DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Xoves, 30 de maio de 2024 Páx. 32778

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2024 pola que se amplía o prazo máximo de execución dos proxectos establecido na Resolución do 22 de xullo de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa de Infraestruturas estratéxicas abertas), promovidas por grandes empresas galegas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG408D).

Mediante a Resolución do 22 de xullo de 2022 publicouse o Acordo do Consello de Dirección do Igape que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa de Infraestruturas estratéxicas abertas), promovidas por grandes empresas galegas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 151, do 9 de agosto).

No punto cuarto da devandita resolución establécese que o prazo de execución e de xustificación dos proxectos rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 1 de xuño de 2024.

Dado o carácter estratéxico dos proxectos obxecto destas axudas, de creación de infraestruturas en Galicia que contribúan a mellorar a contorna das empresas e dos consumidores e a modernizar e desenvolver a base industrial, cun investimento global para a creación da infraestrutura inferior a 20.000.000 €, ocasionan, entre outros, tramitacións necesarias para a adquisición de parcelas, trámites administrativos para a súa legalización, obtención de licenzas e importantes atrasos para o inicio dos proxectos de investimento aprobados, que impedirían a implantación no prazo establecido dos proxectos aprobados.

Como consecuencia deste atraso, resulta imposible acadar os fitos exixidos na resolución de concesión antes do 1 de xuño de 2024, polo que, tendo en conta que non existen terceiros afectados, de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas,

RESOLVO:

Artigo 1º. Ampliar ata o 28 de abril de 2025 o prazo máximo de execución e de xustificación dos proxectos, previsto no punto cuarto do resolvo da Resolución do 22 de xullo de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas ao investimento para infraestruturas locais (programa Infraestruturas estratéxicas abertas), promovidos por grandes empresas galegas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica