DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 10 de xuño de 2024 Páx. 35025

IV. Oposicións e concursos

Consellería do Medio Rural

ORDE do 3 de xuño de 2024 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante no Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei,

DISPOÑO:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I desta orde.

Segundo. Poderán concorrer a ela os/as funcionarios/as de carreira que reúnan os requisitos que se exixen para o desempeño do posto e que se especifican no anexo I.

Terceiro. As solicitudes dirixiranse á Consellería do Medio Rural e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos no prazo de quince (15) días, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar a dita solicitude está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, e para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán xuntar coa súa solicitude un curriculum vitae e xustificar documentalmente os méritos que aleguen.

Quinto. No caso de resultar seleccionado/a para ocupar o posto de traballo anunciado no anexo I desta orde un/unha funcionario/a con destino definitivo noutra Administración pública, o seu nomeamento requirirá o informe favorable do departamento onde preste servizos, e considerarase favorable de non emitirse no prazo de quince días, segundo o preceptuado no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes. Unha vez tramitado o seu traslado a esta comunidade autónoma, adxudicaráselle o posto para o cal foi seleccionado/a.

Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto de traballo de considerarse oportuno.

Sétimo. O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun mes.

O prazo de toma de posesión comezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar na data que se determine na resolución definitiva da libre designación con convocatoria pública. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar tamén desde a dita data. As convocatorias deberanse resolver no prazo máximo de dous meses, contado desde a data da súa publicación. En caso de non se resolver no dito prazo, declararase a caducidade do procedemento.

Oitavo. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoer recurso potestativo de reposición, ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes; contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2024

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

ANEXO I

Denominación do posto: subdirector/a xeral de Xestión da PAC.

Código: MR.O13.00.000.15770.001.

Nivel: 30.

Centro de destino: Subdirección Xeral de Xestión da PAC.

Localidade: Santiago de Compostela.

Grupo: A1.

Corpo/escala: especial.

Adscrición administracións públicas: A11 (adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e comunidades autónomas).

missing image file