DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 6 de xuño de 2024 Páx. 34357

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 29 de maio de 2024 pola que se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2023/24 (código de procedemento ED311D).

BDNS (Identif.): 765288.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Alumnado que cursase durante o ano académico 2023/24 cuarto curso de educación secundaria obrigatoria no réxime ordinario en calquera dos centros da Comunidade Autónoma de Galicia, que estea proposto polo equipo docente para a expedición do título de graduado en educación secundaria e obtivese no conxunto dos catro cursos de educación secundaria obrigatoria unha nota media igual ou superior a 9,00 puntos.

Segundo. Obxecto

Convocar, na Comunidade Autónoma de Galicia, os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico (código de procedemento ED311D) correspondentes ao curso 2023/24. Esta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, está dirixida ao alumnado que destacase polo seu rendemento académico na etapa de educación secundaria obrigatoria.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 29 de maio de 2024 pola que se convocan os premios extraordinarios de educación secundaria obrigatoria ao rendemento académico correspondentes ao curso 2023/24 (código de procedemento ED311D).

Orde ECD/1611/2015, do 29 de xullo (BOE núm. 183, do 1 de agosto), pola que se crean e regulan os premios nacionais ao rendemento académico do alumnado de educación secundaria obrigatoria e de ensinanzas artísticas profesionais nos ámbitos de música, danza e artes plásticas e deseño.

Cuarto. Importe

Vinte premios extraordinarios cunha dotación global de 20.000 €. Cada premio estará dotado con 1.000 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir da data de publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 29.7.2022; DOG núm. 151, do 9 de agosto)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional