DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Martes, 14 de maio de 2024 Páx. 29072

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 7 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á publicación do modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e das puntuacións provisionais da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario licenciado sanitario.

A base oitava das resolucións do 14 e 15 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro), polas que se convocou o concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario licenciado sanitario, establece un prazo de cinco días hábiles seguintes ao da publicación dos modelos provisionais de respostas para que os/as interesados/as poidan presentar reclamación contra os exercicios.

Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións presentadas, anula algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio, anunciarao na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Neste caso, teranse en conta as preguntas de reserva, que terán unha puntuación igual que o resto das preguntas do correspondente exercicio.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se publiquen as puntuacións provisionais e as respostas definitivas dos distintos exercicios, que se efectuará na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Á vista das reclamacións presentadas en prazo, este centro directivo, de conformidade coa dita base,

RESOLVE:

Primeiro. Publicar, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde
(www.sergas.es), o modelo definitivo de respostas, aprobado polo órgano de selección, correspondente a cada un dos exercicios que integran a fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso na categoría de facultativo/a especialista de área nas especialidades de Alergoloxía, Anatomía Patolóxica, Anestesioloxía e Reanimación, Anxioloxía e Cirurxía Vascular, Aparello Dixestivo, Cardioloxía, Cirurxía Cardiovascular, Cirurxía Oral e Maxilofacial, Cirurxía Pediátrica, Cirurxía Plástica, Estética e Reparadora, Cirurxía Torácica, Cirurxía Xeral e Aparello Dixestivo, Dermatoloxía Médico-Cirúrxica e Venereoloxía, Endocrinoloxía e Nutrición, Hematoloxía e Hemoterapia, Medicina Física e Rehabilitación, Medicina Intensiva, Medicina Interna, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Microbioloxía e Parasitoloxía, Nefroloxía, Neurocirurxía, Neuroloxía, Oftalmoloxía, Oncoloxía Médica, Otorrinolaringoloxía, Pediatría e as súas áreas específicas, Pneumoloxía, Psicoloxía Clínica, Psiquiatría, Radiodiagnóstico, Reumatoloxía, Uroloxía, Xeriatría, e nas categorías de médico/a de admisión e documentación clínica, médico/a asistencial do 061 e médico/a coordinador do 061.

Segundo. Publicar, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), as puntuacións provisionais obtidas polos/as aspirantes presentados/as aos exercicios da fase de oposición dos correspondentes procesos selectivos.

Terceiro. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o tribunal, no prazo de cinco días hábiles seguintes ao da súa publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberán dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.

A estimación ou desestimación das ditas reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Se no mesmo período o tribunal, de oficio, aprecia algún erro na confección aritmética da puntuación obtida na fase de oposición por algún/ha aspirante, poderá proceder á súa corrección.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2024

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos