DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 21 de maio de 2024 Páx. 30327

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2024, do tribunal designado para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, pola que se fai pública a baremación provisional da fase de concurso de determinados corpos, escalas e especialidades.

Pola Resolución do 22 de decembro de 2022 convocouse o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1 (DOG núm. 244, do 26 de decembro). Esta resolución foi modificada pola Resolución do 20 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 15, do 23 de xaneiro) e pola Resolución do 6 de febreiro de 2023 (DOG núm. 26, do 7 de febreiro) (Corrección de erros no DOG núm. 64, do 31 de marzo).

A base III.2 da Resolución do 22 de decembro de 2022 dispón que os méritos enumerados na súa base III.1 deberán referirse á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, que foi o 26 de decembro de 2022. Estes méritos deberán acreditarse de conformidade co procedemento que se estableza mediante resolución do titular da consellería competente en materia de función pública, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

No Diario Oficial de Galicia núm. 17, do 24 de xaneiro de 2024, publicouse a Resolución do 17 de xaneiro de 2024 pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos do proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1. O prazo para a acreditación dos méritos ampliouse ata o 14 de febreiro de 2024 mediante a Resolución do 5 de febreiro de 2024, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 27, do 7 de febreiro.

A base III.3 da Resolución do 22 de decembro de 2022 establece que, rematado o prazo de acreditación de méritos, o tribunal procederá á baremación do concurso coa colaboración técnica que precise do persoal da dirección xeral competente en materia de función pública, así como que, unha vez que finalizada a fase de baremación, o tribunal publicará o baremo provisional con indicación das puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que foron avaliadas de acordo coas previsións contidas na propia base.

Na súa virtude, na sesión que tivo lugar o 16 de maio de 2024, o tribunal nomeado pola Resolución do 16 de abril de 2024 (DOG núm. 78, do 19 de abril), para cualificar o proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, para o ingreso, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e no corpo facultativo superior de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1,

RESOLVE:

Primeiro. Facer pública a baremación provisional do concurso de méritos dos corpos, escalas e especialidades do subgrupo A1 que se relacionan no anexo desta resolución, con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes que foron baremadas de acordo coas regras contidas na base III.3 da convocatoria.

A puntuación provisional obtida polas persoas baremadas figura reflectida no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta

Segundo. De acordo co establecido na base III.3 da convocatoria, as persoas baremadas poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais ante o tribunal no prazo de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As reclamacións presentaranse a través de Fides na epígrafe «inscrición en procesos selectivos». Para isto, a persoa aspirante accederá ao proceso de estabilización a que se refire esta resolución no cal desexa formular reclamación, na epígrafe «Que podo facer?», «presentación alegacións baremo».

Terceiro. Sen prexuízo do cumprimento do disposto no punto sexto da Resolución do 17 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 17, do 24 de xaneiro), as persoas aspirantes baremadas deberán ter en conta que a forma documental de acreditar os méritos neste proceso é a que figura contida no anexo III da Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 237, do 15 de decembro)

Para os efectos informativos, no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal: https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta publícase un modelo de certificación de servizos prestados que se axusta ao contido da letra c) do anexo III da devandita Resolución do 5 de decembro de 2023.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2024

Ana Belén Díaz Fernández
Presidenta do tribunal

ANEXO

Corpos, escalas e especialidades de persoal funcionario do subgrupo A1 das cales se publica o baremo provisional

Corpo superior

Escala de sistemas e tecnoloxías da información

Escala superior de finanzas

Escala superior de estatísticos

Corpo facultativo superior

Escala de enxeñeiros. Especialidade de enxeñaría agronómica

Escala de enxeñeiros. Especialidade de enxeñaría de minas

Escala de ciencias. Especialidade de bioloxía

Escala de ciencias. Especialidade de física

Escala de arqueólogos

Escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos. Especialidade de arquivos

Escala de facultativos de arquivos, bibliotecas e museos. Especialidade de bibliotecas

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en lexislación marítima

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en navegación marítima

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en procesos de cultivo acuícola

Escala de profesores numerarios de institutos politécnicos marítimo-pesqueiros. Especialidade en máquinas e instalacións mariñas

Escala de inspección urbanística. Especialidade xurídica

Escala de facultativos. Especialidade de medicina