DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 31 de maio de 2024 Páx. 33172

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2024 pola que se convocan probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de técnico de grao medio de investigación (magnetosusceptibilidade e crioxenia), grupo II, pola quenda de promoción interna, do cadro de persoal laboral.

O reitor, no uso das atribucións conferidas polo artigo 50 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, así como nos estatutos desta universidade e, co fin de atender as necesidades de persoal de Administración e servizos da Universidade de Santiago de Compostela (USC), en execución do previsto no anexo IV, oferta de promoción interna independente da Resolución do 23 de novembro 2023 (DOG do 1 de decembro) pola que se publica a oferta de emprego público do persoal de Administración e servizos para o ano 2023, resolve convocar probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de técnico de grao medio de investigación (magnetosusceptibilidade e crioxenia), grupo II, pola quenda de promoción interna, do seu cadro de persoal laboral, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

Todos os actos de relación entre as/os aspirantes e a USC derivados desta convocatoria realizaranse exclusivamente por medios electrónicos, ao abeiro do artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir con persoal laboral fixo unha praza da categoría profesional de técnico de grao medio de investigación (magnetosusceptibilidade e crioxenia), grupo II, do Convenio colectivo para o persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008), pola quenda de promoción interna.

1.2. A presente convocatoria non xerará praza vacante na categoría á que proceda a persoa que supere o proceso selectivo.

1.3. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoracións axustaranse ao que se especifica no anexo I desta convocatoria.

1.4. A adxudicación da praza á persoa aspirante que supere o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida segundo o establecido no anexo I.

1.5. O programa que rexerá na fase de oposición especifícase no anexo II.

1.6. Na realización destas probas selectivas aplicaranse as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: Real decreto 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público; Lei orgánica 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social; Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia; os Estatutos da USC, aprobados polo Decreto 14/2014, do 30 de xaneiro, da Xunta de Galicia; o Convenio colectivo do persoal laboral da USC (DOG do 30 de decembro de 2008) e as bases desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para ser admitidas á realización das probas selectivas, as persoas aspirantes deberán posuír no día de remate do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de formalización do contrato, os seguintes requisitos:

a) Posuír a condición de persoal laboral fixo, categoría técnico especialista de investigación, especialidade física, e estar prestando servizos con carácter definitivo ou en adscrición provisional na Unidade de Magnetosusceptibilidade e Crioxenia.

b) Ter unha antigüidade efectiva de polo menos seis meses como persoal laboral fixo na categoría á que pertenzan o último día do prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar en posesión do título de técnico superior, graduado, diplomado, arquitecto técnico, enxeñeiro técnico ou equivalentes. As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título.

d) Será requisito indispensable para o ingreso ter acreditada a aptitude médica para o desempeño. Para estes efectos, a persoa aspirante declara ao facer a solicitude de participación no proceso selectivo que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar o traballo propio da categoría á que se pretende incorporar.

e) Non estar separado/a de servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública.

f) Non estar sancionado/a coa suspensión do dereito de concorrer a probas selectivas, segundo o artigo 70 do convenio colectivo para o persoal laboral da USC.

g) Aboar as taxas por dereitos de exame, agás o previsto no punto 3.8 desta convocatoria para as persoas con discapacidade e para os membros de familias numerosas.

3. Solicitudes.

3.1. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

3.2. As persoas que desexen participar nestas probas selectivas deberán formalizar a súa solicitude, así como aboar a taxa correspondente, unicamente por medios electrónicos. Para iso empregarase exclusivamente o formulario electrónico habilitado ao respecto que figura no catálogo de procedementos da sede electrónica da USC: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/seleccionPersoalLaboral.htm empregando como medio de identificación electrónica as credenciais corporativas da USC.

3.3. A solicitude presentarase acompañada da seguinte documentación:

– Certificado de coñecemento de lingua galega (Celga 4 ou equivalente). As persoas aspirantes que non presenten esta acreditación deberán realizar a proba de lingua galega prevista no anexo I.

As/os aspirantes que teñan expediente administrativo como PAS na USC estarán exentas/os de xustificar documentalmente as condicións e requisitos xa probados para obter a súa anterior contratación ou nomeamento, debendo presentar unicamente a documentación requirida para este procedemento que non se atope debidamente acreditada no seu expediente persoal.

3.4. A Xerencia expedirá e engadirá de oficio á solicitude presentada pola persoa aspirante un certificado acreditativo dos servizos prestados, no que conste a categoría e os períodos nos que se prestaron así como os cursos de formación e cualificación profesional que consten no expediente.

3.5. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data do peche do prazo de presentación de solicitudes.

3.6. A Universidade poderá requirir en calquera momento os orixinais ou copias auténticas dos documentos que se correspondan coas simples presentadas.

3.7. Os/as aspirantes cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % poderán solicitar no formulario de inscrición do proceso selectivo, a adaptación de tempo e/ou medios para a realización dos exercicios, reflectindo con claridade as necesidades que ten o/a candidato/a de adaptacións específicas e o seu motivo.

3.8. Os dereitos de exame serán de 38,02 €. Para realizar o seu ingreso, empregarase un dos seguintes medios accesibles desde o formulario de inscrición:

• Aboamento con tarxeta bancaria a través da pasarela de pagamento do formulario.

• Aboamento presencial nunha oficina de Abanca presentando a folla de liquidación que se deberá imprimir, unha vez realizada a inscrición no proceso selectivo, non sendo preciso comunicación posterior do pagamento por parte da persoa interesada.

3.8.1. De acordo co sinalado no artigo 23.5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento:

Do importe total da taxa:

• As persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 %.

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial.

Do 50 % do importe da taxa:

• As persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría xeral.

3.8.2. As circunstancias de exención e bonificación deberán ser acreditadas, segundo o suposto que corresponda, presentando xunto coa solicitude de participación no proceso selectivo a seguinte documentación:

• Persoas con discapacidade: certificado do grao discapacidade.

• Familia numerosa xeral ou especial: certificado de familia numerosa de carácter xeral ou especial ou carné familiar en que conste o dito carácter.

3.8.3. Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non aboen os dereitos de exame dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes, e non se concederá ningún prazo adicional para o seu aboamento.

3.8.4. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas. Para tal efecto, o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer constar a entidade bancaria e o seu número de conta no recadro que figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncian á devolución dos dereitos de exame.

3.9. Este procedemento desenvolverase de forma electrónica polo que, se a persoa aspirante desexa recibir avisos das notificacións que a USC poña á súa disposición, é imprescindible que indique no punto de «Medios de aviso de notificación» do formulario, o teléfono e enderezo electrónico válidos. As notificacións electrónicas realizaranse por comparecencia en sede electrónica, para o acceso á cal se empregarán os medios de identificación que se indican na base 3.2.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o reitor ditará resolución mediante a que se declara aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas. Nesta resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o lugar no cal se atopa exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, así como as causas que motivaran a exclusión e o prazo para emendalas.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da citada resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivaran a exclusión.

Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do catálogo de procedementos dispoñible na seguinte ligazón: https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm para o que o/a aspirante deberá empregar o medio de identificación e sinatura que se indica no punto 3.2 desta convocatoria.

4.3. As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

4.4. Na resolución que aprobe a listaxe definitiva, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, indicarase o día, a hora e o lugar de realización do primeiro exercicio. Esta resolución esgotará a vía administrativa, e poderase interpor contra ela recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou recurso potestativo de reposición diante do reitor no prazo dun mes, de acordo co previsto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4.5. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión de todos os requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 7 desta convocatoria.

5. Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas selectivas terá a categoría primeira de conformidade cos grupos de clasificación para asistencias establecidos no Regulamento de indemnizacións por razón de servizo aprobado en Consello de Goberno do 29 de decembro de 2020.

O seu procedemento de actuación axustarase ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións pública e no Regulamento de selección de persoal funcionario de administración e servizos da USC. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da USC.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir notificándollo ao reitor da universidade, cando concorran neles as circunstancias previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, ou se realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

A persoa que exerza a presidencia solicitará dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estaren incursos nas circunstancias previstas no dito artigo.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar aos membros do tribunal cando concorran as circunstancias antes citadas.

5.3. En caso de ter que substituír a algún membro do tribunal, por renuncia, por algunha das circunstancias citadas no anterior artigo ou calquera outra causa de forza maior, daráselle publicidade ao novo nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

5.4. Logo da convocatoria da presidencia constituirase o tribunal de acordo co previsto no artigo 17.1 da Lei 40/2015, coa asistencia tanto presencial como a distancia, da maioría absoluta dos seus membros titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.5. A partir da súa constitución, o tribunal requirirá a asistencia presencial ou a distancia do/da presidente/a e secretario/a e da metade polo menos dos seus membros para actuar validamente.

5.6. Dentro da fase de oposición, o tribunal resolverá todas as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

5.7. O órgano convocante, por proposta do tribunal, poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que coide pertinentes, limitándose a prestar a súa colaboración nas súas especialidades técnicas. Os ditos asesores deberán posuír titulación de igual ou superior nivel que a exixida nesta convocatoria. O seu nomeamento farase público e seranlles de aplicación as causas de abstención e recusación, ao igual que aos restantes membros do tribunal.

Así mesmo, o tribunal poderá dispor a incorporación con carácter temporal doutros/as funcionarios/as para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.

5.8. O tribunal adoptará as medidas precisas para que as persoas aspirantes ás que se refire o punto 3.7 participen en condicións de igualdade. Para tal efecto, o órgano de selección poderá requirir un informe e, se é o caso, a colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou de asuntos sociais. Para os efectos de valorar a procedencia da concesión das adaptacións solicitadas, requirirase da persoa aspirante o correspondente certificado ou información adicional. A adaptación non se outorgará de forma automática, senón unicamente naqueles casos en que a discapacidade garde relación directa coa proba que se vaia realizar.

5.9. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aquelas persoas aspirantes que consignen nas follas de exame, o seu nome, trazos, marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.10. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superaron as probas selectivas un número superior de persoas aspirantes que prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

Malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, de se producir a renuncia dunha persoa seleccionada antes da toma de posesión, ou cando non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do tribunal de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación ás persoas propostas, para a súa posible contratación como persoal laboral fixo.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «H» de conformidade co establecido na Resolución do 31 de xaneiro de 2024 da Consellería de Facenda e Administración Pública.

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio en chamamento único e serán excluídas da oposición as que non comparezan. Así mesmo, as persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada exercicio co DNI ou con outro documento que, a xuízo do tribunal, permita acreditar de forma indubidable a súa identidade.

Non estará permitido o uso de teléfonos móbiles ou calquera outro dispositivo de almacenamento de información ou con capacidade de comunicación dentro da aula de exame. Durante o desenvolvemento do exercicio, deberán permanecer apagados.

As mulleres embarazadas que teñan unha previsión de parto coincidente coas datas de realización de calquera dos exercicios derivada do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal achegando á comunicación, o correspondente informe médico oficial.

A comunicación suporá o consentimento da interesada para permitir o acceso aos datos médicos necesarios relacionados coa situación. O tribunal baseándose na información recibida acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Contra este acordo non cabe recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. Os sucesivos anuncios de celebración dos demais exercicios efectuaranse no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado, ou por calquera outro medio que se considere conveniente para asegurar a súa máxima divulgación, con doce horas, polo menos, de antelación ao comezo deste, se se trata do mesmo exercicio, ou de vinte e catro horas se se trata dun novo.

6.4. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.5. O tribunal poderá requirir, en calquera momento do proceso selectivo, a acreditación da identidade das persoas admitidas. Así mesmo, se tivese coñecemento de que algunha das persoas aspirantes non cumpre calquera dos requisitos exixidos por esta convocatoria, deberá propoñer a súa exclusión ao reitor da USC, logo de audiencia da persoa interesada.

Contra esta exclusión, poderase interpor recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir da notificación da exclusión.

6.6. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador fará pública no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm, na páxina web: https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado, e naqueloutros lugares que coide oportunos, a relación de persoas aspirantes que acadasen o mínimo establecido para superalo, con indicación da puntuación obtida.

6.7. As persoas aspirantes disporán de tres (3) días hábiles, contados a partir do día seguinte á realización de cada exercicio, para presentar reclamacións ás preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio.

Así mesmo, as persoas aspirantes disporán de sete (7) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar reclamacións ás cualificacións.

6.8. A listaxe coa valoración de méritos da fase de concurso publicarase unha vez realizado o derradeiro exercicio da fase de oposición. Esta publicación irá acompañada da relación de persoas aspirantes que, segundo a orde de puntuación acadada por cada unha delas fosen seleccionadas, na que constará a cualificación final obtida en cada unha das fases, oposición e concurso, e da proposta provisional de persoas seleccionadas segundo o previsto no anexo I.

No caso de producirse empates na puntuación total das persoas aspirantes, estes dirimiranse atendendo sucesivamente aos seguintes criterios e por esta orde ata que se resolva o empate: maior puntuación na fase de oposición, na fase de coñecementos específicos, no terceiro exercicio, maior idade, e a orde alfabética establecida na base 6.1.

6.9. Contra esta publicación, as/os aspirantes poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación no taboleiro electrónico, a través do rexistro de entrada electrónico da USC https://sede.usc.es/sede/publica/persoais/rexistroEntrada/acceso.htm para o que o/a aspirante debe empregar os medios de identificación e sinatura que se indicaron no punto 3.2.

6.10. Rematado o prazo de reclamacións, o tribunal publicará as propostas de contratación a favor das persoas aspirantes seleccionadas, tendo en conta o previsto no punto 5.10 desta convocatoria. Esta proposta será elevada ao reitor e publicarase no taboleiro electrónico https://sede.usc.es/sede/publica/taboleiro/inicio.htm e na páxina web: https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado

7. Finalización do proceso.

7.1. No prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte a aquel no que se fixese pública a proposta de contratación, as persoas aspirantes que figuren nela deberán presentar na Oficina de Asistencia en Materia de Rexistros da USC, a documentación que acredite a posesión dos requisitos que figuran na base 2 desta convocatoria para proceder á contratación como persoal laboral fixo, agás que xa conste no expediente persoal.

7.2. Ante a imposibilidade debidamente xustificada de presentar os documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

7.3. Quen dentro do prazo fixado e, salvo caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser contratado/a como persoal laboral fixo e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

7.4. O persoal con discapacidade igual ou superior ao 33 %, poderá pedir a adaptación do posto de traballo correspondente. Á solicitude deberá xuntarse un informe expedido polo órgano competente na materia, que acredite a procedencia da adaptación e a compatibilidade co desempeño das funcións que teña atribuídas o posto.

7.5. Concluído o proceso selectivo, as persoas aspirantes que o superasen serán contratadas como persoal laboral fixo. A súa contratación efectuarase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

7.6. Elaborarase unha listaxe de espera coas persoas aspirantes que obteñan como mínimo unha puntuación de 12,5 puntos no segundo exercicio da fase de oposición. Para estes efectos, e co fin de determinar a opción, as persoas aspirantes indicarán o/os campus de preferencia no apartado correspondente da solicitude.

8. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo antedito mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ao abeiro dos artigos 123 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2024

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Denominación da praza: técnico de grao medio de investigación (magnetosusceptibilidade e crioxenia).

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:

I. Fase de oposición: consistirá na realización dos exercicios que a continuación se indican, agás a exención prevista na descrición do primeiro.

Todos os exercicios terán carácter obrigatorio e eliminatorio, agás o segundo que será obrigatorio e non eliminatorio.

As persoas aspirantes deberán presentarse para a realización de cada proba co DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal. Así mesmo, deberán presentarse provistas do correspondente lapis do nº 2 e goma de borrar para a realización dos exercicios tipo test.

Primeiro exercicio: estarán exentas de realizar este exercicio, as persoas aspirantes que achegaran documentalmente xunto coa solicitude ou que teñan acreditado no expediente, o certificado Celga 4 ou do certificado de aptitude do curso de perfeccionamento de lingua galega ou certificado de validación das materias de lingua galega, de acordo co previsto na Orde do 16 de xullo de 2007, modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento de lingua galega.

Este exercicio terá a seguinte estrutura:

Primeira proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión escrita.

As persoas aspirantes deberán redactar un texto seguindo unhas indicacións que se lle facilitarán por escrito. A elaboración do texto deberá basearse na comprensión dun texto escrito ou na comprensión dun fragmento de audio ou audio-vídeo.

A duración máxima desta proba será de noventa minutos.

Segunda proba. Comprensión escrita ou comprensión oral + expresión oral.

As persoas aspirantes deberán ler un texto ou escoitar un fragmento de audio ou audio-vídeo, e a seguir, nunha entrevista co examinador, pediráselles que resuman o input e que manteñan un diálogo ao respecto do input recibido, de modo que poida ser avaliada a súa produción oral.

A duración máxima desta proba será de quince minutos por persoa aspirante.

Para superar este exercicio será necesario acadar o resultado de apto.

Segundo exercicio: obrigatorio e non eliminatorio. Consistirá en contestar por escrito a un cuestionario de 120 preguntas tipo test, máis 5 de reserva, con tres respostas alternativas das cales só unha será a correcta, propostas polo tribunal e correspondentes ao programa que se relaciona no anexo II.

O tempo para a súa realización será de 125 minutos e a súa valoración de 0 a 25 puntos.

Terceiro exercicio: consistirá na realización dun exercicio de carácter práctico ou teórico-práctico, proposto polo tribunal e relacionado co contido do programa, no que os/as aspirantes deberán demostrar as capacidades para o desempeño das funcións correspondentes.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 90 minutos.

A puntuación deste exercicio será de 0 a 35 puntos e será necesario para superalo obter un mínimo de 15 puntos.

Antes da realización de cada exercicio, o tribunal deberá ter aprobados e publicados os criterios de avaliación e corrección.

As preguntas adicionais de reserva substituirán, se fose o caso, ás anuladas pola súa orde.

II. Fase de concurso: máximo 40 puntos.

Experiencia: máximo 35 puntos.

• Na mesma categoría incluída na clasificación do Convenio colectivo vixente para o persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,40 puntos/mes. Non se valorará o tempo traballado en categoría superior por atribución temporal de funcións.

• Noutras categorías de persoal laboral de administración e servizos da USC: valorarase con 0,10 puntos/mes.

• Na mesma categoría noutras administracións públicas: valorarase con 0,10 puntos/mes, ata un máximo de 10 puntos.

Formación: valoraranse cursos de formación dispensados por centros e organismos oficiais e aqueles que estean debidamente homologados e que garden relación coas funcións da praza convocada, ata un máximo de 5 puntos, do seguinte xeito:

Cursos de formación relacionados coa praza:

• Cursos impartidos: 0,03 puntos/hora.

• Cursos de aptitude recibidos: 0,02 puntos/hora.

• Cursos de asistencia recibidos: 0,01 puntos/hora.

Cursos de formación de lingua galega:

• Curso de linguaxe administrativa medio: 0,60 puntos.

• Curso de linguaxe administrativa superior: 0,80 puntos.

• Celga 5: 1 punto.

Cando existan distintos niveis do mesmo curso, só se valorará o de maior nivel. O Celga valorarase a partir do nivel superior ao exixido nesta convocatoria para o acceso.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

A cualificación final do concurso-oposición virá determinada pola suma aritmética das puntuacións correspondentes á fase de oposición máis a obtida na fase de concurso de méritos, na forma establecida neste anexo.

Para a valoración da experiencia acreditada en categorías equivalentes noutras administracións públicas prevista na fase de concurso e para a baremación das listaxes de espera, as dúbidas que xurdan resolveranse por unha comisión composta por dúas persoas en representación da Xerencia e dúas en representación do Comité Intercentros. Esta comisión intervirá por petición do tribunal ou da unidade encargada da baremación das listaxes e poderá solicitar información complementaria ás persoas aspirantes en relación coas funcións e tarefas das categorías en cuestión, co fin de adoptar os acordos que procedan.

ANEXO II

Denominación da praza: técnico de grao medio de investigación (magnetosusceptibilidade e crioxenia).

Programa

1. Primeiro principio de termodinámica. Entalpía.

2. Segundo principio de termodinámica. Ciclo de Carnot.

3. Ciclos e procesos reversibles e irreversibles.

4. Gases perfectos. Gases reais.

5. Transformacións dun sistema gasoso. Transformacións a volume constante, a presión constante, isotérmicas, adiabáticas, politrópicas.

6. Produción de baixas temperaturas.

7. Licuadores de helio.

8. Propiedades de líquidos crioxénicos. Seguridade no manexo de líquidos crioxénicos.

9. Cryocoolers.

10. Ciclo de Stirling.

11. Mantemento licuador ATL. Diagnostico avarías licuador. Sistemas de recuperación de helio gas.

12. Almacenamento e transferencia de gases licuados. Illamento de tanques crioxénicos. Liñas de transferencia.

13. Termometría de baixas temperaturas.

14. Selección, instalación de termómetros para baixas temperaturas. Precisión, sensibilidade, reproducibilidade, calibración.

15. Transferencia de calor. Condución, convección, radiación.

16. Regulación de temperatura. Control de presión de vapor.

17. Criostatos de helio e nitróxeno. Partes principais. Illamento.

18. Alto valeiro. Bombas de valeiro. Turbomoleculares, difusión, criobombeo.

19. Materiais e técnicas de valeiro. Detectores de fugas.

20. Concepto de campo magnético. Produción de campos magnéticos intensos.

21. Detección e medida de campos magnéticos.

22. Electromagnetismo, indución electromagnética.

23. Lei de Gauss. Lei de Lorentz.

24. Diamagnetismo, paramagnetismo, ferromagnetismo.

25. Histéreses. Susceptibilidade magnética.

26. Leis fundamentais de transporte de corrente eléctrica.

27. Efecto Hall. Magnetorresistencia.

28. Circuítos de corrente continua e corrente alterna.

29. Magnetómetros SQUID.

30. Magnetómetros AC/DC.

31. Sistema de Medida Propiedades Físicas (PPMS). Partes do equipo.

32. Programa Multivu 1.5. Activación/desactivación de opcións de medida.

33. Creación de secuencias de medida. Comandos de secuencias.

34. Calibración e mantemento PPMS.

35. Regulación de temperatura PPMS.

36. Preparación de mostras medida de susceptibilidade. Resistividade. Efecto Hall.

37. Soldadura de estaño. Disolventes, vernices, fíos, cables condutores para baixas temperaturas.

38. Equipos de medida auxiliar. Osciloscopio, Sonda Hall, multímetro.

Nota: as referencias normativas deste programa poden verse afectadas polas modificacións que se produzan ata a data do exame, e nese caso deben entenderse referidas á lexislación en vigor.

ANEXO III

Denominación da praza: técnico de grao medio de investigación (magnetosusceptibilidade e crioxenia).

Tribunal titular:

Presidente:

– Jesús Manuel Mosqueira Rey, catedrático de universidade da USC.

Vogais:

– Pablo Taboada Antelo, catedrático de universidade da USC.

– Alejandra Martínez Maquieria, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

– Teodoro Lamela Formoso, persoal laboral fixo do grupo II da USC.

Secretaria:

– María del Carmen Posse Rivera, funcionaria de carreira da escala axudantes de arquivos bibliotecas e museos da USC, que actuará con voz e voto.

Tribunal suplente:

Presidente:

– José Antonio Veira Suárez, profesor titular de universidade da USC.

Vogais:

– Carlos Vázquez Vázquez, profesor titular de universidade da USC.

– María José Pazos Guldrís, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

– José Antonio Burés Liñares, persoal laboral fixo do grupo I da USC.

Secretaria:

– Silvia Moreira Figueiras, funcionaria de carreira da escala técnica superior de administración da USC, que actuará con voz e voto.