DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 17 de xuño de 2024 Páx. 36682

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 10 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se publica a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as e se aproba a oferta de destinos do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal sanitario e de xestión e servizos no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024.

Mediante a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 20 de novembro de 2017 (DOG núm. 227, do 29 de novembro), modificada pola Resolución do 25 de abril de 2023 (DOG núm. 86, do 5 de maio), aprobáronse as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia.

Na base 3.4 da resolución de bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente establécese que as persoas interesadas poderán presentar a solicitude de participación en calquera momento, sen suxeición a prazo, desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. En cada ciclo anual de adxudicación incluiranse as solicitudes de participación que consten rexistradas no Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de xaneiro do ano en curso.

Na súa base 7.1 disponse que, dentro do prazo dos quince días naturais seguintes ao da publicación no Diario Oficial de Galicia da oferta de prazas correspondente a cada ciclo anual de adxudicación, o/a concursante poderá modificar a través do Fides/expedient-e, no seu formulario de participación, a selección de prazas efectuada.

Finalizado o prazo xeral de presentación de solicitudes do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024, e de conformidade coa Resolución do 20 de novembro de 2017 pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia (DOG núm. 227, do 29 de novembro), esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Aprobar a relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos/as no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2024 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.

As listas coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as en cada unha das categorías están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal no Fides/expedient-e/sección de procesos.

De conformidade coa base oitava da resolución das bases do 20 de novembro de 2017, as persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen corrixir, se é o caso, o defecto que motivou a exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir á unidade de validación á cal se dirixise a solicitude de participación no concurso.

As persoas que, tendo presentado debidamente a súa solicitude de participación para este ciclo, non consten como admitidas nin excluídas disporán do mesmo prazo para formularen a súa reclamación.

A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se declaren con carácter definitivo os/as admitidos/as e excluídos/as e que fará públicas, así mesmo, as puntuacións e os destinos provisionalmente asignados.

As persoas solicitantes que, dentro do prazo indicado, non emenden os defectos motivo da exclusión serán definitivamente excluídas da participación neste ciclo.

Segundo. Na categoría de facultativo/a especialista de área nas especialidades de cirurxía oral e maxilofacial, cirurxía pediátrica, cirurxía plástica, estética e reparadora, inmunoloxía e oncoloxía radioterápica, de conformidade coa Resolución do 11 de xaneiro de 2024, desta dirección xeral, pola que se publica o acordo da Mesa Sectorial sobre os prazos de execución do concurso de traslados (DOG núm. 15, do 22 de xaneiro), a aprobación da relación provisional de solicitantes admitidos/as e excluídos adíase á finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación fixado para estas especialidades no 5 de xullo. Ata esta data os solicitantes deberán seleccionar os destinos ofertados e realizar as modificacións na orde de prelación, e non está prevista a publicación dunha nova oferta de destinos neste ano 2024.

Terceiro. Aprobar a oferta de destinos correspondente ao ciclo de adxudicación do ano 2024 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.

A relación de prazas ofertadas por categoría e os centros nos cales poden existir resultas está publicada na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), na sección de emprego público/concurso de traslados/concurso de traslados aberto e permanente 2024.

Ademais, poderá ser consultada polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal no Fides/expedient-e/sección de procesos.

Cuarto. Os/as profesionais que figuren na relación de participantes deste ciclo disporán dun prazo de quince días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen modificar a través de Fides/expedient-e, no seu formulario de participación, a selección de destinos efectuada, se así o desexan.

As modificacións que se realicen na selección de destinos deberanse presentar por rexistro electrónico e non requirirán a entrega de ningunha documentación. Terase en conta a última modificación presentada por rexistro electrónico, dentro do prazo indicado.

De igual forma, os/as aspirantes que, resultando admitidos/as con carácter provisional neste proceso, non tiveran seleccionado na instancia de participación ningún destino, disporán do prazo de quince días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, para efectuaren a través do Fides/expedient-e, mediante o oportuno rexistro electrónico, a selección de destinos que consideren.

De conformidade coa base 3.5.1 da Resolución do 20 de novembro de 2017, pola que se aproban as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente, aquelas solicitudes de participación que, logo do prazo anteriormente sinalado, non conteñan a selección de, polo menos, un destino, non terán a consideración de solicitude validamente presentada e quedarán excluídas automaticamente do ciclo de adxudicación en curso.

Quinto. Os/as profesionais que opten a algún dos destinos que exixen habilitacións específicas para o seu desempeño deberán rexistrar, dentro do prazo de quince días naturais seguintes ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a posesión de tal competencia no Fides/expedient-e, na epígrafe doutros méritos, e deberán acreditar documentalmente no mesmo prazo, mediante certificación orixinal ou copia compulsada ou auténtica dirixida á mesma unidade de validación en que presentaron a solicitude de participación, a posesión de tal habilitación.

Os/as profesionais que, tendo optado a algún destes postos, non acreditasen na forma e no prazo expostos as condicións exixidas para o seu desempeño, non poderán resultar adxudicatarios/as deles.

Sexto. A adxudicación dun destino neste proceso de mobilidade voluntaria suporá a obriga para o/a profesional adxudicatario/a do cumprimento dos requisitos e das condicións do posto que se detallan na relación de prazas ofertadas, que se fai pública mediante esta resolución. En caso contrario, o/a profesional decaerá do dereito a obter ou, de ser o caso, manter tal destino con carácter definitivo.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2024

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos