DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Xoves, 16 de maio de 2024 Páx. 29795

III. Outras disposicións

Xunta Electoral Provincial da Coruña

ACORDO do 14 de maio de 2024 para dar cumprimento ao previsto no punto quinto da Instrución 4/2011, do 24 de marzo, da Xunta Electoral Central (Boletín Oficial del Estado número 74, do 28 de marzo), de interpretación do artigo 66 da Lei orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral (LOREX), no relativo a recursos contra os plans de cobertura informativa da campaña electoral.

En cumprimento do establecido no punto quinto da Instrución 4/2011, do 24 de marzo, da Xunta Electoral Central, de interpretación do artigo 66 da LOREX, no relativo a recursos contra os plans de cobertura informativa da campaña electoral, así como no artigo 18.6 da LOREX, acorda publicar no Diario Oficial de Galicia que se recibiu comunicación do director xeral da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) en que se traslada o Plan de cobertura dos medios de comunicación públicos da Corporación Radio e Televisión de Galicia, S.A. (TVG, Radio Galega e www.g24.gal), relativo ás eleccións de deputados ao Parlamento Europeo convocadas para o próximo 9 de xuño de 2024, en que se inclúen as previsións de debates e entrevistas, con indicación da data e hora de emisión, as entidades políticas a que se invita e a súa duración, así como os programas específicos de natureza electoral e os criterios sobre a información específica da campaña electoral.

As entidades políticas poderán examinar a dita programación nas dependencias desta xunta electoral provincial no prazo preclusivo dun día desde a publicación do acordo no DOG e formular as reclamacións ou os recursos que consideren pertinentes.

Así mesmo, independentemente do anterior, acórdase notificárllelo aos representantes das candidaturas proclamadas, vía correo electrónico, e con remisión do plan, co fin de que poidan ter coñecemento deste e, de ser o caso, formular as reclamacións ou recursos que consideren oportunos no indicado prazo dun día, contado desde a publicación do acordo no DOG.

A Coruña, 14 de maio de 2024

Francisco-Javier Pedreira Sánchez
Secretario da Xunta Electoral Provincial da Coruña