DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 13 de xuño de 2024 Páx. 35876

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 31 de maio de 2024 pola que se aproban as bases xerais reguladoras e se convoca o proceso selectivo de acceso por oposición libre (código de procedemento PR461B) e o proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461D) nos corpos da Policía Local de Galicia, escala básica, categoría de policía.

De conformidade co establecido no Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos da Policía Local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local (DOG núm. 222, do 22 de novembro), modificado polo Decreto 20/2019, do 28 de febreiro (DOG núm. 49, do 11 de marzo), a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, en virtude da delegación conferida para o efecto polos concellos interesados,

DISPÓN:

Aprobar as bases xerais reguladoras e convocar o proceso selectivo de acceso por oposición libre (código de procedemento PR461B) e o proceso de provisión por mobilidade (código de procedemento PR461D) nos corpos da Policía Local, escala básica, categoría de policía, subgrupo C1.

1. Obxecto da convocatoria.

1.1. O obxecto desta convocatoria é o acceso por oposición libre e a provisión por mobilidade das prazas dos corpos da Policía Local, escala básica, categoría de policía, subgrupo C1, que se detallan no anexo III.

As prazas non cubertas no proceso de provisión por mobilidade acumularanse ao proceso de acceso por oposición libre e serán publicadas a través de resolución da persoa titular da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública (en diante, Agasp).

1.2. Os citados procesos rexeranse polo establecido nestas bases e para o non previsto observarase o disposto en:

a) Na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

b) No Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

c) No Decreto 115/2017, do 17 de novembro, polo que se regula a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia cos concellos na selección dos membros dos corpos da Policía Local, vixilantes municipais e auxiliares de policía local, no non modificado na disposición derradeira primeira do Decreto 15/2023.

d) Na Orde do 28 de xaneiro de 2009 pola que se determinan as probas de selección, temarios e baremos de méritos para o ingreso, promoción interna e mobilidade dos corpos de policías locais para a integración dos vixilantes e auxiliares de policía ou interinos, para o acceso como vixilantes municipais e a contratación de auxiliares de policía de tempada, que manterá a súa vixencia nas materias que non se opoñan ao disposto no Decreto 15/2023, citado na letra anterior.

1.3. Os códigos dos procedementos regulados nesta orde son o PR461B, para o proceso de acceso por oposición libre, e o PR461D, para o proceso de provisión por mobilidade.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para o proceso de acceso por oposición libre (PR461B):

a) Ter a nacionalidade española.

b) Ter feitos os dezaoito anos e non exceder, de ser o caso, a idade de xubilación forzosa.

c) Estar en posesión da titulación académica de bacharel ou técnico. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato, regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.

d) Non padecer enfermidade ou defecto físico que impida o desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa fose separada ou inhabilitada.

f) Carecer de antecedentes penais por delito doloso.

g) Ser titular dos permisos de conducir das clases A2 e B.

h) Compromiso por escrito de portar armas durante o servizo e, se é o caso, chegar a utilizalas nos casos e circunstancias legalmente establecidos, que presentará en forma de declaración xurada ou segundo o modelo que se exixa na convocatoria.

i) Presentación dun informe de saúde, asinado por persoal facultativo, en que se faga constar expresamente que a persoa aspirante reúne as condicións físicas e psíquicas para realizar os exercicios físicos que se especifiquen na correspondente proba da oposición, que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicte no dito informe. Este informe de saúde debe ser expedido dentro dos 15 días inmediatamente anteriores á data de realización da primeira proba de aptitude física.

2.2. Para o proceso de provisión por mobilidade (PR461D):

a) Encontrarse na situación administrativa de servizo activo na categoría de policía.

b) Ter unha antigüidade mínima de tres anos na categoría de policía.

c) Levar máis de tres anos de tempo efectivo e continuado no actual destino.

d) Non encontrarse en situación administrativa de segunda actividade, salvo os casos de segunda actividade por embarazo ou lactación.

e) Estar en posesión da titulación académica de bacharel ou técnico. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberán posuír o documento que acredite fidedignamente a súa homologación ou a credencial de recoñecemento do título para efectos profesionais.

f) Carecer de antecedentes penais por delito doloso.

Os requisitos enumerados neste artigo, tanto para o acceso por oposición libre como para a provisión por mobilidade, deberán acreditarse na data de presentación da solicitude, dentro do prazo fixado nesta convocatoria, e deberanse manter ata que remate o proceso.

3. Solicitudes.

3.1. Forma e prazo de presentación.

3.1.1. Para o proceso de acceso por oposición libre (PR461B):

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal, que é o anexo I desta orde (código de procedemento PR461B).

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas aspirantes deberán indicar na súa solicitude, na epígrafe «Idioma do exame» se o texto da primeira proba deberá entregarse en idioma galego ou en idioma castelán. Unha vez realizada a opción e presentada a solicitude, a persoa aspirante non poderá modificar a opción.

3.1.2. Para o proceso de provisión por mobilidade (PR461D):

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal, que é o anexo II desta orde (código de procedemento PR461D).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Non se terá en conta a documentación que non quede debidamente acreditada dentro do prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes de participación no proceso vincularán as persoas solicitantes unha vez finalizado o prazo de presentación destas.

Poderase renunciar a participar neste proceso en calquera momento ata os dez días hábiles seguintes ao da publicación da relación definitiva de persoas admitidas e non admitidas no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG).

No suposto de estaren interesados en varias prazas ofertadas no anexo III desta orde, deberanas solicitar por orde de preferencia.

As prazas que non se cubran polo procedemento de mobilidade aumentarán as de libre.

3.1.3. Presentación electrónica. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3.1.4. Prazo de presentación de solicitudes e publicación. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Boletín Oficial del Estado. O anuncio desta convocatoria será publicado tamén nos boletíns provinciais das catro provincias galegas.

3.3. Taxas.

3.3.1. Aboamento das taxas.

Por imperativo legal, de conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, como requisito necesario para participar neste proceso deberase aboar dentro do prazo de presentación de solicitudes, en concepto de dereito de inscrición, o importe de 33,13 euros e, de ser o caso, os gastos de transferencia correspondentes.

O pagamento da taxa poderá facerse:

a) Electronicamente: con cargo a unha tarxeta de crédito ou débito e, no caso de que se teña certificado dixital, poderase tamén facer con cargo a unha conta bancaria da persoa titular. No momento de facer o pagamento obterase un xustificante (modelo 730).

b) Presencialmente: neste caso deberase imprimir o documento de pagamento (modelo 739) e realizar o ingreso do importe da taxa en calquera das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia, onde se lle deberá selar o xustificante coa data do pagamento.

Os códigos para cubrir as taxas son os seguintes:

Consellería: Presidencia, Xustiza e Deportes. Código 04.

Delegación: Servizos Centrais. Código 13

Servizo: Academia Galega de Seguridade Pública. Código 19

Taxa: Denominación: inscrición nos procesos selectivos para a selección de persoal dos corpos da Policía Local de Galicia. Código 30.03.04.

A falta de pagamento da taxa correspondente ou a falta de xustificación desta en prazo determinará a exclusión no proceso da persoa aspirante, e non será posible a súa corrección fóra do prazo de presentación de solicitudes.

A presentación do xustificante de aboamento das taxas non suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude de participación no proceso.

Finalizado correctamente o proceso de pagamento, poderase presentar a solicitude.

3.3.2. Exención e bonificación no aboamento da taxa. Sempre que se cumpra o resto de requisitos.

a) Estarán exentas do pagamento desta taxa por dereito de inscrición:

• As persoas con discapacidade igual o superior ao 33 %.

• As persoas membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

b) Aplicarase unha bonificación do 50 % do importe da taxa ás:

• Persoas membros de familias numerosas de categoría xeral.

• Persoas que figuren como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data da convocatoria das probas selectivas en que soliciten a súa participación e non estean a percibir prestación ou subsidio por desemprego.

• Vítimas do terrorismo, tal e como se describe no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando coa solicitude a documentación que se especifica no punto 3.4 desta orde.

3.3.3. Devolución das taxas.

A Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva, ou ben que non figuren en ningunha das listas, que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no DOG das listas definitivas de admitidos e excluídos.

Para iso será necesario presentar un escrito en que se solicite a devolución e no cal consten o número de conta (24 díxitos), a entidade financeira e a súa localidade, ou ben un certificado expedido pola entidade financeira en que figuren eses datos. Esta documentación deberá ser dirixida ao Servizo de Coordinación, Planificación e Selección da Agasp. A presentación deste escrito sen os datos indicados ou fóra de prazo suporá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

3.4. Documentación que se deberá presentar para participar no proceso.

3.4.1. Documentos:

3.4.1.1. Para o proceso selectivo de acceso por oposición libre (PR461B):

a) Solicitude (anexo I) debidamente cuberta e asinada (código de procedemento PR461B).

b) Xustificante do pagamento da taxa con código 30.03.04: modelo 730 ou 739, dependendo de se o pagamento foi electrónico ou presencial, dentro do prazo establecido.

c) Certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o devandito carácter sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, xa que nese caso se poderá consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo I da solicitude.

d) Tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ou certificado de discapacidade expedido polo órgano competente na materia, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

e) Resolución administrativa pola que se recoñeza a condición de vítima de terrorismo, de ser o caso.

f) No caso de ser demandante de emprego: a) certificación negativa da percepción actual de prestación/subsidio por desemprego e b) antigüidade como demandante de emprego.

g) Certificado do Celga 4 ou equivalente, sempre que non sexa expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, xa que nese caso se poderá consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo I da solicitude.

3.4.1.2. Para o proceso de provisión por mobilidade (PR461D):

a) Solicitude (anexo II) debidamente cuberto e asinado (código de procedemento PR461D).

b) Xustificante do pagamento da taxa con código 30.03.04: modelo 730 ou 739, dependendo de se o pagamento foi electrónico ou presencial, dentro do prazo establecido.

c) Certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o devandito carácter, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, xa que nese caso se poderá consultar, sempre que a persoa non se opoña á súa consulta no anexo II da solicitude.

d) Tarxeta acreditativa do grao de discapacidade ou certificado de discapacidade expedido polo órgano competente na materia, sempre que non sexa expedido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.

e) Resolución administrativa pola que se recoñeza a condición de vítima de terrorismo, de ser o caso.

f) Relación dos méritos que se acrediten, por cada un dos puntos de que consta o concurso, segundo o especificado no anexo V.

g) Copias da documentación acreditativa dos méritos alegados. A documentación acreditativa dos méritos deberase presentar na orde en que figura cada un dos méritos na relación de méritos do anexo V.

h) Certificado acreditativo en que conste que se cumpren os requisitos recollidos no punto 2.2 desta convocatoria de:

• Encontrarse na situación administrativa de servizo activo na categoría de policía.

• Ter unha antigüidade mínima de tres anos na categoría de policía desde a data de nomeamento como funcionario de carreira.

• Levar máis de tres anos de tempo efectivo e continuado no actual destino.

• Non encontrarse en situación administrativa de segunda actividade, salvo os casos de segunda actividade por embarazo ou lactación.

3.4.2. Presentación.

3.4.2.1. Para o proceso de acceso por oposición libre (PR461B): os documentos relacionados no punto 3.4.1.1 presentaranse preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3.4.2.2. Para o proceso de provisión por mobilidade (PR461D): a documentación relacionada no punto 3.4.1.2 deberase presentar electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3.4.3. Responsabilidade. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos/as aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que correspondan.

3.4.4. Presentación separada. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código do procedemento (PR461B ou PR461D) e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3.4.5. Tamaño máximo e formatos admitidos. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3.5. Comprobación de datos.

Para tramitar estes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

3.5.1. Para o proceso de acceso por oposición libre (PR461B):

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Título oficial non universitario exixido (bacharelato, técnico ou equivalente).

d) Certificado de inexistencia de antecedentes penais.

e) Consulta dos permisos de conducir da persoa solicitante.

f) Certificado do Celga 4 ou equivalente expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Titulo de familia numerosa expedido pola Administración autonómica.

b) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia

c) Situación de desemprego.

3.5.2. Para o proceso de provisión por mobilidade (PR461D):

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Títulos oficiais non universitarios

d) Títulos oficiais universitarios

e) Certificado de inexistencia de antecedentes penais.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Titulo de familia numerosa expedido pola Administración autonómica.

b) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia

Nos dous procedementos (libre e mobilidade), no caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado nos formularios da solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

3.6. Notificacións.

3.6.1. Modalidades. Poden ser electrónicas ou en papel.

3.6.1.1. Para o proceso de acceso por oposición libre (PR461B): as notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. Non obstante, as persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se realicen ou se deixen de realizar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario. No caso de optar pola notificación en papel, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3.6.1.2. Para o proceso de provisión por mobilidade (PR461D): as notificacións de resolucións e actos administrativos realizaranse obrigatoriamente por medios electrónicos.

3.6.2 Notificación electrónica.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear de oficio o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e, rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda a el.

Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, realizarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3.7. Publicación dos actos.

3.7.1. Publicación no DOG. Publicaranse no DOG, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas:

– A relación provisional de persoas admitidas e non admitidas.

– A relación definitiva de persoas admitidas e non admitidas.

Para o proceso de acceso por oposición libre (PR461B), xunto coa relación definitiva de persoas admitidas e non admitidas, publicaranse a data e lugar de realización da primeira e segunda probas.

3.7.2 Publicación na web. Publicaranse na páxina web da Agasp (www.agasp.xunta.gal), ademais das publicacións no DOG relativas ao proceso:

3.7.2.1. Para o proceso de acceso por oposición libre (PR461B): as resolucións do tribunal coas datas e lugares de realización das restantes probas selectivas, os resultados destas provisionais e definitivas, a relación de persoas que obtivesen praza e as demais comunicacións do proceso.

3.7.2.2. Para o proceso de provisión por mobilidade (PR461D): as resolucións do tribunal, o resultado do baremo provisional e definitivo, a relacións, de persoas que obtivesen praza e as demais comunicacións do proceso.

3.8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

3.8.1. Para o proceso de acceso por oposición libre (PR461B): a sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao comezo do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os devanditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3.8.2. Para o proceso de provisión por mobilidade (PR461D): todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados accedendo ao Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Publicación da lista provisional de admitidos e excluídos. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a Dirección Xeral da Agasp publicará no DOG e na páxina web da Agasp a resolución pola que se declaren con carácter provisional as persoas admitidas e excluídas, xunto co motivo da exclusión. De non existiren persoas excluídas, ou que as persoas excluídas o estean por motivos non emendables, a listaxe será considerado como definitiva.

No proceso de acceso por oposición libre (PR461B) tamén se publicarán as persoas aspirantes exentas ou non exentas da realización da proba de coñecementos da lingua galega.

4.2. Prazo para alegacións. As persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no DOG, para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión ou a non exención da proba de coñecementos da lingua galega, de ser o caso.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que presentaron debidamente a solicitude de participación nos procesos, pero que non constan nin como admitidas nin como excluídas na relación publicada.

4.3. Non emendable. Non se poderá emendar a presentación de solicitudes fóra do prazo habilitado para este efecto nin a falta de pagamento da taxa establecida.

4.4. Listaxe definitiva. As estimacións ou desestimacións das solicitudes de emenda entenderanse implícitas na resolución da Dirección Xeral da Agasp pola que se aprobe a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas, que se publicará no DOG e na páxina web da Agasp, con indicación do lugar, da data e da hora de realización do primeiro e segundo exercicios, no caso do acceso por oposición libre (PR461B).

4.5. Cumprimento dos requisitos. O feito de figurar na relación de persoas admitidas non prexulgará que se lles recoñeza ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos para participar nos procesos.

Cando da documentación que deben presentar tras superar a oposición se desprenda que non posúen algún dos requisitos, as persoas interesadas decaerán en todos os dereitos que puideren derivar da súa participación.

5. Tribunal cualificador.

5.1. Nomeamento e composición. O nomeamento dos tribunais cualificadores destes procesos correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de seguridade e a composición será de cinco persoas titulares e cinco persoas suplentes (presidente/a, tres vogais e secretario/a) pertencentes a un corpo, escala ou categoría profesional en que se requira para o seu ingreso a titulación de bacharelato, técnico ou superior. A composición será paritaria, segundo o establecido no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia. Na súa composición terase en conta o estipulado no artigo 6 do Decreto 115/2017, anteriormente citado.

5.2. Funcións. Sen prexuízo das competencias de ordenación material e temporal propias da Agasp, correspóndenlle ao tribunal as seguintes funcións:

5.2.1. Para o proceso de acceso por oposición libre (PR461B): a determinación concreta do contido das probas, a cualificación das persoas aspirantes, a emisión de cantos informes lle sexan requiridos derivados da súa intervención no proceso selectivo, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas en prol do correcto desenvolvemento das probas selectivas e da resolución de incidencias.

5.2.2. Para o proceso de provisión por mobilidade (PR461D): a baremación dos méritos e o envío para a súa publicación na web da Agasp, tanto provisional, como definitiva, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante, a emisión de cantos informes lle sexan requiridos derivados da súa intervención no proceso, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas en prol do correcto desenvolvemento do proceso e da resolución de incidencias.

5.3. Abstención e recusación. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección, aprobadas mediante a Resolución do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 11 de abril de 2007, e no acordo adoptado no Consello da Xunta do 8 de abril de 2010.

A persoa titular da Presidencia deberalles solicitar aos membros do tribunal e, de ser o caso, ao persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos unha declaración expresa de non estaren incursos en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

En todo caso, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorra neles algunha das circunstancias referidas nos termos establecidos no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

5.4. Substitución. A persoa titular do órgano que nomee o tribunal publicará no DOG a resolución correspondente pola cal se nomeen os novos membros do tribunal, que substituirán os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base anterior.

5.5. Sesións. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles a partir da publicación do nomeamento do tribunal no DOG. Na devandita sesión o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso.

A partir da sesión de constitución para a válida constitución do órgano, para os efectos da realización de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a asistencia, presencial ou a distancias das persoas titulares da Presidencia e da Secretaría ou, de ser o caso, daquelas que a supla, e a metade, polo menos, dos seus membros.

Para as sesións de execución de probas, ou cando estas deban levarse a cabo coa presenza de persoas asesoras especialistas, bastará a intervención dun integrante dos tribunais, comisionado para o efecto, para asegurar a correcta realización da proba.

Mediante acordo dos seus membros, o tribunal poderá decidir a autoconvocatoria para a seguinte ou seguintes sesións que teñan lugar, sen necesidade de citación por escrito.

Das sesións realizadas polo tribunal redactarase a acta correspondente, que será asinada polo/a secretario/a co visto e prace do/da presidente/a.

5.6. Procedemento de actuación. O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ao disposto nestas bases; na Lei 40/2015, do 1 de outubro; nas instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos tribunais de selección da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ao resto do ordenamento xurídico.

5.7. Persoal asesor especialista e colaborador. O tribunal poderá propor a incorporación aos seus traballos de persoal asesor especialista para as valoracións que considere pertinentes, quen se deberá limitar a colaborar nas súas especialidades técnicas e terá voz, pero non voto.

5.8. Limitación. En ningún caso o tribunal poderá propor a adxudicación de prazas nin declarar que superou o proceso un número superior de aspirantes ao de postos convocados. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.9. Recursos. Os acordos adoptados polo tribunal do proceso poderán ser obxecto de recurso de alzada, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

6. Desenvolvemento do proceso de acceso por oposición libre (PR461B).

6.1. Procedemento de selección. O procedemento de selección será o de oposición por quenda libre e posteriormente as persoas que superen este proceso selectivo serán nomeadas funcionarias en prácticas nos respectivos concellos.

6.2. Probas selectivas. A oposición constará de cinco probas eliminatorias, de modo que non poderán pasar á seguinte as persoas aspirantes que non acaden a cualificación mínima establecida para cada unha delas. A orde en que se deberán desenvolver é a seguinte:

1. Probas de avaliación dos coñecementos.

2. Proba de avaliación do coñecemento da lingua galega, só para aquelas persoas que non puideron acreditalo documentalmente, e que se realizará xunto coa proba anterior.

3. Probas de aptitude física.

4. Probas psicotécnicas.

5. Recoñecemento médico.

Facúltase o tribunal cualificador, unha vez rematada a proba de coñecementos, para establecer por orde decrecente de puntuación as persoas aspirantes que deban desenvolver o resto das probas, por quendas consecutivas de resultar necesario, cuxo número non será inferior en todo caso ao dobre das prazas convocadas:

6.2.1. Primeira proba. Proba de avaliación de coñecementos.

Nesta proba as persoas aspirantes deberán demostrar a súa preparación intelectual e o seu dominio dos contidos da totalidade do temario que figura no anexo IV desta orde.

Consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de 100 preguntas tipo test, con 4 alternativas de resposta cada unha. As persoas aspirantes disporán dun tempo máximo de dúas (2) horas para a súa realización.

A proba cualificaraa o tribunal de 0 a 10 puntos e será preciso alcanzar cinco puntos, como mínimo, para non quedar eliminado/a. A cualificación farase atendendo á seguinte fórmula: N=(A-F/3)/10, onde N=nota final da proba; A=preguntas acertadas; F=preguntas falladas ou non contestadas.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do temario que no momento da publicación desta orde conten con publicación oficial no boletín ou diario correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

Para respectar os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e seguridade xurídica que deben rexer no acceso ao emprego público, o tribunal establecerá e informará as persoas aspirantes, con anterioridade á realización da proba, dos criterios de corrección, valoración e superación que non estean expresamente establecidos nestas bases.

O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes en cuxos exercicios figuren marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

As decisións e os acordos que afecten a cualificación e a valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberanse adoptar sen coñecer a identidade das persoas aspirantes a que corresponden os resultados obtidos.

O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que esta proba sexa corrixida sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes.

As persoas aspirantes poderán levar a copia das súas respostas. No prazo das vinte e catro (24) horas seguintes publicarase o contido do exercicio e o cadro de respostas correctas na páxina web da Agasp.

6.2.2. Segunda proba: proba de avaliación do coñecemento da lingua galega.

Nesta proba as persoas aspirantes deberán demostrar que comprenden correctamente o galego.

Estarán exentas da realización desta proba aquelas persoas que estean en posesión do título Celga 4 ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 (DOG múm. 146, do 30 de xullo), pola que se regulan os certificados oficiais xustificativos dos niveis de coñecemento da lingua galega, ou norma que a substitúa.

As persoas non exentas realizarán esta segunda proba a continuación da primeira que consistirá na tradución dun texto do castelán ao galego e doutro texto do galego ao castelán. Os textos serán elixidos polo tribunal inmediatamente antes de realizarse a proba.

O exercicio terá unha duración máxima dunha (1) hora.

O exercicio valorarase como apto/a ou non apto/a e para superalo será necesario obter o resultado de apto/a. Corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para alcanzar o resultado de apto/a.

6.2.3. Terceira proba. Probas de aptitude física.

Nestas probas as persoas aspirantes deberán demostrar as súas capacidades de forza, resistencia, axilidade, flexibilidade e velocidade para as funcións que teñen que desempeñar.

As probas físicas terán a cualificación de apto/a ou non apto/a. Para obter a cualificación de apto/a os/as aspirantes deberán alcanzar as marcas mínimas ou non superar as máximas que se establecen para cada proba.

Os exercicios realizaranse pola orde en que están relacionados e cada un é eliminatorio para realizar o seguinte.

As persoas aspirantes entregaranlle ao tribunal un informe médico en que se faga constar expresamente que a persoa aspirante reúne as condicións físicas e sanitarias para a realización dos exercicios físicos que se especifiquen na correspondente proba da oposición, o que non excluirá as comprobacións posteriores do que se reflicta no certificado médico.

Este informe médico deberá ser expedido dentro dos quince (15) días inmediatamente anteriores ao da data de realización da primeira proba de aptitude física. A non presentación do dito documento suporá a exclusión da persoa aspirante do proceso.

Establécense diferentes marcas para cada sexo. As probas realizaranse de forma individual, agás as de velocidade, resistencia xeral e natación, que se poderán facer de forma colectiva se así o considera o tribunal cualificador. Nas probas de resistencia xeral e natación disponse dunha soa posibilidade de execución; no resto permitirase unha segunda realización cando na primeira non se obteña a cualificación de apto/a.

O desenvolvemento de cada unha das probas físicas deberase realizar en lugares axeitados ao tipo de proba que se vai executar. En todas as probas se deberá empregar un sistema de medición que garanta a exactitude e a certeza das marcas individuais obtidas por cada opositor/a.

As persoas aspirantes deberanse presentar á realización das probas coa roupa e co calzado que consideren adecuados. Para a proba de natación, as persoas aspirantes utilizarán traxes de baño (que achegarán elas mesmas) do modelo que desexen. Queda prohibida a utilización de traxes de neopreno ou similares e de axudas para a flotabilidade e/ou o incremento da velocidade de calquera tipo.

1ª. Proba de velocidade: carreira de 50 metros lisos.

Realizarase nunha pista de atletismo ou en calquera zona totalmente chá de terreo compacto.

A persoa aspirante colocarase na pista no lugar sinalado e poderá realizar a saída de pé ou agachada, sen utilizar tacos de saída.

As marcas máximas (en segundos) exixidas para a superación da proba son:

Homes: 7.40”.

Mulleres: 8.20”.

2ª. Proba de potencia de tren superior: os homes realizarán flexións de brazos e as mulleres, suspensión en barra.

2ª.a) Flexión de brazos (homes):

Realizarase nun ximnasio ou nun campo de deportes.

Iniciarase desde a posición de suspensión pura, agarrando a barra coas palmas das mans núas, á fronte, e cos brazos totalmente estendidos.

A flexión completa realizarase de maneira que o queixo asome por riba da barra. Antes de iniciar outra nova flexión será necesario estender totalmente os brazos. Non se permite o balanceo do corpo ou a axuda con movementos das pernas, e efectuaranse de forma continuada.

Contaranse soamente as flexións completas e realizadas correctamente. O número mínimo exixible é de 10 flexións.

2ª.b) Suspensión en barra (mulleres):

Realizarase nun ximnasio ou nun campo de deportes.

O exercicio consiste en permanecer, o maior tempo posible, na posición que se describe: brazos flexionados, presa coas palmas da man cara atrás, pernas completamente estendidas e sen tocar o chan, queixo situado por riba da barra e sen ter contacto con ela.

O tempo mínimo exixido para a superación da proba é de 52 segundos.

3ª. Proba de potencia de tren inferior: salto horizontal.

Realizarase nun ximnasio ou nun campo de deportes, con chan horizontal e coa superficie adecuada para efectuar a medición das marcas.

A persoa aspirante colocarase de pé detrás dunha liña sen pisala, cos pés separados, paralelos entre si e á mesma altura (realizarase o salto desde a posición de parada). Realizará un salto horizontal e caerá cos dous pés ao chan. Medirase a distancia entre a liña de saída ata a marca do apoio de caída máis próximo á liña.

As marcas mínimas exixidas (en centímetros) para a superación da proba son:

Homes: 210 cm.

Mulleres: 185 cm.

4ª. Proba de resistencia xeral: carreira de 1.000 metros lisos.

Realizarase nunha pista de atletismo ou en calquera zona totalmente chá de terreo compacto.

A persoa aspirante colocarase na pista no lugar indicado. A saída realizarase en pé.

Será eliminado o/a corredor/a que abandone a pista durante a carreira.

As marcas máximas (en minutos e segundos) exixidas para a superación da proba son:

Homes: 3’30”.

Mulleres: 4’10”.

5ª. Proba de natación: 25 metros estilo libre.

Realizarase nunha piscina que permita efectuar o percorrido sen facer viraxes.

A persoa aspirante poderase colocar para a saída ben sobre a plataforma, ben no bordo da piscina, ou ben no interior do vaso, e neste último caso deberá permanecer en contacto co bordo da saída.

Unha vez que se dea o sinal de saída, as persoas aspirantes, ben en mergullo ou por impulsión sobre a parede, segundo a situación de partida adoptada, iniciarán a proba empregando calquera estilo para a súa progresión.

As marcas máximas (en segundos) para a superación da proba son:

Homes: 0’24”.

Mulleres: 0’28”.

6.2.4. Cuarta proba. Probas psicotécnicas.

Estas probas están dirixidas a determinar as actitudes e aptitudes persoais das persoas aspirantes e a súa adecuación ás funcións policiais que deberán desempeñar, e comprobarán que presentan un perfil psicolóxico axeitado.

Terán que ser efectuadas e valoradas por persoal especialista e cualificaranse como apto/a ou non apto/a. Para superalas será necesario obter o resultado de apto/a no conxunto das probas realizadas.

1ª. Proba de intelixencia.

Realizarase unha valoración do nivel intelectual e doutras aptitudes específicas explorando todos ou varios dos aspectos seguintes: intelixencia xeral, comprensión e fluidez verbal, comprensión de ordes, razoamento cognitivo, atención discriminativa e resistencia á fatiga intelectual.

2ª. Probas de personalidade.

As probas de personalidade orientaranse a avaliar os trazos da personalidade máis significativos e relevantes para o desempeño da función policial, así como o grao de adaptación persoal e social dos aspirantes. Así mesmo, deberá descartarse a existencia de síntomas ou trastornos psicopatolóxicos e/ou da personalidade.

Exploraranse os aspectos que a continuación se relacionan: estabilidade emocional, autoconfianza, capacidade empática e interese polos demais, habilidades interpersoais, control axeitado da impulsividade, axuste persoal e social, capacidade de adaptación a normas, capacidade de afrontamento do estrés e motivación polo traballo policial.

3ª. Entrevista persoal.

Os resultados obtidos nas probas deberán ser obxecto de contraste mediante a realización dunha proba individual, que consistirá na contestación dun cuestionario, formulado verbalmente, coa finalidade de valorar tamén o estado psicolóxico dos candidatos. Deste modo, á parte das características de personalidade sinaladas anteriormente, exploraranse, ademais, os seguintes aspectos: existencia de niveis disfuncionais de estrés ou de trastornos do estado de ánimo; problemas de saúde; consumo excesivo ou risco de alcohol ou outros tóxicos e grao de medicación; expectativas respecto da función policial.

6.2.5. Quinta proba. Recoñecemento médico.

O recoñecemento médico será efectuado por facultativos especialistas e o seu fin é garantir que os/as aspirantes estean nas condicións idóneas para o exercicio das funcións policiais propias do posto de traballo.

Cualificarase como apto/non apto.

Para os efectos da exclusión do/da aspirante, terase en conta o seguinte:

1. Obesidade-delgadeza.

Obesidade ou delgadeza manifestas que dificulten ou incapaciten para o exercicio das funcións propias do cargo.

Índice de masa corporal (IMC) non inferior a 18,5 nin superior a 29,9. Considérase o IMC como a relación resultante de dividir o peso da persoa expresado en quilos polo cadrado da estatura expresada en metros.

2. Calquera enfermidade, padecemento ou alteración de carácter físico, psíquico ou sensorial que a xuízo dos facultativos médicos impida, limite ou dificulte o exercicio das funcións policiais. Para os diagnósticos establecidos neste anexo teranse en conta os criterios das sociedades médicas das especialidades correspondentes.

As exclusións garantiranse coas probas complementarias necesarias para o diagnóstico.

Para estes efectos, aplicarase o cadro de exclusións médicas publicado no BOE do 12 de maio de 2021 incluído no Real decreto 326/2021, do 11 de maio, polo que se aproba o cadro médico de exclusións para o ingreso na Policía Nacional.

7. Desenvolvemento dos exercicios do proceso de acceso por oposición libre (PR461B).

7.1. Orde de actuación. A orde de actuación das persoas aspirantes será a orde alfabética e comezará por aquelas persoas cuxo primeiro apelido comece pola letra H, conforme o establecido na Resolución do 31 de xaneiro de 2024 pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 29, do 9 de febreiro).

O tribunal, unha vez finalizado o primeiro exercicio, establecerá por orde decrecente de puntuación o número de aspirantes que deberá desenvolver o resto das probas, por quendas consecutivas de resultar necesario.

7.2. Identificación. As persoas aspirantes deberanse presentar a cada exercicio provistas de DNI ou outro documento fidedigno que, a xuízo do tribunal, acredite a súa identidade. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar a súa identidade.

7.3. Participantes. Os exercicios realizaranse a porta pechada sen outra asistencia que a das persoas aspirantes, os membros do tribunal e as persoas designadas como colaboradoras.

7.4. Chamamento único. O chamamento para cada exercicio será único, na data e na hora indicadas, sen posibilidade de aprazamento, de maneira que as persoas aspirantes que non comparezan serán excluídas, salvo os casos debidamente xustificados, que resolverá o tribunal, e os amparados nun precepto legal, como o suposto que se describe a continuación.

7.5. Mulleres embarazadas, parto ou posparto. As aspirantes que, polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación e previsión de parto, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, prevexan a posibilidade de coincidencia coas datas de realización de calquera dos exames ou probas previstos no proceso selectivo, poderano pór en coñecemento do tribunal e xuntarán coa comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos dous días seguintes ao anuncio da data do exame e o tribunal determinará, con base na información de que dispoña, se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, ou ben un aprazamento da proba, ou ben ambas as dúas medidas conxuntamente.

Así mesmo, poderase aprazar durante un tempo de ata seis meses o desenvolvemento das probas físicas que lles corresponda efectuar, prazo que podería prorrogarse como máximo outros seis meses en caso xustificado, acreditado mediante o correspondente certificado médico. Este aprazamento das probas físicas non afectará por si só o resto das probas para os demais participantes.

Para o caso de que a puntuación final das persoas que se acollesen ao dereito de aprazamento non poida superar a puntuación final do resto das persoas que participan no proceso selectivo, a estas daráselles por superado o proceso selectivo sen que sexa necesario esperar a realizar a totalidade das probas por parte das persoas que se acollesen ao dereito de aprazamento.

Independentemente do anterior, a aspirante poderá renunciar a realizar as demais probas físicas e, en consecuencia, a participar no proceso selectivo, con reserva do posto ordinal acadado na proba de coñecementos para o seguinte proceso selectivo que se convoque.

En ningún caso as probas de recoñecemento médico considerarán como circunstancias negativas para os efectos do proceso selectivo calquera que fose derivada da situación de embarazo e lactación. Por solicitude da muller que acredite encontrarse nestas circunstancias, os tribunais poderán determinar que estas probas médicas se realicen en calquera outra fase ou momento do proceso selectivo. Tamén o tribunal poderá sinalar razoadamente de oficio, oída a afectada, unha nova data para súa realización.

7.6. Prohibicións. Durante o tempo fixado para realizar as probas non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil, reloxos ou soportes con memoria; queda prohibido o acceso ao recinto con tales dispositivos e constitúe causa de inadmisión no chamamento a simple tenza destes.

7.7. Cumprimento dos requisitos. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento ou dúbidas fundadas de que algunha persoa aspirante non cumpre algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria, comunicarallo á Agasp para que esta lle requira os documentos acreditativos do seu cumprimento.

7.8. Anuncio das probas. O anuncio de realización dos exercicios publicarase na páxina web da Agasp con antelación suficiente, tendo en conta que desde a finalización dunha proba ata o comezo da seguinte terá que transcorrer un prazo mínimo de dous días, segundo o artigo 11.2.h) do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro.

7.9. Anulación de preguntas da primeira proba. Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións que as persoas interesadas poden presentar, anula algunha ou algunhas preguntas incluídas na proba de coñecementos, anunciarao na páxina web da Agasp. Neste suposto serán tidas en conta as cuestións de reserva, que terán unha puntuación igual ás do resto do exercicio.

7.10. Puntuación do proceso. A puntuación das persoas aspirantes que superen todas as probas do proceso selectivo virá determinada pola puntuación da primeira proba: proba de avaliación de coñecementos .

7.11. Criterios de desempate. Tendo en conta que nos corpos da Policía Local de Galicia existe infrarrepresentación feminina, no suposto de empate nas puntuacións de dúas ou máis persoas aspirantes, acudirase por orde aos seguintes criterios ata que se resolva:

a) Criterio de desempate recollido no artigo 153 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, segundo o cal o empate se resolverá a favor da muller.

b) Menor tempo rexistrado na proba de resistencia xeral, carreira de 1.000 metros lisos.

c) Menor tempo rexistrado na proba de velocidade, carreira de 50 metros lisos.

d) En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

7.12. Alegacións. As persoas aspirantes poderán efectuar alegacións ás súas cualificacións en cada proba ou fase do proceso selectivo. Para estes efectos, concederase un prazo de cinco (5) días, que se contarán desde a publicación da resolución do tribunal pola cal se fan públicas as puntuacións do correspondente exercicio.

8. Desenvolvemento do proceso de provisión por mobilidade (PR461D).

8.1. Concurso. Consistirá na valoración, por parte do tribunal, dos méritos que concorran nas persoas aspirantes, de conformidade co baremo de méritos que se recolle no anexo V desta convocatoria e no anexo III da Orde do 28 de xaneiro de 2009, que non terá carácter eliminatorio.

8.2. Criterios de baremación.

a) Soamente se terán en conta os documentos acreditativos que aquelas presentasen ata o peche do prazo de presentación de solicitudes, sen que se poidan presentar méritos no período de alegacións.

b) Non se tomarán en consideración nin serán valorados os méritos que non queden debidamente acreditados en todos os seus aspectos no momento da finalización do prazo de presentación de instancias.

c) Normas para ter en conta na aplicación dos baremos:

No punto 1: «Titulacións académicas oficiais»: non se valorarán:

– A titulación requirida para o acceso á categoría a que se aspira, salvo que se posúa máis dunha.

– As titulacións necesarias ou as que se empregasen como vía de acceso para a obtención dunha titulación superior xa valorada.

– As titulacións que non estean recoñecidas polo ministerio competente na materia como títulos académicos de carácter oficial e con validez en todo o territorio nacional. Deberase achegar a correspondente declaración oficial de equivalencia, ou disposición en que se estableza esta e, de ser o caso, o BOE en que se publicou.

No punto 3: «Formación profesional e docencia»:

– Valoraranse segundo os puntos especificados no anexo V, distinguindo entre actividades formativas de asistencia (AS) e actividades formativas con exame de aproveitamento (AP):

• Os cursos de formación profesional ou outras actividades formativas desenvolvidas directamente pola Agasp, ou mediante convenios ou protocolos de colaboración con concellos, deputacións e outras entidades públicas.

• Os cursos de manifesto interese policial homologados pola Agasp, superados nas universidades, administracións públicas ou a través dos plans de formación continua.

– Valorarase na epígrafe de docencia, cos puntos detallados no anexo V, a participación como profesor en cursos ou noutras actividades formativas desenvolvidas:

• Directamente pola Agasp, ou mediante convenios ou protocolos de colaboración con concellos, deputacións e outras entidades públicas, dirixidos en particular aos corpos da Policía Local, ou tamén ao colectivo das forzas e corpos de seguridade.

• Nas universidades, administracións públicas ou a través dos plans de formación continua, cando se trate de actividades formativas de manifesto interese policial dirixidas en particular aos corpos da Policía Local, ou tamén ao colectivo das forzas e corpos de seguridade.

– Non se terán en conta, para os efectos de valoración:

• Os cursos obrigatorios que formen parte do proceso de selección para o acceso a calquera categoría ou emprego dos corpos e forzas de seguridade.

• Os cursos repetidos, salvo que transcorrese un período superior a cinco anos desde a finalización do primeiro curso.

• Os cursos necesarios para a obtención das titulacións do número 1 do anexo V nin a superación de materias deles.

• A formación profesional e a docencia realizadas con data anterior á toma de posesión como funcionario/a de carreira.

No número 4: «Distincións e recompensas»:

– Terase en conta a normativa ao respecto na materia, en particular o estipulado no capítulo III do título VIII do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais.

No número 5: «Idiomas»:

– Valoraranse os coñecementos de idiomas, distintos do castelán e do galego, acreditados por certificado de escola oficial de idiomas.

– Tómase como referencia a táboa do anexo II de equivalencias, Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro, publicado no BOE do 23 de decembro de 2017.

– Os ciclos refírense ao plan antigo e os niveis aos certificados actuais. Corresponden a letra A (A1 e A2) ao nivel básico; a letra B (B1 e B2), ao nivel intermedio, e a letra C (C1 e C2), ao nivel avanzado.

– Só se terá en conta o ciclo ou nivel de máis valor dos que se acrediten por cada idioma: máximo 2 puntos por cada idioma que se acredite distinto do galego e do castelán.

No número 6: lingua galega:

– Só se terá en conta o título de máis nivel dos que se acrediten: máximo 2 puntos.

8.3. Baremación provisional. A baremación realizada polo tribunal publicarase na páxina web da Agasp, con indicación da puntuación obtida por cada aspirante. Contra a baremación provisional as persoas aspirantes que o consideren oportuno poderán presentar reclamacións, ante o propio tribunal, no prazo de cinco (5) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da baremación.

8.4. Baremación definitiva. Á vista das reclamacións que se presenten, e no caso de seren estimadas, realizaranse as oportunas correccións na baremación e realizarase a publicación definitiva na páxina web da Agasp.

8.5. Adxudicación de prazas. A orde de prelación das persoas aspirantes que serán propostas para a adxudicación das prazas convocadas efectuarase de acordo coa suma das puntuacións obtidas na fase de concurso. O número de persoas propostas non poderá ser superior ao de prazas convocadas no proceso.

8.6. Criterios de desempate. No caso de empate nas puntuacións finais obtidas por dúas ou máis persoas aspirantes, aplicaranse os seguintes criterios de prelación ata que se produza o desempate:

a) Preferencia pola muller, mentres se manteña a infrarrepresentación do sexo feminino, nos termos expresados no artigo 153 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, segundo o cal o empate se resolverá a favor da muller.

b) Maior antigüidade na categoría e, de persistir o empate e resultar posible, na categoría inmediata inferior, e así de xeito sucesivo.

c) Puntuación máis alta referida aos méritos do número 3 de formación profesional e docencia.

d) Posesión de titulación académica de máis nivel.

e) Sorteo. No caso de persistir o empate despois da aplicación dos criterios anteriores, realizarase un sorteo entre as persoas aspirantes.

9. Relación de persoas aprobadas e lista de reserva, elección de prazas, presentación de documentación e nomeamento como persoal funcionario en prácticas para o proceso de acceso por oposición libre (PR461B).

9.1. Relación de persoas aprobadas e lista de reserva. Unha vez rematado o proceso de acceso por oposición libre, o tribunal elaborará por orde decrecente da puntuación a listaxe de persoas aprobadas. O número destas persoas non poderá superar o de prazas convocadas.

Así mesmo, o órgano de selección elaborará, tamén por orde decrecente de puntuación, unha listaxe de reserva cun número de persoas aspirantes, que será, como máximo, igual ao de persoas aprobadas. Na listaxe de reserva figurarán aquelas persoas aspirantes que, aínda que superaron as probas do proceso, non resultaron aprobadas por obteren unha puntuación inferior á da última persoa que obtivo praza.

Ambas as dúas listas serán publicadas na páxina web da Agasp.

9.2. Elección de praza. A Dirección Xeral da Agasp, a través da súa páxina web, convocará as persoas aprobadas a unha reunión presencial para elixir praza, dentro das comprendidas nesta convocatoria, por rigorosa orde da puntuación obtida no proceso, tendo en conta os criterios de desempate.

A concorrencia por parte das persoas aprobadas á reunión prevista neste artigo soamente se poderá aprazar nos supostos e nos termos previstos nos artigos 16 e 17 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, polo que se desenvolve a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, para as probas das oposicións.

Ás persoas aprobadas ás cales non se lles aprazase a reunión citada nesta base e que non comparezan persoalmente, ou por medio de representante, seranlles adxudicadas as prazas que lles correspondan segundo a puntuación obtida no proceso selectivo, unha vez concluído o proceso de adxudicación das persoas aprobadas presentes ou representadas, entre as que queden sen adxudicar.

Unha vez asignadas as prazas de acordo co previsto nesta base, a Dirección Xeral da Agasp publicará na súa páxina web a relación destas co nome das persoas ás cales foron adxudicadas e comunicaralles os datos destas aos concellos que correspondan, xunto coa data prevista para o comezo do preceptivo curso selectivo de formación e a documentación precisa que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos para o seu nomeamento como funcionarios/as en prácticas.

A partir do día seguinte ao da publicación da adxudicación das prazas, as persoas ás cales se lles adxudicasen disporán dun prazo de cinco (5) días hábiles para a presentación ante o concello, para os efectos que correspondan.

As persoas aspirantes que dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do exame dela se deducise que carecen dalgún dos requisitos non poderán ser nomeadas persoal funcionario en prácticas e quedarán sen efecto as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorran por falsidade na solicitude inicial.

9.3. Nomeamento como persoal funcionario en prácticas. Unha vez acreditada a posesión dos requisitos exixidos, e inmediatamente antes do comezo do curso selectivo de formación, as persoas aspirantes serán nomeadas persoal funcionario en prácticas mediante resolución da correspondente alcaldía, que se publicará no Boletín Oficial da provincia (BOP).

As persoas así nomeadas permanecerán na dita situación desde o comezo do curso selectivo ata que se produza o seu nomeamento como persoas funcionarias de carreira ou a súa exclusión do proceso.

O curso selectivo de formación será convocado a través de resolución da Dirección Xeral da Agasp en que se indicará a data de inicio.

En caso de renuncia, falecemento, falta de xustificación dos requisitos para o nomeamento, incapacidade absoluta sobrevida ou concorrencia de calquera outra causa que impida o nomeamento dunha persoa aspirante como persoal funcionario en prácticas ou prive de eficacia o nomeamento xa realizado, o concello comunicaralle esta circunstancia á Dirección Xeral da Agasp, que substituirá a persoa afectada pola primeira que figure na lista de reserva, sempre con anterioridade ao desenvolvemento do correspondente curso selectivo de formación.

9.4. Curso selectivo de formación.

As persoas aspirantes aprobadas deberán superar un curso selectivo de formación teórico-práctico na Agasp como requisito indispensable para acceder á condición de persoal funcionario de carreira na categoría de policía, escala básica, de conformidade co disposto no artigo 36 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e nos artigos 51 a 55 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, de desenvolvemento desta lei.

O curso terá unha duración de 1.400 horas lectivas, 900 horas de formación teórico-práctica na Agasp en réxime de internado e 500 horas de prácticas nos respectivos concellos de procedencia.

Só estarán dispensadas de realizar o devandito curso aquelas persoas que xa o superasen con anterioridade na Agasp. En tal caso, serán nomeadas directamente persoal funcionario de carreira na categoría de policía.

No caso da non incorporación ao curso ou de abandono deste sen rematalo, salvo por causas excepcionais, considerarase que a persoa aspirante non superou o proceso.

O alumnado que non supere o curso teórico-práctico na Agasp, incluídas as probas de carácter extraordinario, perderá todos os dereitos alcanzados no proceso.

Aos funcionarios e funcionarias en prácticas seralles de aplicación o Regulamento de réxime interior da Agasp durante o seu curso de formación e o período de prácticas, e con carácter supletorio, cando os feitos non constitúan falta no dito regulamento, seranlles de aplicación as normas do réxime disciplinario da Policía Local de Galicia, recollidas na Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e na normativa de desenvolvemento.

A cualificación do curso de formación e do período de prácticas quedará en suspenso ante a concorrencia sobrevida de calquera causa de exclusión ata que non se resolva o expediente que se incoe.

10. Proposta de adxudicación de prazas no concello correspondente no proceso de provisión por mobilidade (PR461D).

10.1. O tribunal remitiralle á Agasp a proposta de adxudicación de praza nos correspondentes concellos, segundo o resultado do concurso de méritos, en número non superior ao de prazas convocadas, xunto con igual número de reservas, de xeito que cada persoa aspirante só pode estar proposta para a adxudicación dunha das prazas convocadas no proceso, de conformidade coa súa puntuación e coa orde de preferencia indicada na solicitude de participación no proceso.

10.2. A Agasp notificaralles esta proposta aos concellos interesados no prazo de cinco (5) días hábiles desde a súa publicación para que eleven a definitiva tal proposta e se realice a adxudicación das prazas.

Así mesmo, a Agasp comunicaralle, no suposto de quedaren prazas vacantes ou declaradas desertas, a súa incorporación á convocatoria de oposición libre.

De conformidade co artigo 43.6 da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, e co artigo 41 do Decreto 15/2023, do 12 de xaneiro, de desenvolvemento da lei anterior, os destinos adxudicados son irrenunciables, excepto que con anterioridade á finalización do prazo posesorio se obteña outro destino mediante convocatoria pública. Nese caso, a persoa adxudicataria poderá optar e comunicar a opción elixida. Unha vez comunicada esta circunstancia á Agasp da praza a que renuncia, poderá tomar posesión da outra praza obtida en paralelo noutra convocatoria pública.

O tribunal realizará neste suposto unha segunda e, de ser o caso, sucesivas propostas en favor da persoa candidata que obtivese a seguinte mellor cualificación no concurso.

Esta previsión sería aplicable tamén no caso de que a persoa candidata proposta non reúna os requisitos de participación, unha vez que sexan comprobados.

10.3. Cesamento e nomeamento. As persoas funcionarias seleccionadas para unha praza no proceso de mobilidade cesará no prazo dos cinco días seguintes á publicación da resolución do concurso e tomará posesión no prazo dos dez días seguintes ao cesamento. O tempo transcorrido entre a data do cesamento e a da toma de posesión computarase como de servizo activo no concello de destino. En todo caso, os prazos para a data do cesamento e da toma de posesión comezarán a contar unha vez que rematen os permisos ou licenzas que teña concedidos a persoa interesada. Nos supostos de incapacidade temporal, o cómputo do prazo para a toma de posesión iniciarase a partir da correspondente alta. Non obstante, no caso de licenzas ou permisos vinculados ao embarazo, parto e posparto, nacemento de fillo, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, as persoas funcionarias poderán cesar no posto que ocupa con carácter definitivo e tomar posesión no posto adxudicado no concurso, e continuarán o desfrute do permiso ata a súa finalización.

11. Procedementos penais ou administrativos pendentes.

Cando as persoas que participan no proceso teñan aberto, ou se lles abra con posterioridade, un procedemento penal ou administrativo que puider finalizar cunha condena por delito doloso, coa separación do servizo das administracións públicas ou a inhabilitación para o exercicio das funcións públicas, a admisión no proceso, a permanencia nel, así como o seu acceso no corpo da Policía Local, quedarán condicionados ao feito de que nos citados procedementos non se produza a condena ou separación referida.

O persoal participante, no suposto de estar nas situacións descritas no parágrafo anterior, debe comunicar tal situación e a Dirección Xeral da Agasp poderá solicitar en calquera momento do proceso unha declaración xurada de non encontrarse nas devanditas situacións.

A falsidade ou omisión de datos nesta declaración xurada dará lugar ás responsabilidades que se establezan no Regulamento de réxime interior da Agasp en relación co incumprimento das ordes ou disposicións ditadas pola Dirección Xeral da Agasp.

12. Información ás persoas interesadas.

Sobre esta convocatoria poderase obter información adicional na Agasp a través dos seguintes medios:

a) https://sede.xunta.gal/portada

b) Páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal).

c) No enderezo electrónico seleccion.agasp@xunta.gal

d) Nos teléfonos da Agasp 886 20 61 09, 886 20 61 16, 886 20 61 35 e 886 20 61 27.

e) No Servizo de Coordinación, Planificación e Selección da Agasp (avda. da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, Pontevedra).

Disposición adicional única

En virtude do establecido no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes acorda delegar a facultade de nomear o tribunal que deberá cualificar este proceso e, de ser o caso, a substitución dos membros que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.3 desta convocatoria na persoa titular da Dirección Xeral da Agasp.

Igualmente, acórdase delegar na persoa titular da Dirección Xeral da Agasp a resolución dos recursos de alzada que se interpoñan contra os acordos do tribunal nomeado para cualificar estes procesos.

Disposición derradeira única

1. Esta convocatoria e as súas bases vinculan a Administración, o tribunal encargado de xulgar o proceso e as persoas que nel participen.

2. Así mesmo, cantos actos administrativos sexan producidos polo tribunal, pola autoridade convocante ou polo órgano encargado da xestión poderán ser impugnados polos/as interesados/as, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Esta orde pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de seguridade no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, conforme a Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contado desde a mesma data, conforme a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

4. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Relación de prazas convocadas

Denominación: policía local Categoría: policía

Escala: básica Grupo: C1

Concello

Provisión por mobilidade
PR461D

Acceso por oposición libre
PR461B

1

A Coruña

6

12

2

A Guarda

1

3

A Laracha

2

4

Baiona

1

5

Bergondo

1

6

Betanzos

2

7

Boiro

1

6

8

Bueu

1

3

9

Cambre

1

10

Cangas

3

11

Carballo

3

5

12

Cedeira

1

13

Chantada

2

14

Lugo

3

7

15

Malpica de Bergantiños

1

16

Marín

1

1

17

Melide

1

18

Moaña

1

1

19

Narón

1

2

20

O Barco de Valdeorras

1

21

Ponteareas

1

22

Pontedeume

1

23

Pontevedra

9

24

Redondela

1

25

Ribeira

1

1

26

Sada

1

2

27

Santiago de Compostela

3

9

28

Teo

2

29

Tui

1

30

Vigo

3

8

31

Vilagarcía de Arousa

1

Totais

32

83

(*) As prazas que non se cubran por mobilidade incorporaranse ao acceso por oposición libre.

ANEXO IV

Temario para a primeira proba de avaliación de coñecementos
do proceso selectivo de acceso por oposición libre (PR461B)

1. O Estado. Concepto. Elementos. A división de poderes. Funcións. Organización do Estado español. Antecedentes constitucionais en España. A Constitución española de 1978. Estrutura e contido. A reforma da Constitución española. O Estado español como Estado social e democrático de dereito. Dereitos e deberes constitucionais; clasificación e diferenciación.

2. Dereitos fundamentais e liberdades públicas I: dereito á vida e á integridade. Liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto. Dereito á liberdade e seguridade. Dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe. A inviolabilidade do domicilio e o segredo das comunicacións. A liberdade de residencia e de circulación. O dereito á liberdade de expresión recoñecido no artigo 20 da Constitución.

3. Dereitos fundamentais e liberdades públicas II: dereito de reunión. Dereito de asociación. Dereito á participación nos asuntos públicos e ao acceso a funcións e cargos públicos. A tutela xudicial efectiva e a prohibición de indefensión. A imposición de condena ou sanción do artigo 25 da Constitución, sentido das penas e medidas de seguridade. Prohibición de tribunais de honra. O dereito á educación e á liberdade de ensino. Dereito á sindicación e á folga, especial referencia aos membros das forzas e corpos de seguridade. Dereito de petición.

4. Dereitos e deberes dos cidadáns. Os principios reitores da política social e económica. As garantías dos dereitos e liberdades. Suspensión xeral e individual destes. O Defensor do Pobo.

5. A Coroa. As Cortes Xerais. Estrutura e competencias. Procedemento de elaboración das leis. Formas de goberno. O Goberno e a Administración. Relacións do Goberno coas Cortes Xerais. Funcións do Goberno.

6. O Poder Xudicial. Principios constitucionais. Estrutura e organización do sistema xudicial español. O Tribunal Constitucional.

7. Organización territorial do Estado. As comunidades autónomas. O Estatuto de autonomía de Galicia. Estrutura e disposicións xerais. Institucións: Parlamento. Presidente e Consello de Goberno. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. O Valedor do Pobo.

8. Relación da Xunta de Galicia coa Administración do Estado e con outras comunidades autónomas. Competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. A reforma do Estatuto de autonomía de Galicia.

9. O dereito administrativo. Fontes e xerarquía das normas.

10. O acto administrativo. Concepto. Elementos. Clases. A validez dos actos administrativos; nulidade e anulabilidade. Notificación de actos administrativos. Cómputo de prazos. Recursos administrativos. Alzada e reposición; o recurso extraordinario de revisión.

11. O procedemento administrativo. Concepto e principios xerais. Clases. Os interesados. A estrutura do procedemento administrativo.

12. O réxime local español. Principios constitucionais e regulación xurídica. Tipos de entidades locais.

13. O municipio. Concepto e elementos. Competencias municipais. A provincia: concepto, elementos e competencias. A organización e o funcionamento do municipio. O Pleno. O alcalde. A Xunta de Goberno local. Outros órganos municipais.

14. Ordenanzas, regulamentos e bandos. Clases e procedemento de elaboración e aprobación.

15. A licenza municipal. Tipos. Actividades sometidas a licenza. Tramitación.

16. Función pública local. A súa organización. Adquisición e perda da condición de funcionario. Dereitos, deberes e incompatibilidades dos funcionarios. Situacións administrativas.

17. Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade. Funcións da policía local.

18. Lei de coordinación das policías locais de Galicia e normas de desenvolvemento. Réxime disciplinario: disposicións xerais e faltas disciplinarias.

19. A actividade da policía local como policía administrativa I: consumo. Abastos. Mercados. Venda ambulante. Espectáculos e establecementos públicos.

20. A actividade da policía local como policía administrativa II: urbanismo. Infraccións e sancións. A protección ambiental: prevención e calidade ambiental, residuos e disciplina ambiental.

21. A Lei de emerxencias de Galicia: aspectos fundamentais.

22. Delitos e delitos leves. Circunstancias modificativas da responsabilidade criminal. Persoas responsables: autores e cómplices. Graos de perfección do delito.

23. Delitos cometidos con ocasión do exercicio dos dereitos fundamentais e das liberdades públicas garantidos pola Constitución. Delitos cometidos polos funcionarios públicos contra as garantías constitucionais.

24. Delitos contra a Administración pública. Atentados contra a autoridade e os seus axentes. Desordes públicas.

25. Homicidio e as súas formas. Delitos leves contra as persoas. Delitos e delitos leves contra o patrimonio e a orde socioeconómica.

26. Delitos contra a seguridade viaria. Delitos leves cometidos con ocasión da circulación de vehículos de motor. Lesións e danos imprudentes.

27. O atestado policial na Lei de axuizamento criminal. Concepto e estrutura.

28. Detención: concepto, clases e supostos. Prazos de detención. Obrigas do funcionario que efectúa unha detención. Contido da asistencia letrada. Dereito do detido. Responsabilidades penais en que pode incorrer o funcionario que efectúa unha detención. O procedemento de habeas corpus.

29. Lei de seguridade viaria. Regulamentos de desenvolvemento. Estrutura e conceptos xerais.

30. Normas xerais de circulación: lugar na vía, velocidade, prioridade de paso, cambios de dirección e sentido. Adiantamentos. Paraxe e estacionamento. Vehículos e transportes especiais. Cinto e casco de seguridade.

31. Circulación por zonas peonís. Comportamento en caso de emerxencia. Sinais de circulación. Clasificación e orde de prioridade.

32. Procedemento sancionador por infraccións da normativa de circulación. Actuacións complementarias. Inmobilización e retirada de vehículos da vía pública. Carencia do seguro obrigatorio.

33. Accidentes de circulación: definición, tipos e actuacións da policía local. Alcoholemia. Datos. A súa consideración segundo a normativa vixente. Procedemento de indagación do grao de impregnación alcohólica.

34. Estrutura económica e social de Galicia: demografía, economía, servizos públicos, sociedade civil, novas tecnoloxías, patrimonio ecolóxico, social e cultural.

35. Vida en sociedade. Proceso de socialización. Formación de grupos sociais e masas. Procesos de exclusión e inclusión social. A delincuencia: tipoloxías e modelos explicativos.

36. Comunicación: elementos, redes, fluxos, obstáculos. Comunicación con superiores e compañeiros. Equipos de traballo e atención á cidadanía.

37. Minorías étnicas e culturais. Racismo e xenofobia. Actitude policial ante a sociedade intercultural.

38. Igualdade de oportunidades de homes e mulleres en Galicia: conceptos básicos; socialización e igualdade; políticas públicas de igualdade de xénero. Violencia contra as mulleres: descrición, plans de erradicación e atención coordinada ás vítimas.

39. A policía na sociedade democrática. O mandato constitucional. Valores que propugna a sociedade democrática. A dignidade da persoa. Sentido ético da prevención e a represión.

40. Deontoloxía policial. Normas que a establecen. A policía como servizo público.

ANEXO V

Táboa de méritos do proceso de provisión por mobilidade (PR461D)

Epígrafes

Descrición dos méritos que se van valorar

Valoración parcial
(en puntos)

1. Titulacións académicas oficiais

Título universitario de posgrao, doutoramento ou equivalente.

3,00

Título universitario de grao, licenciatura, arquitectura, enxeñaría ou equivalente.

2,00

Título de técnico superior, diplomatura universitaria, enxeñaría técnica, arquitectura técnica, diplomatura superior en Criminoloxía, Ciencias Policiais ou equivalente.

1,50

Bacharelato, técnico ou equivalente.

0,50

2. Antigüidade como persoal funcionario de carreira

Cada ano de servizo, ou fracción superior a seis (6) meses, nos corpos da Policía Local.

0,20

Cada ano de servizo, ou fracción superior a seis (6) meses, noutro corpo de seguridade

0,10

Cada ano de servizo, ou fracción superior a seis (6) meses, noutro corpo de calquera Administración pública.

0,05

3. Formación profesional e docencia

Como alumnado da Agasp ou en actividades conveniadas:

AS

AP

Cada hora en actividades de tipo presencial.

0,015

0,025

Cada hora en actividades de formación en liña.

0,010

0,020

Como alumnado noutras actividades alleas á Agasp:

Cursos ou actividades ata 20 horas.

0,20

0,30

Cursos ou actividades entre 21 e 40 horas.

0,35

0,50

Cursos ou actividades entre 41 e 70 horas.

0,45

0,65

Cursos ou actividades entre 71 e 100 horas.

0.50

0,75

Cursos ou actividades entre 101 e 200 horas.

0,75

1,00

Cursos ou actividades de máis de 200 horas

1,00

1,30

Como profesorado da Agasp ou en actividades conveniadas:

Cada hora en actividades de tipo presencial.

0,020

Cada hora en actividades de formación en liña.

0,015

Como profesorado noutras actividades alleas á Agasp:

Cada hora en actividades de tipo presencial.

0,015

Cada hora en actividades de formación en liña.

0,010

4. Distincións e recompensas oficiais

Placa individual ao mérito da Policía Local.

2,00

Placa colectiva ao mérito da Policía Local.

1,50

Medalla ao mérito da Policía Local.

1,00

Medalla ou cruz ao mérito policial doutros corpos.

0,75

Distincións do órgano colexiado competente do concello.

0,25

5. Idiomas

A) Ciclos (plan antigo)

Certificado de superación do ciclo elemental

1,00

Certificado de superación do ciclo superior

2,00

B) Niveis

Certificado de superación do nivel básico (A1/A2)

0,65

Certificado de superación do nivel intermedio (B1/B2)

1,30

Certificado de superación do nivel avanzado (C1/C2)

2,00

6. Lingua galega

Celga 1

0,25

Celga 2

0,50

Celga 3 ou curso de iniciación

0,75

Celga 4 ou curso de perfeccionamento

1,00

Curso de linguaxe administrativa nivel medio

1,50

Curso de linguaxe administrativa nivel superior

2,00