DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 19 de xuño de 2024 Páx. 37673

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario da categoría de facultativo/a especialista de atención primaria.

A Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro) creou no Servizo Galego de Saúde a categoría estatutaria de facultativo/a especialista de atención primaria.

Mediante a Resolución do 18 de abril de 2022 (DOG núm. 251, do 31 de decembro), desta dirección xeral, convocouse o primeiro proceso selectivo, polo sistema de concurso, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo da categoría de facultativo/a especialista de atención primaria, e resolveuse o proceso en primeira fase mediante a Resolución do 13 de outubro de 2022 (DOG núm. 202, do 24 de outubro). O prazo de toma de posesión iniciouse na categoría o 25 de outubro de 2022.

Transcorrido xa o período dun ano desde a primeira toma de posesión na categoría de facultativo/a especialista en atención primaria, coa finalidade de aplicar a esta categoría o procedemento de concurso de traslados aberto e permanente, cuxas bases foron aprobadas pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 20 de novembro de 2017 (DOG núm. 227, do 29 de novembro), modificadas pola Resolución do 25 de abril de 2023 (DOG núm. 86, do 5 de maio), e así facer efectivo o dereito á mobilidade voluntaria do persoal estatutario fixo recoñecido no artigo 17 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, pola que se aproba o Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, favorecer a conciliación da vida laboral e familiar e acadar un mellor desenvolvemento profesional, esta dirección xeral, en virtude das facultades conferidas polo Decreto 145/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG núm. 101, do 27 de maio),

RESOLVE:

Primeiro. Publicar a convocatoria de concurso de traslados para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario da categoría de facultativo/a especialista de atención primaria.

Esta convocatoria manterá a súa vixencia no tempo cunha oferta de prazas e adxudicación de destinos que terán unha periodicidade mínima anual e que serán publicadas, ambas as resolucións, no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Segundo. A solicitude de participación no concurso deberase efectuar a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Procesos), dirixirase a unha unidade de validación das relacionadas no propio formulario electrónico de inscrición e deberá presentarse por rexistro electrónico.

Terceiro. As persoas interesadas poderán presentar a solicitude de participación en calquera momento, sen suxeición a prazo, desde o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

En cada ciclo anual de adxudicación, tras este primeiro, incluiranse as solicitudes de participación e petición de destinos que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de xaneiro do respectivo ano.

Con carácter excepcional, e exclusivamente para o primeiro ciclo de adxudicación, admitiranse as solicitudes de participación que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 1 de xullo de 2024. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, esta Dirección Xeral publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola cal se declaran con carácter provisional os/as concursantes admitidos/as e excluídos/as, e a publicidade da oferta de prazas correspondente ao ciclo 2024.

Os méritos que se valorarán neste primeiro ciclo anual serán os causados ata o 15 de decembro do ano anterior, inclusive, que consten debidamente rexistrados en Fides/expediente-e e acreditados documentalmente pola persoa interesada ata o último día do prazo de presentación das solicitudes de participación.

Cuarto. Serán de aplicación a este proceso as bases aprobadas pola Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do 20 de novembro de 2017 (DOG núm. 227, do 29 de novembro), modificadas pola Resolución do 25 de abril de 2023 (DOG núm. 86, do 5 de maio), así como o baremo de méritos aprobado pola Resolución do 23 de maio de 2017, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (DOG núm. 105, do 5 de xuño), coa peculiariedade de que na epígrafe de formación e outras actividades serán tidos en conta como méritos propios da categoría de facultativo/a especialista de área de atención primaria, ademais dos que poidan estar dirixidos á categoría, os que estean dirixidos á categoría de médico de familia de atención primaria.

Quinto. Para efectuar as consultas e resolver as dúbidas que xurdan en relación con este procedemento, habilítase o seguinte enderezo de correo electrónico:

concurso.traslados@sergas.es

Sexto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos