DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Xoves, 23 de maio de 2024 Páx. 31098

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2024 pola que se regula o período de prácticas das persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Resolución do 22 de xuño de 2022.

Dando cumprimento ao ordenado na base III.2 da Resolución do 22 de xuño de 2022 (DOG núm. 121, do 27 de xuño), pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro. Obxecto e finalidade

O período de prácticas integrado no proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, consistirá na aplicación á realidade cotiá do traballo administrativo e ao funcionamento da organización dos coñecementos adquiridos polo persoal aspirante no curso selectivo previsto na base III da convocatoria.

As prácticas terán como finalidade a preparación das persoas aspirantes para o manexo de paquetes ofimáticos no contorno de LibreOffice (folla de cálculo, procesador de textos e presentacións); terase en conta unha versión máis actualizada na data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Organización e dirección

A Escola Galega de Administración Pública (EGAP), da Consellería de Facenda e Administración Pública, será a encargada da organización e da dirección do curso selectivo.

Terceiro. Destinos en prácticas

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, por proposta da directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, disporá os centros directivos en que o persoal funcionario en prácticas deberá realizar esta fase do proceso selectivo.

Deste xeito, os destinos en prácticas serán o resultado do acto de elección previsto na Resolución do 29 de abril de 2024 (DOG núm. 86, do 2 de maio) pola que se convocan, para a elección de destino en practicas, as persoas que superaron o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Resolución do 22 de xuño de 2022 (DOG núm. 121, do 27 de xuño).

A realización de prácticas non comporta en ningún caso o desempeño dun posto de traballo.

O persoal funcionario en prácticas estará baixo a dependencia dos titulares dos centros directivos en que sexan destinados.

Cuarto. Toma de posesión como persoal funcionario en prácticas

1º. As persoas que ocupan actualmente postos como persoal funcionario interino ou laboral temporal ou laboral indefinido non fixo na Xunta de Galicia deberán cesar no seu posto, de ser o caso, de interino ou laboral, e tomarán posesión, o día 27 de maio de 2024, como persoal funcionario en prácticas, no centro directivo a que fosen destinadas como consecuencia da elección de destino. Unha vez superado o curso selectivo, serán nomeadas persoal funcionario de carreira, con destino provisional, no corpo auxiliar na praza adxudicada no acto de elección de destino.

2º. As persoas que ocupan postos como persoal funcionario de carreira na Xunta de Galicia poderán acollerse ao disposto no artigo 129 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (licenzas para a realización de estudos sobre materias directamente relacionadas coa Administración pública), e deberán prestar servizos efectivos no centro directivo en que fosen destinadas como consecuencia da elección de destino; neste caso, poderán optar entre percibir as retribucións que correspondan pola condición de persoal funcionario de carreira ou as retribucións previstas para o persoal funcionario en prácticas. Esta petición deberán cursala na súa propia consellería.

Tal e como dispón o artigo 129.2 da Lei 2/2015, no caso de que os servizos como persoal funcionario de carreira se prestasen noutra Administración distinta da Xunta de Galicia, percibiranse necesariamente as retribucións fixadas nesta última para o período como persoal funcionario en prácticas. Este persoal tamén deberá prestar servizos efectivos no destino adxudicado como consecuencia da elección de destino.

3º. No suposto de que o día da toma de posesión como persoal funcionario en prácticas, a persoa aspirante se atope de baixa por incapacidade temporal (IT) ou por maternidade, paternidade ou risco de embarazo, deberá acudir a tomar posesión o día sinalado e, na mesma data da toma de posesión (27 de maio de 2024), formalizarase a licenza ou permiso correspondente, segundo a causa de que se trate. Para isto, deberá achegar a documentación xustificativa desta. Naqueles casos en que por causa de forza maior non lle sexa posible acudir a tomar posesión, deberá poñerse en contacto co centro directivo en que teña que tomar posesión, que será o que lle indicará a forma en que debe achegar a documentación xustificativa e, en todo caso, formalizará o día establecido, neste caso o 27 de maio de 2024, tanto a toma de posesión como a licenza ou permiso correspondente.

Quinto. Duración e xornada de traballo

O período de prácticas comezará o día 27 de maio de 2024, día en que deberán tomar posesión e desenvolver as tarefas que lles encomenden os titulares das subdireccións xerais dos centros directivos en que sexan destinados como consecuencia do resultado da elección de destino e, simultaneamente, comezará o correspondente curso selectivo que, segundo o disposto na base III.2 da convocatoria, terá unha duración máxima dun (1) mes.

O curso selectivo realizarase na modalidade teleformación, cun total de 80 horas, a través da aula virtual da EGAP. Para acceder ao curso, é imprescindible rexistrar unha conta na EGAP que lle permitirá acceder ás aplicacións da aula virtual e á zona de matrícula; no caso de que as persoas aspirantes non teñan conta, deberán, previamente ao comezo do período de prácticas, rexistrala e cubrir os seus datos (imprescindibles os de contacto para recibir as comunicacións relativas ao curso) no seguinte enderezo https://egap.xunta.gal/cas/newuser

O curso selectivo e a prestación de servizos como persoal funcionario en prácticas desenvolveranse de luns a venres, dentro do período comprendido entre as 7.45 e 15.15 horas, no centro directivo que resulte da elección de destino en prácticas establecido pola Resolución do 29 de abril de 2024 (DOG núm. 86, do 2 de maio).

O curso selectivo deberá realizarse preferiblemente nas primeiras catro (4) horas diarias dentro do horario laboral.

Sexto. Sistema de cualificación

O curso selectivo rematará cunha proba final, na cal se avaliará o nivel de coñecemento do seu contido. Segundo a base III.3 da convocatoria, o curso selectivo valorarase como apto ou non apto e para superalo é necesario obter o resultado de apto.

Para acadar a cualificación de apto será obrigatorio obter a puntuación mínima establecida en cada unha das probas de avaliación. Ao final do curso selectivo terán unha proba en liña, na aula virtual da EGAP, que tamén deberán superar para obter o resultado «apto»: para isto, deberán contestar correctamente o 50 % das respostas ás preguntas formuladas sobre o manexo de paquetes ofimáticos no contorno de LibreOffice (folla de cálculo, procesador de textos e presentacións).

Logo de realizar esta proba, a Escola Galega de Administración Pública remitiralle ao tribunal do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, un informe en que manifeste expresamente se o persoal funcionario en prácticas superou o curso selectivo.

A declaración definitiva de apto/a ou non apto/a competerá ao tribunal cualificador do proceso selectivo, logo do informe-proposta da Escola Galega de Administración Pública.

Para a avaliación do persoal funcionario en prácticas precísase a superación do curso selectivo e a prestación de servizos no centro directivo correspondente. No caso de que non fose posible a prestación de servizos por causa de forza maior debidamente xustificada, quedarán dispensados/as de facelo, logo de solicitude da persoa interesada, mediante resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, debendo obrigatoriamente superar o curso selectivo.

Sétimo. Non superación do período de prácticas

Segundo a base III.4 da convocatoria, as persoas aspirantes que non superen o curso selectivo perderán todos os seus dereitos para o nomeamento como persoal funcionario de carreira, por resolución motivada da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.

En casos extraordinarios debidamente xustificados, e logo de solicitude motivada por escrito da persoa interesada, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal poderá aprobar adaptacións para que o curso selectivo poida levarse a cabo e/ou avaliarse dun xeito alternativo ao inicialmente previsto, asegurando en todo caso o cumprimento dos fins e principios que deben rexer os procesos selectivos.

No suposto de que, debido a unha causa de forza maior e debidamente xustificada, non puidera rematarse en prazo o curso selectivo, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal outorgará ás persoas aspirantes a posibilidade de aprazar o curso selectivo a unha única segunda edición, que terá lugar non antes dos dous (2) meses seguintes ao remate da primeira edición.

Oitavo. Situación durante o período de prácticas

Durante o período de prácticas o persoal aspirante será nomeado persoal funcionario en prácticas, coa situación xurídica prevista nos artigos 16 e 17 do Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e demais disposicións de aplicación.

Segundo a base III.5 da convocatoria do proceso selectivo, unha vez rematado o curso selectivo e ata que se proceda ao seu nomeamento como persoal funcionario de carreira, as persoas aspirantes continuarán prestando servizos como persoal funcionario en prácticas no mesmo centro directivo en que estivesen destinadas provisionalmente.

Noveno. Réxime disciplinario

O persoal funcionario en prácticas estará sometido ao disposto no Regulamento de réxime disciplinario dos funcionarios da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 94/1991, do 20 de marzo, nos termos establecidos no seu artigo 1.1.

Décimo

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase recorrer potestativamente en reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, ou impugnala directamente, ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, de conformidade co disposto no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal