DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Mércores, 29 de maio de 2024 Páx. 32634

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 12 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental integrada para o proxecto de planta de xestión de residuos orgánicos e biometanización de Bioenergía Lugo, S.L.U. de Lugo (expediente 2024-IPPC-I-25).

Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (BOE núm. 273, do 10 de novembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia quedará exposta a documentación correspondente á solicitude de autorización ambiental integrada e ao estudo de impacto ambiental do proxecto de planta de xestión de residuos orgánicos e biometanización, presentada por Bioenergía Lugo, S.L.U., co fin de que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, formular dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

A documentación estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/ → medio ambiente e sostibilidade → prevención e control de actividades → autorización ambiental integrada → proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental,
Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumo

Clave do expediente: 2024-IPPC-I-25.

Peticionaria: Bioenergía Lugo, S.L.U.

CIF: B16691164.

Domicilio social: rúa Montirón, 65, 27002 Lugo.

Localización da instalación: lugar de Lamablanca, concello de Lugo.

Actividade: xestión de residuos e produción de biometano.

Descrición: o proxecto consiste na valorización de residuos orgánicos de procedencia agrogandeira e agroindustrial, mediante dixestión anaerobia, para a produción de biometano, con características tales que permitan inxectalo na rede gasista nacional.

Prevese procesar un máximo de 53.000 t/ano dunha mestura de residuos orgánicos (non urbanos), dos cales 12.000 t/ao estarán clasificados como residuos SANDACH.

Realizarase un tratamento completo do dixerido, de tal xeito que se poida xestionar mediante terceiros a fracción sólida e verter o efluente líquido unha vez depurado.

Prevese a existencia de redes separadas de recollida dos distintos fluxos de augas residuais que se xerarán na instalación.

As augas residuais procedentes do lavado dos camións de transporte de SANDACH incorporaranse ao proceso de hixienización.

Verteranse ao dominio público hidráulico (rego de Vilalvite, afluente do río Miño):

a) As augas residuais sanitarias e as xeradas nas distintas fases do proceso industrial, despois do tratamento nunha depuradora biolóxica propia.

b) As augas residuais pluviais contaminadas, procedentes de vías de rodamento e plataformas, despois do tratamento nun separador de graxas.

c) As augas pluviais non contaminadas, procedentes das cubertas, despois da recollida nun depósito de regulación.