DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 14 de maio de 2024 Páx. 29053

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 25 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de música e a súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT302F).

BDNS (Identif.): 760538.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán acceder a estas axudas as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas e as súas agrupacións domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, sempre que desenvolvan maioritariamente a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia e cuxo obxecto social lles permita a organización de actividades escénico-musicais.

Tamén poderán obter a condición de persoas beneficiarias destas subvencións as asociacións en cuxo obxecto social se recolla a capacidade para desenvolver o obxecto desta axuda.

Segundo. Finalidade

Fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia competitiva, a festivais de música de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector e aprobar a súa convocatoria para o ano 2024.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 25 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a festivais de música e a súa convocatoria para o ano 2024 (Código de procedemento CT302F).

Cuarto. Importe

O crédito destinado ao financiamento destas axudas é de 80.000 euros con cargo ao orzamento do 2024 da Axencia Galega das Industrias Culturais, no código de proxecto 2015 00003, nas aplicacións e contías que se reflicte no cadro seguinte:

Aplicación

10.A1.432B.470.0

10.A1.432B.481.0

Contía

40.000 €

40.000 €

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte á publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2024

José López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais