DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Xoves, 6 de xuño de 2024 Páx. 34202

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2024, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se dá publicidade á modificación dos estatutos da Federación Galega de Caza.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, atribúelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de promoción do deporte.

Ao abeiro desta competencia, aprobouse a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, coa finalidade de promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional, de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico lle atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia.

Tendo en conta que unha parte esencial do desenvolvemento da actividade deportiva na Comunidade galega a constitúen os axentes deportivos, entre os que a normativa legal recolle as entidades deportivas, entidades que se agrupan en fórmulas asociativas sinxelas ou complexas xurdidas como froito das necesidades comúns nos logros de obxectivos na práctica das diversas modalidades deportivas e que, en virtude do disposto na normativa de aplicación, deben estar inscritas no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, regulado no Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de deportes (na actualidade, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes) a competencia para aprobar os estatutos das federacións deportivas galegas de conformidade co disposto no artigo 54.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril.

Os estatutos das federacións deportivas galegas e as súas modificacións publicaranse no Diario Oficial de Galicia, logo da aprobación destes pola Administración autonómica, de acordo co previsto no artigo 54.7 da Lei 3/2012, do 2 de abril.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, logo da súa inscrición e depósito, e en uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Dar publicidade aos estatutos da Federación Galega de Caza, que figuran como anexo, de conformidade coa Resolución de ratificación do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, do 15 de maio de 2024, e dos cales consta depositada copia íntegra no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co sinalado nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2024

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

ANEXO

Estatutos da Federación Galega de Caza

TÍTULO I

Denominación, domicilio, obxecto e natureza

Artigo 1

A Federación Galega de Caza (en diante, FGC) é unha entidade deportiva de dereito privado sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia que agrupa con carácter obrigatorio os deportistas profesionais ou afeccionados, xuíces e árbitros, técnicos, as sociedades ou asociacións, clubs, agrupacións e seccións deportivas, dedicadas á práctica do deporte da caza ou actividades que con ela se relacionen, e asume, de acordo coas disposicións legais vixentes, a dirección técnico-deportiva das actividades cinexéticas de caza maior e menor, caza con arco, con cans ou con aves de cetraría, tiro deportivo, agility, paxaros cantores e caza fotográfica, ou outras especialidades de práctica deportivo-cinexética existentes ou que se poidan crear, conforme o disposto na lexislación vixente, nestes estatutos, e nos regulamentos da Real Federación Española de Caza.

As anteriores actividades clasificaranse nas seguintes especialidades deportivas:

a) Competicións con especies cinexéticas:

1. Cans de parada (caza práctica).

2. Cans de rastro, nas disciplinas de rastro de coello, de lebre, de xabaril e de corzo.

3. Cetraría, nas disciplinas de baixo voo, de sky trial, de altanaría e de pequenas aves.

4. Caza con arco, na disciplina de arco ao voo.

5. San Huberto, nas disciplinas de San Huberto e de levantadores.

6. Raposo.

7. Caza menor con can.

8. Arceas.

b) Competicións sen especies cinexéticas:

1. Tiro deportivo:

– Percorridos de caza con pratos.

– Compak sporting con pratos.

– Caza con arco, na disciplina de percorridos de caza con arco.

– Field target e hunting field target.

2. Agility.

3. Paxarís (paxaros cantores).

4. Caza fotográfica e vídeo.

Ademais das competencias que lle son propias exerce, por delegación, funcións públicas de carácter administrativo, actuando como axente colaborador da Administración pública.

Artigo 2

1. A FGC goza para o cumprimento dos seus fins de personalidade xurídica propia e independente dos que a integran, e plena capacidade de obrar, está constituída de acordo co Decreto 228/1994, do 14 de xullo, da Consellería de Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, e réxese por estes estatutos, pola Lei 3/2012, do deporte de Galicia, e demais normativa emanada da Xunta de Galicia. Son de aplicación supletoria os estatutos da Real Federación Española de Caza e as normas estatais.

2. A FGC como federación deportiva está declarada de utilidade pública, o que comporta o recoñecemento dos beneficios que o ordenamento xurídico outorga con carácter xeral a esas entidades e, máis especificamente, os recoñecidos na Lei do deporte e no Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas.

3. A FGC non tolerará discriminación ningunha, xa sexa política, racial ou relixiosa, nin tolerará inxerencias de tal carácter no ámbito do seu cumprimento.

4. É o único organismo competente para emitir calquera documento acreditativo da condición deportiva dos cazadores, ou colectivos destes, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a emisión e entrega do pertinente título, consistente actualmente na licenza federativa de caza, e do que deberán proverse necesariamente as persoas ou entidades mencionadas no artigo 1 destes estatutos.

Artigo 3

O domicilio social da FGC queda establecido no Estadio Verónica Boquete de San Lázaro, porta 12, en Santiago de Compostela (15707), e poderá ser cambiado de localidade ou provincia, dentro do ámbito da Comunidade Autónoma, por acordo dos dous terzos dos membros asistentes á Asemblea Xeral, logo de proposta da Comisión Delegada.

A Comisión Delegada, por maioría dos seus membros, e cando as circunstancias o aconsellen, poderá acordar cambio do domicilio social dentro da mesma localidade.

Artigo 4

1. A FGC é o único órgano lexitimado para representar en materia de caza a Comunidade Autónoma de Galicia na esfera das súas competencias, e poderá afiliarse e/ou colaborar con outras entidades cinexéticas estatais ou internacionais, sen prexuízo do disposto no Decreto 228/1994, do 14 de xullo, da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, ou outras disposicións vixentes.

2. Do mesmo xeito, poderá colaborar na forma que considere convinte con outras federacións, así como con outros centros, organismos e asociacións públicas ou privadas, na esfera das súas competencias.

3. A FGC está integrada dentro da Real Federación Española de Caza.

CAPÍTULO II

Licenzas federativas

Artigo 5

A expedición de licenzas federativas farase conforme o disposto no Regulamento de licenzas da FGC.

A expedición da licenza corresponde á FGC, terá carácter regrado e non poderá denegarse cando o solicitante reúna as condicións necesarias para a súa obtención.

Poderán obter a licenza federativa aquelas persoas físicas e entidades deportivas que presenten a súa solicitude ante a FGC acompañada de copia do xustificante de pagamento da cota e acheguen, no caso das persoas físicas, copia do seu DNI ou pasaporte, e no caso das entidades deportivas documento de inscrición do club ou sociedade no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, na modalidade deportiva de caza, e cumpran e reúnan os demais requisitos exixidos.

Non poderán obter a licenza as persoas físicas ou xurídicas que estean inhabilitadas por sanción deportiva disciplinaria firme consistente na suspensión da licenza federativa.

A licenza federativa outórgalle ao seu titular a condición de membro da FGC e habilítao para participar nas actividades e competicións deportivas dentro do seu ámbito.

O importe da cota federativa deberá ser fixado e aprobado pola Asemblea Xeral da FGC.

Artigo 6

A obtención da licenza federativa comportará para o seu titular a aplicación dos seguintes dereitos e deberes:

1. Dereitos do federado:

a) A que lle sexa expedida a licenza federativa sempre e cando reúna os requisitos para a súa expedición.

b) A participar nas competicións deportivas oficiais e en calquera outra actividade organizada pola federación, sempre que reúna os requisitos establecidos nos estatutos, regulamentos de aplicación e outra normativa vixente.

c) A recibir a tutela da federación con respecto aos seus intereses deportivos lexítimos.

d) A ser elector e elixible para os órganos de goberno e representación, consonte o disposto nos estatutos e normativa electoral vixente en cada momento.

e) A impugnar, de conformidade coa normativa aplicable, os acordos adoptados polos órganos federativos.

f) A someter voluntariamente os seus conflitos internos relativos a cuestións relacionadas coa actividade deportiva, non incluídas no ámbito das potestades delegadas públicas, á conciliación, mediación ou arbitraxe da FGC.

g) A coñecer as actividades da federación no desempeño das súas funcións.

h) A acceder a todos os servizos e prestacións que a FGC ofreza en cada momento aos seus federados.

2. Deberes do federado:

a) Estar en posesión da licenza federativa da FGC e ter aboada a cota correspondente.

b) Someterse á disciplina deportiva da FGC.

c) Cumprir os estatutos, os regulamentos e a demais normativa que sexa de aplicación.

d) Acatar os acordos adoptados polos órganos federativos.

e) Dispor, para poder participar en competicións deportivas oficiais da FGC, dun seguro de responsabilidade civil do cazador coas coberturas mínimas que en cada momento exixa a normativa de competicións da FGC.

Artigo 7

A condición de federado perderase pola concorrencia dalgunha das seguintes causas:

a) Por falecemento ou disolución da entidade deportiva.

b) Por vontade propia.

c) Por sanción disciplinaria firme consistente na suspensión ou privación da licenza.

d) Por non renovación ou falta de pagamento.

e) No suposto de entidades, pola baixa no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

CAPÍTULO III

Funcións e competencias

Funcións públicas de carácter administrativo

Artigo 8

A FGC, baixo a coordinación e tutela da Administración deportiva, exercerá en réxime de exclusividade as seguintes funcións públicas delegadas:

a) Representar a Comunidade Autónoma de Galicia nas actividades e competicións deportivas.

b) Cualificar e organizar as actividades e competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico galego.

c) Expedir as licenzas deportivas ou administrativas para a práctica do deporte da caza.

d) Exercer o control das subvencións que se lles asignen ás asociacións e entidades deportivas.

e) Garantir o cumprimento das normas de réxime electoral nos procesos de elección dos órganos de representación e goberno da FGC.

f) Exercer a potestade disciplinaria sobre os integrantes da federación nos termos previstos pola lei.

g) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

h) A promoción e divulgación do deporte da caza en todas as súas facetas.

i) Orientar os deportistas á práctica do deporte da caza, mediante os oportunos cursos de iniciación, formación e perfeccionamento.

j) Apoiar técnica e administrativamente a práctica do deporte da caza, velando ante os organismos competentes polo apoio a esta modalidade deportiva dentro de Galicia.

k) Colaborar coas administracións públicas competentes na prevención, control e represión de substancias prohibidas, así como na prevención da violencia no deporte.

l) Calquera outra que lle sexa atribuída pola lexislación vixente ou que acorde, no ámbito da súa competencia, a Asemblea Xeral.

Os actos realizados pola FGC no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Competencias propias

Artigo 9

Serán competencia e fins da FGC:

1. Fomentar, ordenar e inspeccionar as actividades deportivas cinexéticas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, así como controlar o desenvolvemento deportivo das asociacións de cazadores e dos seus afiliados.

2. Fomentar e colaborar na creación de sociedades ou asociacións, clubs, agrupacións deportivas de caza ou que con ela se relacionen, como medio máis eficaz para o mellor desenvolvemento da súa actividade, e ditar para o efecto as normas a que deban axustarse.

3. Asesorar toda clase de entidades públicas ou privadas, en canto signifiquen un perfeccionamento na práctica da caza.

4. Realizar cantas actividades estean encamiñadas á salvagarda e melloramento do ambiente natural, incremento da fauna e respecto polos cultivos agrícolas. Así mesmo, a FGC poderá prestar a súa colaboración a cantos fins considere convenientes por afinidade do seu labor e sen ánimo de lucro.

5. Fomentar a educación e formación dos cazadores e gardaría, a difusión da deportividade da actividade cinexética e normas que a regulan, contribuíndo ao incremento da fauna e da flora autóctonas e á prevención e á represión da caza furtiva.

6. Desenvolver iniciativas no campo da ecoloxía dirixidas á defensa do medio natural.

7. Coidar e defender ante a opinión pública e institucións de carácter privado ou público a figura do cazador como un amante e colaborador do ambiente e da natureza.

8. Promover cantas accións considere convenientes ou necesarias para a defensa tanto da caza como dos lexítimos intereses dos cazadores e das sociedades federadas.

9. Aprobar e exixir o cumprimento destes estatutos, dos regulamentos que se diten, e das normas de goberno das organizacións aludidas no punto segundo deste artigo.

10. Organizar e dirixir, técnica e administrativamente, a actividade da caza, por si ou polos seus órganos de xestión ou organismos dependentes, cantas especialidades de competición se relacionan co deporte da caza ou coa súa simple práctica, en todo tipo de competicións que se desenvolvan no ámbito e competencias da FGC, coadxuvando a que a maior deportividade e corrección impere nas actuacións dos deportistas.

11. Promover a formación de directores de caza, soltadores, directores deportivos, adestradores, monitores ou outros técnicos, para a súa participación en competicións e probas deportivas ou en centros e órganos de formación dos seus afiliados.

12. Formar xuíces e árbitros.

13. Outorgar títulos de aptitude respecto das probas deportivas das especialidades e disciplinas establecidas no artigo 1 destes estatutos e demais competicións deportivo-cinexéticas que se creen, e expedir as oportunas certificacións en materia das súas competencias.

14. Resolver cantas cuestións sexan da súa competencia e se sometan á súa consideración, emitindo ditames e informes por petición doutras entidades, centros ou organismos.

15. Representar aos seus afiliados ante centros ou organismos galegos, estatais e internacionais, relacionados co deporte da caza, así como propor aos ditos órganos as medidas convenientes para a conservación das especies silvestres e para a defensa dos lexítimos intereses dos cazadores. Ademais, desempeñará na Comunidade Autónoma de Galicia a representación da Real Federación Española de Caza e a execución de competencias estatais por expresa delegación desta.

16. Establecer convenios e contratos con entidades públicas e privadas.

17. Organizar calquera actividade de promoción, divulgación ou formación permanente que afecte o interese local ou autonómico.

18. Convocar as seleccións deportivas e designar os deportistas que as integren.

19. Fomentar a actividade cinexética e a práctica do deporte da caza a través de actividades dirixidas á xuventude, favorecendo e promovendo a súa participación nos diferentes órganos da FGC.

20. Impulsar actividades e competicións en que non se utilicen armas de fogo, dirixidas á categoría PRO 6-15, integrada por menores entre 6 e 15 anos.

CAPÍTULO IV

Organización territorial

Artigo 10

A FGC estrutúrase territorialmente, de acordo coas súas características propias e co desenvolvemento deportivo, nas federacións provinciais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que, pola súa vez, poderán organizarse comarcalmente cando a Asemblea Xeral da FGC así o decida.

Cada federación provincial quedará integrada polas entidades deportivas, deportistas, xuíces e árbitros, e outros colectivos que correspondan ao ámbito territorial.

Artigo 11

As federacións provinciais axustarán a súa actividade ás normas ditadas pola FGC a través dos órganos que correspondan, e directamente do seu presidente.

Artigo 12

Os presidentes provinciais nomearaos e separaraos o presidente da FGC por proposta da asemblea provincial.

Unha vez nomeados pasarán a formar parte da Xunta Directiva da FGC.

Artigo 13

Os presidentes provinciais exercerán as mesmas funcións establecidas para o presidente da FGC, no seu ámbito correspondente, actuando por delegación deste.

Artigo 14

Os presidentes provinciais, para o mellor cumprimento das súas funcións, poderán designar unha Xunta Directiva, do que lle darán conta ao presidente da FGC e á asemblea provincial.

O sistema de funcionamento da Xunta Directiva, a súa convocatoria, validez e forma de adoptar acordos axustarase ao establecido para a Xunta Directiva da FGC.

O número de membros non poderá exceder os 12.

Artigo 15

Anualmente o presidente provincial, antes da celebración da Asemblea Xeral da FGC, convocará a asemblea provincial da cal formarán parte todos os representantes das entidades deportivas federadas da provincia, e os deportistas, xuíces e árbitros e xuventudes que sexan membros da asemblea da FGC pola circunscrición provincial, co obxecto de informar sobre a actividade desenvolvida pola federación provincial, así como adoptar propostas que serán elevadas polo presidente provincial á Asemblea Xeral da FGC.

TÍTULO II

Órganos da Federación Galega de Caza

CAPÍTULO I

Artigo 16

Os órganos da FGC estrutúranse en:

a) Órganos de goberno e representación:

1. Asemblea Xeral.

2. Comisión Delegada da Asemblea.

3. Presidente.

b) Órganos complementarios dos de goberno e de representación da FGC:

1. Xunta Directiva.

2. Comisión Executiva.

3. Secretario xeral.

4. Tesoureiro.

c) Órganos técnicos e asesores da FGC:

1. Comité de Disciplina Deportiva.

2. Comité de Xuíces e Árbitros.

3. Comisión de Xuventudes.

4. Comisión de Competicións.

5. Comité de Mediación, Conciliación e Arbitraxe.

Artigo 17

1. A FGC disporá ademais do persoal administrativo e de xestión que lle sexa necesario para o desempeño das súas funcións.

2. Igualmente, a FGC poderá xerar cantos servizos sexan necesarios para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 18

De todos os acordos dos órganos colexiados de goberno e de representación da FGC levantará acta o secretario dela, especificando o nome das persoas que interviñesen e das demais circunstancias que se consideren oportunas, así como o resultado da votación e, cando sexa o caso, os votos particulares e acordos adoptados.

Artigo 19

1. Os acordos adoptados polos órganos de goberno e representación da FGC son vinculantes para todos os membros asistentes á sesión en que se adopten.

2. Os votos contrarios aos acordos adoptados e as abstencións motivadas eximen das responsabilidades que poidan derivar deles.

Artigo 20

Todos os acordos dos órganos de goberno e representación da FGC serán públicos para os membros da federación. Os acordos adoptados publicaranse no taboleiro de anuncios da FGC ou a través doutros medios con acceso restrinxido aos federados.

Artigo 21

En xeral, observarase o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

CAPÍTULO II

Órganos de goberno e representación

Asemblea Xeral

Artigo 22

1. A Asemblea Xeral é o órgano superior de representación da FGC. Nel teñen representación as sociedades e clubs, os deportistas, os xuíces e árbitros, e outros colectivos que teñan dereito a formar parte dela.

2. Correspóndelle á Asemblea Xeral, en reunión plenaria, con carácter necesario:

a) Aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

b) Aprobación do calendario deportivo e das bases e regulamentos que rexerán as competicións.

c) Aprobación de regulamentos de toda índole.

d) Aprobación das modificacións dos estatutos.

e) Elección do presidente e membros da Comisión Delegada.

f) Moción de censura ao presidente.

g) Disolución da FGC.

h) Aprobación dos regulamentos sobre conciliación extraxudicial ou arbitraxe.

i) Aprobación do regulamento de disciplina deportiva.

j) Aprobación, se é o caso, das propostas de gravame ou alleamento de bens inmobles da FGC.

k) Aprobación das solicitudes e contratación de préstamos.

l) Nomeamento dos membros do Comité de Disciplina Deportiva, por proposta da Xunta Directiva.

m) Nomeamento dos membros do Comité de Xuíces e Árbitros, por proposta da Xunta Directiva.

n) Calquera outra competencia da federación que non estea expresamente atribuída polos presentes estatutos a outro órgano.

Composición da Asemblea Xeral

Artigo 23

1. A Asemblea Xeral estará constituída polo presidente da FGC e polos representantes de todos os estamentos que integran dita federación.

2. O número de membros da Asemblea Xeral da FGC será como máximo de 101 membros, dentro das porcentaxes que se establezan na normativa electoral, distribuídos entre os seguintes estamentos:

– Asociacións deportivas de cazadores.

– Deportistas.

– Xuíces e árbitros.

– Outros colectivos: xuventudes.

3. A representación dos estamentos terá estrutura territorial, por provincias, en proporción directa ao número de censados de cada estamento do ano inmediatamente anterior ás eleccións. No caso das asociacións deportivas aplicarase a proporción directa unha vez descontados os membros natos, se os houber.

4. As persoas que formen parte do estamento de xuíces e árbitros poderán optar polo estamento de deportistas ou, se é o caso, polo de xuventudes cando así o soliciten durante o proceso electoral. As persoas que formen parte do estamento de xuventudes poderán optar polo de deportistas, logo de solicitude durante o proceso electoral.

Artigo 24

Para ser membro da Asemblea Xeral requírese:

1. Ter a condición de cidadán de Galicia segundo o Estatuto de autonomía.

2. Ser maior de idade e estar en pleno uso dos seus dereitos civís.

3. Non estar inhabilitado por sanción acordada en procedemento disciplinario deportivo.

4. Non ter sido condenado mediante sentenza penal firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargos públicos.

5. Reunir os requisitos específicos propios de cada estamento deportivo, a saber:

5.1. Estamento de sociedades: compoñerán o estamento de sociedades todos os clubs, sociedades, asociacións ou seccións deportivas, que figuren inscritas, no ano da convocatoria de eleccións, no rexistro correspondente da Federación Galega de Caza e no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, e tivesen actividade tamén na tempada anterior.

5.2. Deportistas: aqueles que acrediten posesión da licenza federativa en vigor e tela tido na tempada deportiva anterior á data da convocatoria de eleccións, así como ter participado polo menos nunha competición ou outro tipo de actividade deportiva na tempada anterior.

5.3. Xuíces e árbitros: aqueles que estean titulados e dispoñan de licenza federativa en vigor e tela tido na tempada deportiva anterior á data da convocatoria de eleccións, así como ter participado polo menos nunha competición ou outro tipo de actividade deportiva na tempada anterior.

5.4. Estamento doutros colectivos: o estamento doutros colectivos integrarano as xuventudes.

Xuventudes: aqueles que acrediten posesión da licenza federativa en vigor e tela tido na tempada deportiva anterior á data da convocatoria de eleccións, así como ter participado polo menos nunha competición ou outro tipo de actividade deportiva na tempada anterior; e non ter feitos os 31 anos na data da convocatoria de eleccións.

Artigo 25

Os membros da Asemblea Xeral cesarán por:

– Morte.

– Dimisión.

– Deixar de pertencer ao estamento polo que foron elixidos.

– Incorrer en calquera das causas de inelixibilidade que se expresan no artigo anterior.

De producirse algunha vacante, esta será cuberta polo seguinte candidato máis votado.

Artigo 26

A convocatoria das asembleas xerais, tanto ordinarias como extraordinarias, deberá notificarse aos seus membros coa antelación de 10 días acompañada da orde do día, e publicarase no taboleiro de anuncios da FGC e das federacións provinciais, salvo no caso de urxencia, que poderá facerse cun mínimo de corenta oito horas, por calquera medio que permita ter constancia da data de recepción polos membros da asemblea.

1. A Asemblea Xeral convocarase, polo menos, unha vez ao ano con carácter ordinario, para a aprobación das contas anuais, liquidación do orzamento, aprobación do calendario deportivo e das bases ou regulamentos que rexerán a competición, e para a aprobación da memoria de actividades anuais. O orzamento do ano seguinte deberá aprobarse no último trimestre do ano anterior e remitirse á Administración deportiva no prazo dun mes desde a súa aprobación.

2. Con carácter extraordinario poderá ser convocada, así mesmo, polo presidente, cando ao seu xuízo conveña aos intereses da FGC, ou por petición dun 25 % dos seus membros e sempre que se xustifique e exprese na solicitude o seu obxecto. Presentada a solicitude de convocatoria polo número de membros suficiente, o presidente deberá convocala necesariamente no prazo de 10 días naturais. Desde a convocatoria ata a data de celebración da asemblea non poderán transcorrer máis de 20 días naturais.

Artigo 27

Para a válida constitución da Asemblea Xeral requirirase que concorran en primeira convocatoria a maioría dos seus membros e, en segunda convocatoria, terá lugar con calquera que sexa o número de asistentes.

Entre a primeira e segunda convocatoria mediará un prazo máximo de media hora.

Artigo 28

Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple dos seus membros, e o voto do presidente será dirimente en casos de empate. Requirirase maioría absoluta para a aprobación de moción de censura ao presidente da FGC.

Para a disolución da FGC exixirase a maioría de tres cuartos.

O voto dos membros da Asemblea Xeral é persoal e non delegable, agás o correspondente ás sociedades de cazadores federadas, que poderá exercelo o seu presidente ou persoa en que el delegue, sempre que non sexa membro da asemblea da federación, de acordo cos seus estatutos, con carácter expreso e escrito para cada reunión.

Artigo 29

Co fin de garantir o cumprimento efectivo das funcións encomendadas á FGC, o órgano competente da Xunta de Galicia en materia deportiva convocará a Asemblea Xeral ou a Comisión Delegada para o debate e resolución, se procede, de asuntos ou cuestións determinadas, cando aquelas non fosen convocadas por quen ten a obriga estatutaria ou legal de facelo no tempo regulamentario.

Comisión Delegada

Artigo 30

A Comisión Delegada da Asemblea Xeral da FGC é un órgano colexiado de asistencia a esta e constituída no seu seo.

A Comisión Delegada estará composta polo número de membros que se determinen na normativa electoral e o presidente da FGC. Todos eles serán representantes da Asemblea Xeral.

A Comisión Delegada estará formada polos seguintes estamentos, na proporción que estableza a normativa electoral:

– Estamento de sociedades.

– Estamento de deportistas.

– Estamento de xuíces e árbitros.

– Estamento doutros colectivos.

Artigo 31

A Comisión Delegada será elixida pola Asemblea Xeral mediante sufraxio entre os seus membros.

Levarase a cabo tamén cada catro anos, mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto. Poderanse cubrir vacantes, se se producen, polos candidatos máis votados nas listas abertas, e en representación de cada estamento.

Artigo 32

Son causas de cesamento dos membros da Comisión Delegada, ademais da concorrencia de calquera das que comporte o cesamento como membro da Asemblea Xeral, a dimisión específica como membro deste órgano, sen renunciar á condición de membro da asemblea.

Artigo 33

O voto dentro da Comisión Delegada será persoal e non delegable.

Artigo 34

A Comisión Delegada reunirase como mínimo unha vez cada catro meses, por proposta do presidente.

Artigo 35

Correspóndelle á Comisión Delegada da Asemblea Xeral, con carácter necesario, coñecer e decidir sobre as seguintes materias:

a) Elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) Modificación do calendario deportivo.

c) Modificación dos orzamentos.

d) Aprobación e modificación dos regulamentos.

Todas estas modificacións non poderán exceder os límites e criterios que a Asemblea Xeral estableza.

A proposta sobre estas materias corresponde exclusivamente ao presidente da federación ou aos dous terzos dos membros da Comisión Delegada.

Son tamén funcións da Comisión Delegada:

– O seguimento da xestión deportiva e económica da federación, mediante a elaboración dun informe anual que presentará ante a Asemblea Xeral sobre a memoria de actividades e a liquidación de orzamentos.

– Cantas lle delegue a Asemblea Xeral.

Artigo 36

A convocatoria da Comisión Delegada correspóndelle ao presidente, que a levará a cabo mediante escrito dirixido a cada un dos seus membros, con 10 días naturais de antelación como mínimo respecto da data de celebración da reunión, salvo en casos de urxencia ou necesidade debidamente xustificados, que poderá convocarse con aviso previo mínimo de 48 horas.

Na convocatoria incluirase, en todo caso, a orde do día, así como o lugar, a data e a hora da 1ª e 2ª convocatoria.

A orde do día poderá ser modificada no sentido de incorporar novos puntos, por petición fundada dun mínimo dun terzo da Comisión Delegada, e sempre que esta incorporación se solicite cunha marxe de tempo suficiente para que poida ser notificada aos demais membros cunha antelación mínima de 48 horas sobre a data da convocatoria.

Artigo 37

Para que a constitución da Comisión Delegada sexa válida requirirase a concorrencia en primeira convocatoria da maioría dos seus membros e, en segunda convocatoria, da terceira parte dos membros. Ambas as dúas convocatorias estarán separadas por un máximo de media hora.

Artigo 38

Os acordos da Comisión Delegada adoptaranse por maioría simple de votos.

Presidente

Artigo 39

O presidente da FGC é o representante nato e órgano executivo dela, desempeña a súa representación legal, convoca e preside os órganos superiores e de goberno, xestión e representación, e executa os acordos destes, e dispón das máis amplas facultades para o cumprimento dos fins e propósitos da FGC.

Artigo 40

1. O presidente, como representante da FGC, desempeñará a súa dirección deportiva, económica e administrativa, de acordo co previsto nestes estatutos, asistido pola Xunta Directiva e, en especial, polo tesoureiro e secretario xeral.

2. Correspóndenlle as seguintes facultades:

a) Convocar e presidir as reunións dos órganos colexiados da FGC e todos os actos a que asista con tal carácter.

b) Velar polo cumprimento dos acordos dos anteditos órganos superiores federativos conforme a normativa vixente.

c) O voto de calidade no caso de empate nos órganos que presida.

d) Estimular e coordinar a actuación dos distintos órganos federativos.

e) Ordenar pagamentos a nome da FGC, asinando co tesoureiro ou secretario xeral os documentos para o efecto.

f) O nomeamento e cesamento dos presidentes provinciais, por proposta da asemblea provincial.

g) Conferir poderes xerais especiais a letrados, procuradores ou calquera outra persoa mandataria para que desempeñe a súa representación legal, tanto en xuízo coma fóra del.

h) Sinatura de contratos e convenios.

i) Nomeamento e cesamento da Xunta Directiva, secretario xeral, tesoureiro, presidentes de comités, comisións e asesores, e comunicación á Asemblea Xeral os ditos nomeamentos e cesamentos.

j) Nomeamento e cesamento das persoas que teñan relación laboral coa FGC de conformidade coa lexislación vixente e logo de acordo da Xunta Directiva.

Artigo 41

O presidente dirixirá os debates dos órganos colexiados da FGC como presidente deles, concedendo e retirando a palabra aos que o soliciten, limitando a duración das intervencións se o considera necesario, adoptando cantas medidas sexan precisas para garantir a boa orde das reunións, mesmo acordando a súa suspensión se o considera necesario, sen prexuízo de convocar nova reunión para debater os temas pendentes.

Artigo 42

O mandato do presidente será de catro anos, coincidindo cos ciclos olímpicos de inverno, ao igual que a súa elección.

No caso de que, excepcionalmente, quede vacante a Presidencia antes de que transcorra o prazo para o que foi elixida, considerarase dimisionaria toda a Xunta Directiva, e a Comisión Delegada constituirase en comisión xestora, presidida polo membro de maior idade. Convocará a Asemblea Xeral e esta acordará unha nova elección do presidente para cubrir a vacante polo tempo que falte ata o remate do prazo correspondente ao mandato ordinario.

Artigo 43

O cargo de presidente é incompatible con outro dentro das propias estruturas federativas territoriais galegas das entidades deportivas, sen prexuízo de conservar a súa licenza federativa.

A persoa que resulte elixida como presidente da FGC deberá cesar en todo tipo de actividades técnicas e directivas no deporte específico e no ámbito territorial da FGC. Non existe incompatibilidade, en ningún caso, coa práctica activa do deporte.

Artigo 44

Para poder ser candidato a presidente ou membro da Xunta Directiva terán que reunir as condicións seguintes:

a) Ter a condición política de galego, segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade.

c) Estar en pleno uso dos dereitos civís.

d) Non ter incorrido en ningunha sanción deportiva que o inhabilite.

e) E aqueloutras establecidas no regulamento electoral.

Artigo 45

O presidente da FGC cesará polos motivos seguintes:

a) Expiración do termo do mandato.

b) Renuncia, dimisión, morte ou incapacidade do interesado.

c) Por incorrer nalgunha das causas de inelixibilidade establecidas nestes estatutos.

d) Incorrer nalgunha das causas de incompatibilidade a que se fai referencia no artigo 43, cando non renuncie á actividade ou cargo incompatible no prazo dun mes contado desde que incorra nalgunha das causas incompatibles.

e) Por aprobación da moción de censura que se regula nestes estatutos.

Artigo 46

A Asemblea Xeral coñecerá a moción de censura presentada contra o presidente. A moción de censura poderá ser presentada polos membros da Asemblea Xeral que constitúan polo menos un 25 % dela, mediante escrito presentado no rexistro da federación. Na petición deberá solicitarse do presidente a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria coa moción como único punto da orde do día, así como propor un candidato alternativo á Presidencia.

Para prosperar a moción de censura, deberá alcanzar a maioría absoluta dos membros que compoñen a Asemblea Xeral. Se prospera, o candidato quedará investido como presidente por un período dun ano de mandato.

Para a convocatoria desta asemblea xeral extraordinaria observarase o disposto no establecido para a convocatoria de asembleas extraordinarias.

Esta sesión de moción de censura estará presidida polo membro de maior idade e non será válido o voto por correo nin a asistencia por representación.

Se a moción de censura non prospera, non poderá presentarse unha nova dentro do mesmo período de mandato, como tampouco poderá presentarse, no caso de prosperar, contra o candidato investido na moción polo tempo que falte para concluír o período ordinario.

Artigo 47

Non poderá ser elixido presidente da FGC quen desempeñase ininterrompidamente tal condición durante os tres períodos de mandato inmediatamente anteriores, calquera que fose a duración efectiva destes.

CAPÍTULO III

Órganos complementarios da FGC

Xunta Directiva

Artigo 48

A Xunta Directiva é un órgano colexiado de xestión da FGC e os seus membros son designados e separados libremente polo seu presidente.

Artigo 49

A composición da Xunta Directiva será a seguinte:

1. Presidente.

2. Vicepresidente.

3. Os catro delegados provinciais.

4. Secretario xeral.

5. Tesoureiro.

6. Un máximo de sete vogais.

Artigo 50

Correspóndelle ao presidente, por iniciativa propia, a convocatoria da Xunta Directiva, que conterá o lugar, a data e a hora da celebración, así como a orde do día. Deberá ser comunicada polo menos con dez días de antelación, salvo casos urxentes en que será suficiente con corenta e oito horas.

Artigo 51

Para a válida constitución da Xunta Directiva requirirase que concorran en primeira convocatoria a maioría dos seus membros e, en segunda convocatoria, calquera que sexa o número de membros asistentes. Será imprescindible a asistencia do presidente á reunión, salvo que delegue noutro membro da Xunta Directiva. Entre a primeira e a segunda convocatoria mediará un prazo máximo de media hora.

Artigo 52

O cargo de membro da Xunta Directiva será incompatible con calquera outro de análoga natureza noutra federación deportiva galega.

Artigo 53

Os membros da Xunta Directiva que non sexan membros da Asemblea Xeral terán acceso ás sesións dela, con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 54

Os membros da Xunta Directiva cesarán por:

1. Morte.

2. Dimisión.

3. Revogación do seu nomeamento polo presidente da FGC, con notificación do seu cesamento á Asemblea Xeral.

4. Incorrer en causa de incompatibilidade cando non renuncie á actividade ou cargo incompatible.

5. Incorrer en causa de inelixibilidade.

Artigo 55

É competencia da Xunta Directiva:

1. Preparar os informes, as propostas e os documentos que lles sirvan de base á Asemblea Xeral e á Comisión Delegada para que esta exerza as funcións que lle correspondan.

2. Fixar a data e a orde do día da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada.

3. Proporlles á Asemblea Xeral e á Comisión Delegada as modificacións provisionalmente adoptadas ou as que resulten convenientes do Regulamento de eleccións á Asemblea Xeral, á Comisión Delegada e á Presidencia.

4. Proporlles á Asemblea Xeral e á Comisión Delegada a aprobación dos regulamentos internos da FGC, tanto técnicos como de competicións e as súas modificacións.

5. Proporlle á Asemblea Xeral e á Comisión Delegada o cambio de domicilio da FGC.

6. Colaborar co presidente na dirección económica, administrativa e deportiva da FGC, e na execución dos acordos dos demais órganos superiores colexiados de goberno e representación dela.

7. Proporlle á Comisión Delegada a modificación do calendario deportivo.

8. Proporlle á Asemblea Xeral o nomeamento do xuíz único de competición, do Comité de Apelación, e do Comité de Xuíces e Árbitros.

9. Tamén será competencia da Xunta Directiva a decisión e a execución de cantas cuestións de interese federativo non estean especialmente reservadas a outros órganos de goberno superiores da FGC.

Comisión Executiva

Artigo 56

No seo da Xunta Directiva existirá unha Comisión Executiva para a resolución de asuntos concretos, ben sexan de trámite ou de notoria ausencia.

Estará integrada polo presidente, que o será da comisión, os vicepresidentes, o tesoureiro e o secretario xeral.

Reuniranse periodicamente sen que se requira máis que a presenza de dous dos seus membros para tomar acordos, sempre que un destes sexa o presidente ou a persoa designada por el entre os seus membros.

Os acordos da Comisión Executiva daránselle a coñecer á Xunta Directiva na primeira sesión que esta celebre.

Vicepresidentes

Artigo 57

Serán os membros da Xunta Directiva que substituirán o presidente con carácter provisional nos casos de ausencia, enfermidade, incompatibilidade eventual ou calquera outra causa legal, e exercerán as facultades daquel nestes casos.

Secretario xeral

Artigo 58

O secretario xeral será designado polo presidente da FGC, desempeñará as funcións que máis adiante se mencionan e as que se lle encomenden.

O nomeamento de secretario xeral deberá recaer nunha persoa que, polos seus coñecementos de organización e administración ou pola súa autoridade en materia deportiva, ofreza garantías para a súa xestión. Non poderá ser separado do seu cargo máis que por decisión do presidente, quen lles dará conta á Asemblea Xeral e á Comisión Delegada.

Artigo 59

O cargo de secretario xeral poderá ser remunerado. Neste caso terá voz pero non voto.

O secretario da FGC non poderá desempeñar ningún cargo noutra federación deportiva, xa sexa española, territorial, ou doutra comunidade autónoma ou provincial, ou en asociación ou sociedade de cazadores.

Artigo 60

O secretario xeral asistirá e actuará como secretario de todos os órganos colexiados da FGC, achegará documentación e información sobre asuntos que sexan obxecto de deliberación, e levantará acta das sesións.

Unha vez aprobas as actas, asinaraas co visto e prace do presidente e custodiará os correspondentes libros de actas.

Artigo 61

Correspóndenlle ao secretario xeral as seguintes funcións:

1. Organizar o funcionamento administrativo da FGC, preparando e despachando todos os asuntos en trámite, coidando a orde das dependencias federativas e conservación delas.

2. Actuar como secretario de todos os órganos colexiados da FGC, como secretario das comisións actuará, en todo caso, con voz e sen voto.

3. Executar por delegación do presidente os acordos dos órganos superiores de goberno da FGC, preparando as reunións, así como as das súas comisións.

4. Redactar e subscribir as actas das reunións a que asista en funcións de secretario, expresando nelas os acordos adoptados, ou as abstencións motivadas que eximen das responsabilidades que poidan derivar.

5. Desempeñar a xefatura de persoal da FGC, coordinando a actuación das comisións e departamentos federativos.

6. Exercer por delegación expresa do presidente a inspección dos servizos da FGC, dos organismos e asociacións dela dependentes, que esta determine.

7. Despachar a correspondencia oficial co coñecemento previo do presidente, conforme as instrucións que reciba.

8. Proporlles á Presidencia e á Xunta Directiva a adquisición dos bens e a realización dos gastos que sexan precisos para atender as necesidades administrativas da FGC.

9. Informar o presidente do desenvolvemento dos asuntos pendentes, así como do seguimento e control deles, propoñendo as medidas que se consideren necesarias para a boa marcha da FGC.

10. Coidar da publicación anual da memoria federativa.

11. Velar pola correcta aplicación das normas que se diten sobre a contabilidade da FGC.

12. Representar a FGC por delegación expresa e escrita do presidente ante toda clase de tribunais de carácter civil ou administrativo e en calquera instancia, así como subscribir no seu nome toda clase de contratos cos poderes e facultades que expresamente e por escrito lle outorgue notarialmente o presidente da FGC, como representante legal dela, quedando autorizado no seu nome e representación a conceder poderes a procuradores con alcance e facultades que en dereito proceda, designar apoderados nos termos que expresamente e ante notario conceda o presidente da FGC.

13. Corresponderalle ao secretario xeral a custodia dos documentos e libros oficiais da FGC, así como o rexistro de entrada e saída de documentos e o arquivo de todos eles.

Tesoureiro

Artigo 62

1. O tesoureiro é o órgano de xestión económica da federación, será designado polo presidente e formará parte da Xunta Directiva.

2. Exercerá como funcións propias:

a) Levar a contabilidade da federación.

b) Exercer a inspección económica de todos os órganos da federación.

c) Elaborar e presentar balances á Comisión Delegada do estado contable da federación.

d) Tamén será función do tesoureiro determinar o patrimonio da FGC, revisándoo anualmente mediante o seu correspondente inventario.

3. Para cumprir cos seus labores o tesoureiro contará co persoal administrativo e auxiliar da FGC, na forma que precise e proceda.

CAPÍTULO IV

Réxime de responsabilidade do presidente
e dos membros da Xunta Directiva

Artigo 63

1. O presidente e os membros da Xunta Directiva, ou doutros órganos de dirección, serán persoalmente responsables, fronte á propia federación, fronte aos seus membros ou fronte a terceiros:

a) Das obrigas que contraese a federación e que non teñan, ou tivesen, o adecuado apoio contable, non figuren nas contas presentadas e aprobadas, ou sexan obxecto dunha contabilización que non reflicta a natureza e o alcance da obriga en cuestión e que distorsione a imaxe fiel que debe producir aquela.

b) Das obrigas que se contraesen contra a prohibición expresa doutros órganos federativos competentes ou da Administración autonómica, así como das obrigas que impliquen un déficit non autorizado ou fóra dos límites da autorización.

c) En xeral, dos actos ou omisións que supoñan un prexuízo para a federación cando sexan realizados vulnerando normas de obrigado cumprimento.

2. A responsabilidade descrita no punto anterior só se poderá exixir no caso de dolo ou culpa na actuación dos suxeitos responsables. En todo caso, quedarán exentos de responsabilidade aqueles que votasen en contra do acordo ou non interviñesen na súa adopción ou execución, ou aqueles que o descoñecesen ou, coñecéndoo, se opuxesen expresamente a aquel.

3. Esta responsabilidade é independente da responsabilidade disciplinaria en que se puidese incorrer.

CAPÍTULO V

Órganos técnicos e asesores

Comité de Disciplina Deportiva

Artigo 64

A FGC en materia de disciplina deportiva ten potestade sobre todas as persoas que forman parte da súa estrutura orgánica, as entidades deportivas e os seus deportistas, técnicos e directivos, os xuíces e árbitros, as xuventudes e, en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolvan a actividade deportiva que constitúe o seu obxecto social no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 65

Os órganos competentes en materia disciplinaria conforman o Comité de Disciplina Deportiva da FGC e serán:

a) En primeira instancia, o xuíz único da FGC.

b) En segunda instancia, o Comité de Apelación da FGC.

Artigo 66

Tanto o xuíz único como o Comité de Apelación, que estará formado por tres membros, e os seus suplentes, serán nomeados pola Asemblea Xeral por proposta da Xunta Directiva da FGC.

De non seren membros da federación, desde o momento do seu nomeamento pola Asemblea Xeral pasarán a formar parte da FGC.

Artigo 67

A duración do cargo coincidirá co da Asemblea Xeral que os nomease e durante ese período só cesarán polas seguintes causas:

a) Renuncia ou dimisión.

b) Falecemento.

c) Incapacidade física ou psíquica.

d) Sanción que os inhabilite para o cargo.

e) Perda da condición de membro da federación.

Comité de Xuíces e Árbitros

Artigo 68

No seo da FGC constituirase un Comité de Xuíces e Árbitros, composto por un mínimo de 8 membros, elixidos pola Asemblea Xeral por proposta da Xunta Directiva, de entre todos os xuíces e árbitros titulados pola FGC, procurando que estean representadas todas as especialidades deportivas. O comité poderá dividirse en subcomisións de traballo de cada unha das especialidades.

Artigo 69

Serán funcións deste comité:

a) Establecer os niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente, en función de criterios prefixados pola Asemblea Xeral, os xuíces ou árbitros, propoñendo á Xunta Directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaránselle á Asemblea Xeral.

c) Propoñer os candidatos a xuíces ou árbitros nacionais.

d) Propoñerlle á Xunta Directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola Asemblea Xeral.

e) Designar os colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da federación na formación de xuíces e árbitros.

Comisión de Xuventudes

Artigo 70

A Comisión de Xuventudes estará constituída por un mínimo de catro membros en que necesariamente deberán estar representadas todas as provincias. Serán designados polo presidente da FGC, por proposta da Xunta Directiva, de entre os mozos federados pertencentes ao colectivo das xuventudes.

Artigo 71

1. A Comisión de Xuventudes ten por obxecto a promoción e divulgación da caza en todas as súas facetas, e calquera outra actividade relacionada con ela ou coa práctica das distintas especialidades deportivas tuteladas pola FGC, dentro do seu tramo de idade.

2. Son funcións desta comisión:

a) Fomentar, entre os máis novos, a figura do cazador como ecoloxista, amante da natureza e defensor do medio natural.

b) Promocionar, entre a xuventude, a caza como deporte saudable, que se desenvolve nunha contorna ao aire libre en contacto coa natureza.

c) Divulgar, entre os mozos, a caza como unha actividade sustentable e como elemento de conservación e recuperación dos ecosistemas.

d) Impulsar actividades encamiñadas á remuda xeracional.

e) Elevar propostas á Xunta Directiva da FGC para fomentar a través da educación e da formación as boas prácticas cinexéticas entre a xuventude.

f) Asesorar a FGC en todo aquilo referente á xuventude en materia de caza.

g) Calquera outro labor de interese xuvenil que lle asigne o presidente da FGC, ou a Xunta Directiva, ou a Comisión Delegada ou a Asemblea Xeral.

Comisión de Competición

Artigo 72

De entre os deportistas das distintas especialidades deportivas tuteladas pola FGC, e por proposta da Xunta Directiva, o presidente da FGC nomeará a Comisión de Competicións, que estará integrada por un mínimo de 11 membros, procurando que estean representadas todas as especialidades deportivas. A comisión poderá dividirse en subcomisións de traballo de cada unha das especialidades.

Artigo 73

As funcións da Comisión de Competición serán as seguintes:

a) Elaborar propostas sobre as normas de competicións.

b) Elaborar propostas dos calendarios de competicións anuais.

c) Elaborar informes das competicións realizadas.

d) Elaborar informes sobre os regulamentos de competicións.

Comité de Mediación, Conciliación e Arbitraxe

Artigo 74

Nos termos previstos nas normas reguladoras da arbitraxe privada, os suxeitos deportivos federados poderán someter voluntariamente os seus conflitos internos, relativos a cuestións que se susciten en relación coa actividade deportiva, non incluídas no ámbito das potestades delegadas públicas, ao Comité de Mediación, Conciliación e Arbitraxe da FGC, cuxo funcionamento se determinará regulamentariamente.

TÍTULO III

Réxime sancionador e disciplinario deportivo

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 75. Obxecto

O obxecto deste título é o desenvolvemento do réxime disciplinario deportivo da Federación Galega de Caza, de acordo co disposto nos seus estatutos e conforme o establecido na Lei 3/2012, do deporte de Galicia, e as súas disposicións de desenvolvemento.

Artigo 76. Ámbito de aplicación

1. O réxime disciplinario esténdese ás infraccións das regras do xogo ou da competición e das normas xerais da conduta deportiva establecidas na Lei 3/2012, nas disposicións que a desenvolvan, e nos estatutos e regulamentos da FGC e no resto de normas que resulten de aplicación.

2. O disposto neste título será de aplicación en todo tipo de actividades deportivas ou competicións de ámbito autonómico ou que afecten persoas que participen nelas. Tamén resultará de aplicación cando se trate de competicións de ámbito estatal ou internacional no caso de que os implicados estean representando oficialmente a FGC.

Artigo 77. Actividades e competicións oficiais

Considéranse actividades e competicións oficiais aquelas que así sexan cualificadas pola FGC no seu calendario oficial e, en todo caso, os campionatos e copas que sexan clasificatorias para as competicións de ámbito autonómico, estatal e internacional.

Artigo 78. Clases de infraccións

1. As infraccións no ámbito disciplinario clasifícanse en infraccións das regras do xogo ou da competición e infraccións das normas xerais da conduta deportiva.

2. Enténdese por infraccións das regras do xogo ou da competición as accións ou omisións que, durante o curso da proba ou competición, vulneren, impidan ou perturben o seu normal desenvolvemento.

3. Son infraccións das normas xerais da conduta deportiva as accións ou omisións que supoñan un quebrantamento de calquera norma de aplicación no deporte non incluída no punto anterior ou dos principios da conduta deportiva recollidos na Lei 3/2012, do deporte de Galicia.

Artigo 79. Compatibilidade da disciplina deportiva

1. O réxime disciplinario deportivo é independente da responsabilidade civil ou penal, así como do réxime derivado das relacións laborais, que se rexerá pola lexislación que en cada caso corresponda.

2. A imposición de sancións en vía administrativa, conforme o previsto no título IX da Lei 3/2012, do deporte de Galicia, e disposicións de desenvolvemento, relativo á prevención e represión da violencia e das condutas contrarias á boa orde deportiva, non impedirá, se é o caso, e atendendo ao seu distinto fundamento, a depuración de responsabilidades de índole deportiva a través dos procedementos previstos neste título, sen que se poidan ditar sancións de idéntica natureza.

CAPÍTULO II

Organización disciplinaria deportiva

Artigo 80. Potestade disciplinaria

1. A potestade disciplinaria é a facultade de investigar e, de ser o caso, sancionar os suxeitos que formen parte da organización deportiva federada con ocasión de infraccións das regras de xogo ou da competición ou das normas xerais da conduta deportiva establecidas neste título, na Lei 3/2012, do deporte de Galicia, e nas disposicións que a desenvolvan.

2. A potestade disciplinaria da FGC esténdese ás entidades deportivas e aos seus deportistas, técnicos e directivos, xuíces e árbitros, xuventudes e, en xeral, a todas aquelas persoas e entidades que, en condición de federados, desenvolvan a especialidade deportiva correspondente no ámbito da Comunidade Autónoma.

3. O exercicio da potestade disciplinaria deportiva dentro da FGC correspóndelles:

a) Aos xuíces ou árbitros, e ao xurado de competición, durante o desenvolvemento dos encontros ou das probas con suxeición ás regras establecidas nas disposicións de cada especialidade deportiva.

b) Aos clubs e seccións deportivas sobre os seus socios ou asociados, deportistas ou técnicos e directivos ou administradores. Os seus acordos nesta materia serán en todo caso recorribles ante os órganos disciplinarios da FGC.

c) Á FGC, a través dos seus órganos disciplinarios, sobre todas as persoas que forman parte da súa estrutura orgánica e, en xeral, sobre todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolven a actividade deportiva correspondente ao ámbito autonómico.

d) Ao Comité Galego de Xustiza Deportiva, sobre as mesmas persoas e entidades que as federacións deportivas galegas, sobre estas mesmas e sobre os seus directivos.

A competencia do Comité Galego de Xustiza Deportiva articúlase en vía de recurso contra as decisións federativas ou en primeira instancia cando así o determine a normativa de aplicación.

4. A FGC exerce a potestade disciplinaria deportiva de acordo coas súas propias normas estatutarias e regulamentarias e co resto do ordenamento xurídico deportivo, instruíndo e resolvendo expedientes disciplinarios deportivos de oficio ou por instancia do interesado.

Artigo 81. Órganos disciplinarios

1. Os órganos competentes en materia de disciplina deportiva da FGC serán:

a) En primeira instancia federativa, o xuíz único.

b) En segunda instancia federativa, o Comité de Apelación.

2. O xuíz único coñecerá en primeira instancia, con carácter xeral, sobre as incidencias que teñan a súa orixe no desenvolvemento da proba ou competición e deriven da acta ou de informes complementarios a esta, subscrita polos xuíces e/ou polo xurado de competición. Así mesmo, coñecerá en primeira instancia das infraccións ás normas xerais da conduta deportiva.

3. O Comité de Apelación coñecerá en segunda instancia de todos os recursos que se formulen contra as resolucións ditadas polo xuíz único.

4. Tanto o xuíz único como o Comité de Apelación, que estará formado por 3 membros, así como os seus suplentes no caso de vacante, ausencia, enfermidade, abstención ou recusación, serán designados pola Asemblea Xeral por proposta da Xunta Directiva da FGC. Ambos os dous órganos actuarán con independencia dos restantes órganos da FGC, decidindo en vía federativa as cuestións obxecto das súas competencias.

5. A duración do cargo do xuíz único e do Comité de Apelación coincidirá coa da Asemblea Xeral que os nomease, e cesarán polas seguintes causas:

a) Renuncia ou dimisión.

b) Falecemento.

c) Incapacidade física ou psíquica.

d) Sanción que os inhabilite para o cargo.

e) Perda da condición de federado.

6. Actuará como secretario do xuíz único e do Comité de Apelación o secretario xeral da FGC, que actuará con voz pero sen voto.

7. As resolucións ditadas polo xuíz único poderán ser impugnadas ante o Comité de Apelación, e as ditadas por este en segunda instancia federativa terán carácter definitivo e poderán ser obxecto de recurso perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Artigo 82. Conflito de competencias

Os conflitos que sobre a tramitación ou resolución de cuestións disciplinarias se susciten entre sociedades, técnicos, xuíces, árbitros ou deportistas afiliados á FGC serán resoltos polo Comité de Apelación da FGC.

CAPÍTULO III

Principios informadores, circunstancias modificativas, causas de extinción
da responsabilidade disciplinaria deportiva e prescrición
de infracción e sancións

Artigo 83. Principios informadores

As disposicións estatutarias e regulamentarias que regulen a disciplina deportiva no ámbito da FGC deberán basearse nos seguintes principios informadores:

a) A tipificación das infraccións, consonte as peculiaridades da especialidade deportiva en cuestión, e tamén as sancións correspondentes a cada unha daquelas.

b) O establecemento dun sistema de sancións proporcional ao da infracción tipificada e o réxime da súa aplicación en función das características concorrentes.

c) A prohibición da dobre sanción polos mesmos feitos.

d) A aplicación dos efectos retroactivos favorables.

e) A prohibición de sancionar por infraccións non tipificadas no momento da súa comisión.

f) Os distintos procedementos de tramitación e imposición, se é o caso, de sancións que, en todo caso, respectarán os principios do procedemento administrativo sancionador.

g) O sistema de recursos contra as sancións impostas, en que terá que mencionarse expresamente o recurso ao Comité Galego de Xustiza Deportiva contra as resolucións dos órganos disciplinarios federativos.

h) No establecemento de sancións pecuniarias deberase prever que a comisión das infraccións tipificadas non resulte máis beneficiosa para a persoa infractora que o cumprimento das normas infrinxidas.

i) Na determinación do réxime sancionador, así como na imposición de sancións deberase gardar a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada.

j) Para graduar as sancións teranse en conta as circunstancias concorrentes, a natureza dos feitos, as consecuencias e os efectos producidos, a existencia de intencionalidade, a reincidencia e a concorrencia de circunstancias agravantes ou atenuantes.

k) En función das circunstancias previstas nas alíneas anteriores, as sancións aplicaranse nos seus graos máximo, mínimo ou medio. De ser o caso, de concorreren circunstancias atenuantes cualificadas, poderase aplicar a sanción inferior nun grao á prevista.

Artigo 84. Circunstancias atenuantes e agravantes da responsabilidade

1. Serán consideradas circunstancias atenuantes o arrepentimento espontáneo e a existencia de provocación suficiente inmediatamente anterior á comisión da infracción.

2. Serán consideradas circunstancias agravantes a reincidencia, o prezo, o prexuízo económico ocasionado e o número de persoas afectadas pola infracción.

Existe reincidencia cando o infractor cometa polo menos unha infracción da mesma natureza declarada por resolución firme, no termo dun ano.

Artigo 85. Causas da extinción da responsabilidade

1. A responsabilidade disciplinaria extínguese:

a) Polo cumprimento da sanción.

b) Polo falecemento da persoa inculpada.

c) Por disolución da entidade deportiva sancionada.

d) Por prescrición das infraccións ou sancións.

e) Por perda da condición de federado do infractor.

2. Cando a perda da condición de federado a que se refire a alínea e) deste artigo sexa voluntaria, este suposto de extinción terá efectos meramente suspensivos se quen estivese suxeito ao procedemento disciplinario en trámite ou fose sancionado recuperase, en calquera especialidade deportiva e dentro do prazo de tres anos, a condición de federado, caso en que o tempo de suspensión da responsabilidade disciplinaria deportiva non se computará para os efectos da prescrición das infraccións nin das sancións.

Artigo 86. Prescrición de infraccións e sancións

1. As infraccións moi graves prescribirán aos tres anos, as graves prescribirán ao ano e, as leves, ao mes.

2. O termo de prescrición comeza a contar o día en que se cometeron os feitos e interrómpese no momento en que se acorda iniciar o procedemento sancionador. O seu cómputo restablecerase se o expediente permanece paralizado durante un mes por causa non imputable ao presunto responsable.

3. As sancións prescribirán aos tres anos, ao ano ou ao mes, segundo se trate das que correspondan a infraccións moi graves, graves ou leves. O prazo de prescrición comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción, ou desde o momento en que se quebrantase o seu cumprimento se este xa comezase.

CAPÍTULO IV

Infraccións e sancións

Sección 1ª. Infraccións

Artigo 87. Disposicións xerais e clasificación

1. Son faltas disciplinarias as infraccións das regras do xogo ou da competición e as infraccións das normas xerais de conduta deportiva tipificadas nesta lei.

2. As infraccións clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 88. Infraccións moi graves

Consideraranse infraccións moi graves as seguintes:

1. As actuacións dirixidas a predeterminar, mediante prezo, intimidación ou simple acordo ou decisión o resultado dunha proba, encontro ou competición.

2. Os comportamentos e actitudes agresivos e antideportivos ou discriminatorios dos participantes, cando se dirixan aos xuíces, a outros participantes, auxiliares, técnicos, dirixentes, autoridades deportivas ou ao público en xeral, sempre que revistan especial gravidade.

3. Os quebrantamentos de sancións ou das medidas cautelares impostas pola comisión de infraccións graves ou moi graves.

4. A manipulación ou alteración, xa sexa persoalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas da competición cando poidan alterar a seguridade da proba, do encontro ou da competición ou poñan en perigo a integridade das persoas.

5. Non executar ou desobedecer as resolucións no ámbito disciplinario do Comité Galego de Xustiza Deportiva e dos órganos disciplinarios da FGC.

6. A inasistencia sen causa xusta dos deportistas ás convocatorias da selección galega ou a negativa da entidade deportiva a facilitar a súa asistencia.

7. A reiteración de infraccións graves. Entenderase que hai reiteración cando se sexa sancionado mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións graves no período de dous anos.

8. Participar indebidamente, non comparecer ou retirarse inxustificadamente das probas, dos encontros ou das competicións.

9. O incumprimento de acordos da Asemblea Xeral e dos regulamentos e estatutos federativos.

10. As declaracións públicas de directivos, xuíces, deportistas ou socios que inciten os seus equipos, os participantes ou os espectadores á violencia.

11. Os actos notorios e públicos que atenten contra a dignidade e decoro deportivos, cando revistan unha especial gravidade.

12. A participación en actividades ou competicións federativas sen estar en posesión da licenza federativa da Federación Galega de Caza en vigor ou cos seus datos falseados.

13. A participación en actividades ou competicións federativas sen estar en posesión da documentación preceptiva en vigor exixida pola lexislación vixente.

14. A presentación ao final da proba ou durante esta de pezas abatidas con anterioridade á competición, ou obtidas de maneira fraudulenta.

15. A venda ou gravame de bens inmobles cuxa titularidade corresponda á FGC sen a preceptiva autorización da Administración autonómica, así como o compromiso de gasto de carácter plurianual ou cando pola natureza do gasto ou da porcentaxe deste en relación co orzamento se vulneren os criterios contables, tamén sen a preceptiva autorización.

Artigo 89. Infraccións graves

Consideraranse infraccións graves as seguintes:

1. O incumprimento de ordes e instrucións emanadas dos órganos deportivos competentes. En tales órganos atópanse comprendidos os xuíces, técnicos, directivos e demais autoridades deportivas.

2. Actuar de forma pública e notoria contra a dignidade e o decoro propios da actividade deportiva.

3. A reiteración de infraccións leves. Entenderase que hai reiteración cando se sexa sancionado mediante resolución firme pola comisión de tres ou máis infraccións leves no período de dous anos.

4. A utilización indebida de denominacións ou a realización de actividades propias ou exclusivas da FGC, de forma que se poida producir unha situación de confusión sobre a verdadeira natureza da actividade dos seus organizadores ou do réxime de responsabilidade.

5. O quebrantamento de sancións ou de medidas cautelares impostas pola comisión de infraccións leves.

6. A non convocatoria nos prazos e nas condicións legais, de maneira sistemática e reiterada dos órganos colexiados federativos.

7. A manipulación ou alteración, xa sexa persoalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo e dos animais auxiliares en contra das regras técnicas da competición.

8. Os insultos, ofensas, ameazas, coaccións ou provocacións graves dirixidas a participantes, xuíces, técnicos, auxiliares, dirixentes, autoridades deportivas ou espectadores.

9. As agresións realizadas a participantes, xuíces, técnicos, auxiliares, dirixentes, autoridades deportivas ou espectadores.

10. Os xestos, expresións, ademáns de menosprezo dirixidos de xeito grave e reiterado a participantes, xuíces, técnicos, auxiliares, dirixentes, autoridades deportivas ou espectadores.

11. A formulación de observacións vexatorias graves e reiteradas ou a comisión de actos de desconsideración ou vexación graves e reiterados dirixidos a participantes, xuíces, técnicos, auxiliares, dirixentes, autoridades deportivas ou espectadores.

12. A recepción ou doazón de cantidades por parte dos participantes, dos seus equipos ou dos directivos como estímulo para obter un determinado resultado.

13. A inasistencia sen causa xusta dos representantes provinciais no campionato autonómico, ou a negativa da entidade deportiva a facilitar a súa asistencia.

14. A negativa por parte do xuíz a dirixir unha competición ou alegar causas falsas para evitar unha designación.

15. A incomparecencia inxustificada por parte do xuíz a unha proba ou competición.

16. A suspensión por parte do xuíz dunha proba ou competición sen a concorrencia de causas graves que afecten a seguridade das persoas ou instalacións.

17. A confección por parte do xuíz de informes incompletos, maliciosos, falsos ou equívocos sobre os feitos ocorridos antes, durante ou despois da proba ou competición, que puidese motivar a actuación improcedente dos órganos disciplinarios federativos.

Artigo 90. Infraccións leves

Consideraranse infraccións leves as seguintes:

1. As condutas contrarias ás normas deportivas que non estean incursas na cualificación de moi graves ou graves.

2. A incorrección co público, cos participantes e cos subordinados.

3. A adopción dunha actitude pasiva no cumprimento das ordes e instrucións recibidas de xuíces, árbitros e autoridades deportivas no exercicio das súas funcións.

4. As observacións formuladas aos xuíces, técnicos, directivos e demais autoridades deportivas no exercicio das súas funcións e de maneira que signifiquen unha lixeira incorrección.

5. O descoido na conservación e coidado dos locais sociais, instalacións deportivas e outros medios materiais, ou cos animais.

6. Os insultos, ofensas, ameazas, coaccións ou provocacións dirixidas a participantes, xuíces, técnicos, auxiliares, dirixentes, autoridades deportivas ou espectadores, sempre e cando o feito non constitúa infracción máis grave.

7. Os xestos, expresións ou ademáns de menosprezo dirixidos a participantes, xuíces, técnicos, auxiliares, dirixentes, autoridades deportivas ou espectadores, sempre e cando o feito non constitúa infracción máis grave.

8. A formulación de observacións desconsideradas ou a comisión de actos de desconsideración dirixidos a participantes, xuíces, técnicos, auxiliares, dirixentes, autoridades deportivas ou espectadores, sempre e cando o feito non constitúa infracción máis grave.

9. A incitación a outros para que realicen as condutas descritas nos puntos 6, 7 e 8 anteriores.

10. As protestas insistentes e reiteradas dirixidas aos xuíces, así como as protestas colectivas dirixidas a estes, sempre e cando o feito non constitúa infracción máis grave.

11. O menosprezo notorio da autoridade dos xuíces, sempre que o feito non constitúa infracción máis grave.

12. A non comparecencia por parte do xuíz no lugar da competición coa antelación regulamentaria ao comezo desta.

13. O consentimento por parte do xuíz de actitudes antideportivas dos participantes na competición.

14. A redacción incorrecta ou defectuosa da acta, a non constancia nela da identidade dos cazadores e demais participantes, ou a non remisión desta no prazo regulamentario aos órganos correspondentes, por parte do xuíz.

15. O incumprimento por parte do xuíz das súas obrigas regulamentarias.

16. O incumprimento por parte do xuíz auxiliar das instrucións que reciba dun xuíz principal sobre calquera aspecto das súas obrigas.

17. A negativa por parte do xuíz a dirixir unha competición ou alegar causas falsas para evitar unha designación.

Sección 2ª. Sancións

Artigo 91. Sancións pola comisión de infraccións moi graves

Pola comisión de faltas moi graves impoñeranse as seguintes sancións:

a) Multa en contía non superior a 1.500 euros.

b) Perda de puntos ou postos de clasificación, descualificación, eliminación ou perda do dereito a participar en igual competición de dous a cinco anos.

c) Perda do título.

d) Suspensión ou privación da licenza federativa ou da habilitación para ocupar cargos nunha federación deportiva por un prazo de dous a cinco anos.

e) Privación da licenza federativa a perpetuidade ou privación da habilitación para ocupar cargos na federación deportiva a perpetuidade. Esta sanción só se poderá acordar, de modo excepcional, pola reincidencia en infraccións de extrema gravidade.

f) Destitución do cargo, cando as infraccións sexan cometidas polos directivos.

As multas só se lles poderán impoñer ás entidades deportivas e aos que sexan considerados deportistas ou técnicos profesionais.

Artigo 92. Sancións pola comisión de infraccións graves

Pola comisión de faltas graves imporanse as seguintes sancións:

a) Amoestación pública.

b) Multa en contía non superior a 1.000 euros.

c) Suspensión ou privación da licenza federativa e/ou inhabilitación temporal dun mes a dous anos.

No caso de que o sancionado fose un directivo, a inhabilitación temporal será dun mes a dous anos para ocupar cargos.

No caso de que o sancionado fose un xuíz, poderase impor ademais da sanción que corresponda a perda dos seus dereitos de arbitraxe e a axuda de custo por desprazamento, se a houber.

As multas só se lles poderán impor ás entidades deportivas e aos que sexan considerados deportistas profesionais ou técnicos profesionais.

Artigo 93. Sancións pola comisión de faltas leves

Pola comisión de faltas leves imporanse as seguintes sancións:

1) Apercibimento.

2) Inhabilitación para ocupar cargos federativos ou suspensión de ata un mes, ou dunha a tres probas ou competicións.

Artigo 94. Alteración de resultados

Con independencia das sancións que poidan corresponder, os órganos disciplinarios da FGC terán a facultade de alterar os resultados das probas ou competicións por causa de predeterminación mediante prezo, intimidación ou simples acordos sobre o resultado da proba ou competición, en supostos de participación indebida e, en xeral, en todos aqueles en que a infracción supoña unha grave alteración da orde da proba ou competición.

CAPÍTULO V

Procedementos disciplinarios deportivos

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 95. Clases de procedementos

1. Os procedementos para a imposición de sancións pola comisión das infraccións previstas no capítulo anterior, serán o abreviado e o ordinario que se regulan a continuación.

2. O procedemento abreviado é aplicable para a imposición das sancións por infracción das regras do xogo ou da competición.

3. O procedemento ordinario será aplicable para as sancións correspondentes ás infraccións das normas xerais de conduta deportiva.

Artigo 96. Regras comúns aos procedementos

1. No non previsto neste título serán de aplicación supletoria as normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aprobou o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. Os procedementos sancionadores respectarán a presunción de inexistencia de responsabilidade administrativa mentres non se demostre o contrario, e deberá asegurarse o trámite de audiencia ás persoas interesadas e o dereito ao recurso, así como, de ser o caso, o normal desenvolvemento da competición.

3. As sancións impostas a través do correspondente procedemento disciplinario serán inmediatamente executivas, agás que o órgano encargado da resolución do recurso acorde a suspensión.

4. As actas subscritas polos xuíces ou árbitros da proba ou da competición constituirán medio documental necesario en conxunto da proba das infraccións ás regras e normas deportivas. Igual natureza terán as ampliacións ou aclaracións a aquelas.

5. As manifestacións do árbitro ou xuíz plasmadas nas citadas actas presúmense certas, agás proba en contrario.

6. Os xuíces exercen a potestade disciplinaria durante o desenvolvemento da competición de xeito inmediato. Os afectados polas decisións dos xuíces ou do xurado de competición, no exercicio da súa potestade disciplinaria, poderán formular a pertinente reclamación perante o xuíz único da FGC de acordo co previsto no procedemento abreviado.

7. O xuíz único da FGC deberá, de oficio ou por instancia do instrutor do expediente, comunicar ao Ministerio Fiscal aquelas infraccións que poidan revestir carácter de delito. Nese caso os órganos disciplinarios valorarán as circunstancias que concorran co fin de acordar motivadamente a suspensión ou continuación do expediente disciplinario deportivo. No caso de acordarse a suspensión poderán adoptarse as medidas cautelares pertinentes.

8. Os prazos para a práctica da proba e para ditar a resolución previstos nos artigos seguintes poderán ser ampliados no caso de imposibilidade de levalas a efecto nos períodos establecidos.

9. As peticións ou reclamacións formuladas ante os órganos disciplinarios deportivos deberán resolverse de maneira expresa nun prazo non superior a quince días hábiles, transcorrido o cal se entenderán desestimadas.

10. As resolucións e demais notificacións que se leven a cabo dentro dos procedementos disciplinarios notificaranse aos interesados mediante carta certificada, fax, correo electrónico ou calquera outro medio de que quede constancia da súa recepción.

Sección 2ª. Procedementos disciplinarios

Artigo 97. Procedemento abreviado

As regras ás cales debe axustarse o procedemento abreviado son as seguintes:

1. Iniciación:

a) O procedemento abreviado iníciase coa notificación da acta da proba ou competición, que reflicta os feitos que poden dar lugar a sanción, subscrita polo xuíz ou árbitro e polos competidores ou polo xurado de competición.

No suposto de que os feitos susceptibles de ser sancionados non estean reflectidos na acta, senón mediante anexo, o procedemento iníciase no momento en que teña entrada na FGC o anexo da acta da proba ou documento en que queden reflectidos os feitos obxecto de axuizamento.

b) Tamén se pode iniciar por instancia da parte interesada, sempre que a denuncia se presente nas dependencias da FGC dentro do segundo día hábil seguinte ao día en que se realizase a proba ou competición.

2. Tramitación e resolución:

a) No prazo de dous días, que se contarán desde a notificación prevista no punto anterior, as persoas interesadas poderán formular alegacións ante o xuíz único da FGC en relación cos feitos consignados na acta, no anexo ou na denuncia. Poderán, así mesmo, propoñer ou achegar as probas que se consideren pertinentes.

Practicadas, se é o caso, as probas propostas por instancia de parte, ou de oficio, daráselle vista do expediente ao interesado para que no prazo de dous días hábiles manifeste o que considere oportuno no seu descargo.

b) Unha vez concluídos os trámites previstos no punto anterior, ou transcorridos os prazos previstos, o xuíz único ditará resolución no prazo de dous días hábiles, na cal se deben expresar os feitos imputados, os preceptos infrinxidos e os que habilitan a sanción que se impoña. Así mesmo, deben expresarse na mesma resolución os motivos de denegación das probas non admitidas se non se realizase con anterioridade.

c) A resolución ditada polo xuíz único notificaráselles aos interesados, con indicación de que contra ela cabe interpor recurso perante o Comité de Apelación da FGC no prazo de dous días hábiles desde a súa notificación.

Artigo 98. Procedemento ordinario

As regras a que debe someterse o procedemento ordinario son as seguintes:

1. Iniciación:

a) O procedemento iníciase por acordo do xuíz único da FGC de oficio ou por instancia de persoa interesada.

Ao ter coñecemento dunha suposta infracción das normas deportivas xerais, o xuíz poderá acordar a instrución dunha información reservada antes de ditar o acordo en que se decida a incoación do expediente ou, se é o caso, o arquivo das actuacións.

b) O acordo que inicie o procedemento conterá a identidade do instrutor, se é o caso, do secretario, do órgano competente para impoñer a sanción, o prego de cargos que conterá a determinación dos feitos imputados, a identificación da persoa ou das persoas presuntamente responsables, así como as posibles sancións aplicables. Este acordo deberáselle notificar á persoa interesada.

Serán aplicables ao instrutor e ao secretario as causas de abstención e recusación e procedemento establecidas no capítulo III do título II, artigos 28 e 29, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Tramitación:

a) Durante a tramitación do procedemento, o órgano competente para incoalo, de oficio ou por instancia do instrutor, poderá acordar en resolución motivada as medidas que considere oportunas para asegurar a eficacia da resolución que se poida ditar.

b) O acordo de iniciación notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para contestar os feitos e propor a práctica das probas que conveña á defensa dos seus dereitos e intereses.

c) Practicaranse de oficio ou admitiranse por proposta da persoa interesada cantas probas sexan adecuadas para a determinación de feitos e posibles responsabilidades. Só se poderán declarar improcedentes aquelas probas que pola súa relación cos feitos non poidan alterar a resolución final a favor do presunto responsable.

d) Contestado o prego de cargos ou transcorrido o prazo para facelo, ou concluída a fase probatoria, o instrutor redactará a proposta de resolución ben apreciando a existencia dalgunha infracción imputable –e neste caso conterá necesariamente os feitos declarados probados, as infraccións que constitúan e as disposicións que as tipifiquen, as persoas que resulten presuntamente responsables e as sancións que procede impoñer– ou ben propoñendo a declaración de inexistencia de infracción ou responsabilidade e o sobresemento con arquivo das actuacións. Así mesmo, o instrutor proporá o mantemento ou levantamento das medidas provisionais que, se é o caso, se adoptasen.

A proposta de resolución notificaráselles ás persoas interesadas e concederáselles un prazo de dez días para formular alegacións e presentar os documentos que consideren pertinentes.

3. Resolución:

a) Recibidas polo instrutor as alegacións ou transcorrido o prazo de audiencia, remitiralle o expediente ao xuíz único da FGC para resolver.

b) A resolución do xuíz único da FGC pon fin ao procedemento ordinario e ditarase no prazo máximo de dez días hábiles.

c) A resolución ditada polo xuíz único da FGC notificaráselles aos interesados con indicación de que contra ela cabe interpor recurso perante o Comité de Apelación da FGC no prazo de cinco días hábiles desde a súa notificación.

Artigo 99. Lexitimación para recorrer contra as sancións

Están lexitimadas para interpor recurso en materia disciplinaria as persoas directamente afectadas pola sanción. Enténdese, en todo caso, por tales os deportistas, as súas entidades deportivas e as entidades deportivas participantes na competición.

Artigo 100. Medidas provisionais

1. En calquera momento do procedemento, o órgano competente para iniciar o expediente pode decidir, mediante un acto motivado, as medidas preventivas de carácter provisional que aseguren a eficacia da resolución final que se poida ditar nese procedemento, que lle deben ser notificadas á persoa interesada.

2. As medidas a que se fai referencia no punto anterior, que non teñen carácter de sanción, poden consistir en:

– A suspensión da licenza federativa.

Artigo 101. Comité Galego de Xustiza Deportiva

As resolucións ditadas polo Comité de Apelación da FGC serán recorribles perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, no prazo dun mes contado desde a súa notificación, conforme o previsto no capítulo II do título VII da Lei 3/2012, do deporte de Galicia, e no Decreto 120/2013, polo que se aproba o Regulamento do Comité Galego de Xustiza Deportiva. A interposición do recurso non suspenderá a execución do acto impugnado, salvo que así o acorde o propio comité.

TÍTULO IV

Réxime electoral

CAPÍTULO I

Censos

Artigo 102

Compoñerán os censos correspondentes a cada estamento electoral todos os membros da FGC que reúnan os requisitos establecidos para cada estamento nos presentes estatutos, no regulamento electoral e na normativa vixente.

CAPÍTULO II

Regulamento electoral

Artigo 103

Os procesos electorais desenvolveranse conforme o regulamento electoral, que deberá ser aprobado pola Asemblea Xeral, por proposta do presidente, e que regulará as seguintes cuestións:

1. Número de membros da Asemblea Xeral, circunscrición electoral e número de representantes que por cada circunscrición electoral corresponda a cada un dos estamentos.

2. Calendario electoral.

3. Censo electoral.

4. Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

5. Requisitos para presentación e proclamación de candidatos. O prazo para a presentación de candidatos a presidente e membros da Asemblea Xeral non poderá ser inferior a dez días.

6. Procedemento de resolución de conflitos, impugnacións e reclamacións, así como os recursos electorais.

7. Regulación do voto por correo nas eleccións á Asemblea Xeral. Non se admitirá esta clase de voto nas eleccións á Comisión Delegada e a presidente.

8. Composición, competencia, funcionamento e localización das mesas electorais.

9. Elección de presidente.

10. Elección da Comisión Delegada.

11. E aqueloutras cuestións que estableza a normativa electoral vixente.

CAPÍTULO III

Comisión xestora

Artigo 104

Acordada a convocatoria de eleccións pola Asemblea Xeral e aprobado o regulamento electoral, que se someterá á ratificación do órgano competente da Xunta de Galicia en materia deportiva, o presidente procederá no prazo sinalado nel á publicación da convocatoria de eleccións á Asemblea Xeral. A comisión xestora será designada conforme o previsto no regulamento electoral.

A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de eleccións a Asemblea Xeral e presidente, así como do regulamento electoral, coas medidas previstas nas disposicións federativas a través dun medio que permita asegurar a recepción da dita notificación. Deberá exporse o regulamento electoral en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.

A comisión xestora administrará a federación, e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres meses no caso de que non se presentase ningunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas.

As persoas que presenten a súa candidatura para formar parte dos órganos de goberno e representación da FGC non poderán ser membros da comisión xestora, e deberán cesar na dita condición conforme a normativa electoral.

CAPÍTULO IV

Circunscrición electoral

Artigo 105

A circunscrición electoral será provincial. A elección á Asemblea Xeral por estamentos será en réxime de listas abertas.

CAPÍTULO V

Xunta electoral

Artigo 106

1. A xunta electoral será elixida pola asemblea en que se aprobe a convocatoria de eleccións e estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes.

2. Os membros da xunta electoral elixirán entre eles as persoas que desempeñen a presidencia e a secretaría desta. Na súa falta, desempeñará a presidencia da xunta electoral o membro elixido de entre eles de maior idade e a secretaría o de menor idade.

3. Os membros da xunta electoral non poderán figurar como candidatos á Asemblea Xeral e á Presidencia da federación.

4. A xunta electoral controlará todo o proceso electoral e terá competencia para coñecer e resolver as incidencias que se produzan sobre o censo electoral, presentación e proclamación de candidatos, proclamación de membros da Asemblea Xeral e Comisión Delegada e do presidente da federación, así como a decisión de calquera outra cuestión que afecte directamente a celebración das eleccións e os seus resultados.

5. As decisións da xunta electoral son executivas e tomaranse por maioría de votos. En casos de empate, o voto do presidente terá carácter dirimente.

6. O mandato dos membros da xunta electoral será ata a convocatoria do seguinte proceso electoral, e as eventuais vacantes que se produzan serán cubertas polo mesmo procedemento e cunha duración polo tempo restante ata a convocatoria do seguinte proceso electoral.

CAPÍTULO VI

Mesas electorais

Artigo 107

Para a elección dos distintos estamentos da Asemblea Xeral, do presidente e da Comisión Delegada, constituirase unha ou varias mesas electorais na forma establecida no regulamento electoral. Os membros destas mesas non poderán ser candidatos, axustándose no seu funcionamento ás normas que se establezan no regulamento electoral.

CAPÍTULO VII

Recursos

Artigo 108

As reclamacións e impugnacións que se presenten contra calquera acto electoral dirixiranse á xunta electoral e contra o que esta resolva caberá recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva. Así mesmo, caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva contra todos os actos, acordos ou resolucións da xunta electoral ou calquera outro órgano ou membro da federación en materia electoral.

CAPÍTULO VIII

Elección da Asemblea Xeral

Artigo 109

1. Os membros da Asemblea Xeral serán elixidos cada catro anos, coincidindo cos xogos olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre, secreto, igual e directo entre e polos compoñentes dos distintos estamentos da federación.

2. As eleccións á Asemblea Xeral serán acordadas por esta, que aprobará a convocatoria con todos os requisitos que se establecerán no regulamento electoral aprobado pola asemblea.

3. Acordada pola Asemblea Xeral a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente da federación, quen asinará a citada convocatoria.

Artigo 110

Para ser candidato a membro da Asemblea Xeral requírese o cumprimento dos requisitos establecidos con carácter xeral nestes estatutos e no regulamento electoral.

Os requisitos exixidos para ser elector ou elixible deberán terse cumpridos nas datas que estableza o regulamento electoral.

Artigo 111

As eleccións á Asemblea Xeral realizaranse para cada un dos postos correspondentes aos estamentos integrantes dela de acordo co previsto nestes estatutos.

Artigo 112

Os representantes das entidades deportivas na Asemblea Xeral serán elixidos por e entre os representantes dos correspondentes a cada circunscrición electoral, dos que integran o censo de entidades deportivas e cumpran os requisitos exixidos no artigo 24.5.1 anterior e no regulamento electoral.

Artigo 113

Os representantes dos deportistas na Asemblea Xeral serán elixidos por e entre os maiores de 18 anos correspondentes a cada circunscrición electoral, dos que integran o censo de deportistas e cumpran os requisitos establecidos no artigo 24.5.2 anterior e no regulamento electoral.

Artigo 114

Os representantes dos xuíces e árbitros na Asemblea Xeral serán elixidos por e entre os pertencentes a cada estamento, calquera que sexa a súa categoría, e cumpran os requisitos establecidos no artigo 24.5.3 anterior e no regulamento electoral.

Artigo 115

Os representantes doutros colectivos serán elixidos por e entre os representantes dos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que integran o censo deste estamento, e cumpran os requisitos establecidos no artigo 24.5.4 anterior e no regulamento electoral.

CAPÍTULO IX

Elección do presidente

Artigo 116

O presidente será elixido por un período de catro anos, coincidindo cos anos en que se celebren os xogos olímpicos de inverno, pola Asemblea Xeral, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto por todos os membros da dita Asemblea Xeral, sen que teña que ser membro desta, logo de presentación e aceptación das candidaturas correspondentes.

Artigo 117

Será elixido presidente en primeira votación aquel candidato que obteña a maioría absoluta dos votos. De non acadar a maioría absoluta dos votos ningún dos candidatos, poderán celebrarse ata un máximo de 3 votacións.

Á segunda votación pasarían aqueles candidatos que obtiveron polo menos o 10 % dos votos na primeira; de non acadarse a maioría absoluta na segunda pasaríase á terceira e última votación entre os dous candidatos máis votados na segunda, e será proclamado o candidato que obteña a maioría de votos.

No suposto de que se presentase un só candidato, non se efectuará votación e será proclamado presidente o único candidato.

Artigo 118

A votación será libre, igual, secreta e directa, e non se admite o voto por correo, nin por delegación das persoas físicas.

CAPÍTULO X

Elección da Comisión Delegada

Artigo 119

Na mesma Asemblea Xeral convocada para a elección de presidente, e unha vez realizada esta, elixiranse os membros da Comisión Delegada da Asemblea Xeral, conforme o disposto na normativa electoral.

TÍTULO V

Réxime económico

Artigo 120

A federación está sometida ao réxime de administración, orzamento, patrimonio propio e caixa única. O exercicio económico corresponderase co ano natural, ábrese o 1 de xaneiro e péchase o 31 de decembro.

O tesoureiro someterá á Asemblea Xeral ordinaria un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, a memoria económica, así como o orzamento para a tempada seguinte, balance e orzamento, que deberá ser notificado á Secretaría Xeral para o Deporte.

Non poderá aprobarse un orzamento deficitario, salvo autorización da Secretaría Xeral para o Deporte. Tampouco poderán repartirse beneficios entre os seus membros.

A FGC elaborará unha memoria que analizará fielmente a actividade económica, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos, e os proxectos que se van desenvolver, e informará separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos:

1. Diferenciación dos ingresos e achegas segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou achegas privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos por servizos prestados pola FGC: permisos, licenzas e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo como mínimo os grupos de custos ou investimentos seguintes:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servizos da directiva, incluídas viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construcións e outros inmobilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de elite e profesional.

i) Árbitros.

j) Órganos xurisdicionais.

3. O importe das obrigas de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

4. O importe das garantías e os avais comprometidos.

5. A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na Asemblea Xeral anterior.

Será necesaria a autorización da Administración autonómica para a venda ou gravame dos bens inmobles cuxa titularidade lle corresponda á federación, tamén se requirirá igual autorización no caso de gastos de carácter plurianual ou cando a natureza do gasto, ou a porcentaxe deste en relación co seu orzamento vulnere criterios normativos.

As contas anuais e os orzamentos estarán no domicilio social da FGC, cunha antelación mínima de dez días respecto da data de celebración da Asemblea Xeral, á disposición das persoas ou entidades con dereito a voto nela, as cales poderán solicitar copia, que se lles entregará antes da celebración da asemblea.

Artigo 121

Constitúen os ingresos da federación:

a) As subvencións ordinarias e extraordinarias da Xunta de Galicia, ou as que outras entidades públicas poidan concederlle, así como as provenientes, se é o caso, da Real Federación Española da mesma modalidade deportiva.

b) Os bens ou dereitos que reciba por herdanza, legado ou doazón de persoas físicas ou entidades particulares, así como os premios que lle sexan outorgados.

c) As cotas dos seus afiliados.

d) As sancións pecuniarias que se lles impoñan aos seus afiliados dentro do exercicio da potestade disciplinaria.

e) Os froitos, rendas e xuros dos seus bens patrimoniais.

f) Os préstamos ou créditos que se lle concedan.

g) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, así como os derivados dos contratos que realice.

h) Outros que poidan serlle atribuídos por disposición legal ou en virtude de convenio.

Artigo 122

A federación destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto social.

Artigo 123

A xestión económica ordinaria correrá a cargo do tesoureiro, baixo a dirección do presidente, coidando das operacións de cobramentos e pagamentos. Autorizará coa súa sinatura, mancomunada coa do presidente, ou coa do vicepresidente ou secretario xeral autorizado, todos os documentos de movementos de fondos. Será responsable de levar e custodiar os libros de contabilidade. Formulará os balances que anualmente deberán presentarse á Asemblea Xeral para a súa aprobación.

TÍTULO VI

Réxime documental

Artigo 124

O réxime documental da Federación Galega de Caza comprende os seguintes libros:

a) Libros de entrada e saída de correspondencia oficial ou soporte informático.

b) Libro de rexistro de clubs ou soporte informático, en que constará a denominación destes, domicilio social, nome do presidente e da Xunta Directiva, data de toma de posesión e cesamento dos citados cargos, así como a renovación dos cargos directivos cando se produzan.

c) Libros de actas ou soporte informático, en que se consignarán as reunións que celebren todos os órganos colexiados da FGC, tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.

d) Libros de contabilidade ou soporte informático.

e) Libro de inventario de bens mobles e inmobles ou soporte informático.

f) Rexistro dos membros da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada ou soporte informático, en que deberán constar os nomes, enderezos e estamento a que representan na asemblea.

g) Rexistro ou soporte informático dos membros da Xunta Directiva, comités e comisións da Federación Galega de Caza, en que deberán constar os nomes e enderezos destes.

h) Rexistro ou soporte informático de xuíces ou árbitros titulados.

Artigo 125

O réxime documental da FGC estará a cargo do secretario xeral, a quen lle corresponde a custodia dos libros da federación, levantar actas das reunións dos órganos colexiados e, unha vez aprobados, asinadas co visto e prace do presidente, expedir certificacións, remitir as certificacións e acordos que procedan ao órgano competente da Xunta de Galicia en materia deportiva, e, en xeral, preparar a resolución e despacho de todos os asuntos.

No caso de ausencia ou imposibilidade física do secretario, as súas funcións serán desempeñadas polo propio presidente da FGC ou pola persoa en quen delegue.

TÍTULO VII

Modificación de estatutos

Artigo 126

Os estatutos da FGC unicamente poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral, logo de inclusión na orde do día das modificacións que se pretendan.

Artigo 127

1. A modificación ou reforma dos estatutos deberá aprobarse polos dous terzos dos membros da Asemblea Xeral.

2. A proposta de modificación ou reforma dos estatutos deberá ser realizada:

a) Polo presidente.

b) Pola Comisión Delegada.

c) Por 1/3 dos membros da Asemblea Xeral.

Aprobada a reforma dos estatutos pola Asemblea Xeral, esta deberá ser ratificada polo órgano competente da Xunta de Galicia en materia deportiva.

TÍTULO VIII

Extinción e disolución da FGC

Artigo 128

A Federación Galega de Caza extinguirase polas seguintes causas:

a) Por acordo da Asemblea Xeral adoptado por unha maioría dos 3/4 dos seus membros.

b) Pola revogación do seu recoñecemento.

c) Por resolución xudicial.

d) Por integración ou fusión con outra federación deportiva galega.

e) Polas demais causas que determinen as leis. En todo caso, será necesario que o acordo ou disposición sexa xuridicamente firme.

Artigo 129

Decidida a disolución, procederase á liquidación do seu patrimonio, mediante unha comisión liquidadora de cinco asembleístas, presidida polo presidente da FGC e asistida polo secretario xeral e polo tesoureiro.

Esta liquidación será supervisada mediante unha auditoría das autoridades competentes, e o seu remanente neto, se existise, dedicarase á realización de fins de interese xeral análogos aos realizados, determinando o órgano competente da Xunta de Galicia en materia deportiva o seu destino concreto.

Disposición adicional

As xuntanzas dos diferentes órganos da FGC, previstos no artigo 16 destes estatutos (Asemblea Xeral, Comisión Delegada, Xunta Directiva, Comisión Executiva, Comité de Disciplina Deportiva, Comité de Xuíces e Árbitros, Comisión de Xuventudes, Comisión de Competición e Comité de Mediación, Conciliación e Arbitraxe) poderán celebrarse de xeito presencial ou telemático. Poderá optarse pola celebración telemática sempre e cando os membros do órgano que deba reunirse non manifestasen á FGC a súa imposibilidade de participar nas xuntanzas por carecer de medios para poder conectarse.

Disposición transitoria primeira

Os expedientes en trámite iniciados con anterioridade á aprobación destes estatutos seguiranse conforme a normativa vixente no momento de iniciarse.

Disposición transitoria segunda

Unha vez que se acaben de tramitar na instancia en que se atopen, os posibles recursos que poidan interporse serán os que prescriben os presentes estatutos.

Disposición derrogatoria

Estes estatutos foron aprobados pola Asemblea Xeral da Federación Galega de Caza celebrada en Santiago de Compostela, o día 1 de decembro de 2023.

Disposición derradeira

Estes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa aprobación pola Asemblea Xeral.