesoramento e consulta da Xunta de Galicia para a determinación dos nomes oficiais da toponimia galega e para efectuar as consultas que sexan necesarias con tal fin.

As funcións e a composición da Comisión de Toponimia están reguladas no Decreto 174/1998, do 5 de xuño, polo que se modifica o Decreto 43/1984, do 23 de marzo, polo que se regulan as funcións e a composición da Comisión de Toponimia.

Mediante a Orde do 3 de maio de 2021 nomeáronse os membros da Comisión de Toponimia (DOG núm. 83, do 4 de maio).

O Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude establece no seu artigo segundo que a Comisión de Toponimia, regulada polo Decreto 174/1998, do 5 de xuño, está adscrita a esta consellería, co carácter, misión e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras. Na disposición adicional quinta establece ademais que as referencias á Consellería de Presidencia e Administración Pública contidas no Decreto 174/1998, do 5 de xuño, entenderanse realizadas á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Segundo a normativa anteriormente indicada, a persoa secretaria da Comisión, con voz e sen voto, será un/unha funcionario/a da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude designado/a polo conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude.

De conformidade coas atribucións que me confire o artigo 3 do citado Decreto 174/1998, do 5 de xuño,

DISPOÑO:

Nomear secretaria da Comisión de Toponimia a María Coutinho Villanueva, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2024

José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude