DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 5 de xuño de 2024 Páx. 34154

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2024, da Dirección Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Val do Dubra (expediente IN407A 2023/444-1).

Expediente: IN407A 2023/444-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación da instalación: ampliación de potencia do CT Bascuas (15AJU4).

Concello: Val do Dubra.

Feitos:

1. O día 11 de outubro de 2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de dar resposta a unha solicitude de subministración para unha vivenda unifamiliar sita no lugar de Bascuas, concello de Val do Dubra. Proxéctase unha suba de potencia do centro de transformación de intemperie CT Bascuas (15AJU4, expediente 372/97) de 50 kVA de potencia alimentado pola liña de distribución de media tensión LMT NEG803, procedente da subestación Negreira, instalando un novo transformador de 100 kVA no apoio de formigón existente.

Achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña, ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, e que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución nomeado: ampliación de potencia de CT Bascuas (15AJU4), asinado o 26 de setembro de 2023 por Susana Casais Pérez, enxeñeira técnica industrial eléctrica, co número colexial 2.033 da Coruña.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidese prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselles o preceptivo informe a Augas de Galicia (Zona Hidrográfica Galicia Norte)-Dirección Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Coruña e o Concello de Val do Dubra. A día de hoxe, non consta no expediente resposta dos organismos á solicitude de condicionado.

4. O 25 de abril de 2024 emitiuse un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O director territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio) consonte coa disposición adicional décimo segunda e a disposición transitoria primeira do Decreto 49/2024 do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– A Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

– O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

Terceira. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente atópanse no lugar de Bascuas, concello de Val do Dubra.

– Repotenciación do CT Bascuas (15AJU4, expediente 372/97) de intemperie de 50 kVA con relación de transformación de 20.000/400-230 V, instalado no apoio existente tipo HVH 2500/13 da LMT NEG803, procedente da subestación Negreira. Novo trafo de 100 kVA e retirada do existente.

Cuarto. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta dirección territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta dirección territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 14 de maio de 2024

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña