DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Venres, 14 de xuño de 2024 Páx. 36258

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

ANUNCIO do 3 de xuño de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, polo que se acorda dar un novo prazo de participación pública ao documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Torre de Hércules, pertencente ao concello da Coruña.

A contorna da Torre de Hércules foi declarada de xeito provisional espazo natural de interese local (ENIL) mediante a Orde do 27 de decembro de 2019 (DOG núm. 7, do 13.1.2020). Esta orde condicionou a súa declaración definitiva á presentación, por parte do Concello, dun plan de conservación. O Concello formalizou a súa remisión o día 9 de setembro de 2021.

O día 17 de abril de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia un Anuncio da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en que se acordaba someter a participación pública o documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Torre de Hércules, pertencente ao concello da Coruña.

O documento base do plan quedou á disposición do público para a súa consulta na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, para poder realizar suxestións desde o día 18 de abril ata o 20 de maio.

Durante este período de participación pública houbo un fallo na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e non estivo dispoñible a consulta do documento base durante varios días.

Visto o anterior e conforme o establecido no artigo 16 da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, e no artigo 133 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

ACORDO:

Primeiro. Abrir un novo período de participación ao público do documento base do Plan de conservación do espazo natural de interese local Torre de Hércules durante o prazo de 10 días, contado o dito período desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Durante o citado prazo poderase consultar o documento base do Plan na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

https://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/consulta-publica-previa/consultas-abertas

Así como na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático:

https://cmatv.xunta.gal/seccion-tema/c/CMAOT_Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Participacion_publica/seccion.html&std=Participacion_publica.html

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

1. A través do formulario disposto para este fin na ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicada no punto segundo deste anuncio.

2. Mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: planificacion.conservacion@xunta.gal, poñendo no asunto Documento base do Plan de conservación ENIL Torre de Hércules.

3. Mediante a presentación de escrito dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2024

María Sol Díaz Mouteira
Directora xeral de Patrimonio Natural