DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 10 de maio de 2024 Páx. 28434

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslados ordinario para prazas vacantes entre persoal funcionario dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de xustiza, anunciado pola Resolución do 27 de setembro de 2023.

A Dirección Xeral de Xustiza, de conformidade co disposto nos artigos 524 e seguintes da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, modificada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, e pola Lei orgánica 4/2018, do 28 de decembro; nos artigos 43 e seguintes e disposición derrogatoria única do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro; e na base novena da Orde JUS/1102/2023, do 27 de setembro (Boletín Oficial del Estado do 9 de outubro), pola que se convoca concurso de traslados entre persoal funcionario dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de xustiza, dispuxo:

Primeiro. Resolver de forma definitiva o concurso de traslado entre persoal funcionario dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de xustiza, convocado pola Orde JUS/1102/2023, do 27 de setembro, tal e como se relaciona no anexo.

Segundo. Excluír do concurso de traslados o persoal funcionario que se relaciona na páxina web do Ministerio de Xustiza (https://www.mjusticia.gob.es/es/ciudadania/
empleo-publico/concursos-traslados/concurso-traslados-gestion-tramitacion-auxilio-2023).

Indicar na páxina web indicada anteriormente as preferencias que se tiveron en conta na resolución definitiva do concurso.

Terceiro. Declarar caducadas as instancias presentadas polos participantes no presente concurso que non obtiveron destino, polo que non serán tidas en conta en futuros concursos de traslados.

Cuarto. Declarar desertas as prazas non adxudicadas no presente concurso, que cubrirá por persoal funcionario de novo ingreso, salvo que, por necesidades do servizo, se pretendan amortizar. Tamén poderán anunciarse novamente como vacantes en concurso ordinario no caso de que non se convoquen procesos selectivos ou de que a oferta pública de emprego que corresponda non faga necesario o anuncio de todas as desertas existentes.

Quinto. Para o persoal funcionario que estea en activo ou en servizos especiais e non reingrese en ningún dos corpos ou escalas a que se refire o presente concurso –non se inclúe nese punto o persoal funcionario que se encontre reingresado provisional–, o cesamento deberá efectuarse nas datas que a continuación se indican: tramitación procesual e administrativa, o 20 de maio de 2024, luns (ao ser o día 17 de maio inhábil na Comunidade Autónoma de Galicia); xestión procesual e administrativa e auxilio xudicial, 21 de maio de 2024, martes.

Canto a aquel persoal funcionario que estea desempeñando un posto de traballo en comisión de servizos, non será necesario que se desprace ao órgano xudicial de orixe que teña reservado para formalizar o cesamento; poderá realizalo no órgano en que estea a prestar servizos, para o cal as xerencias farán chegar os documentos ao órgano en que o concursante estea desempeñando a comisión. O prazo posesorio que lle corresponde gozar a este persoal contarase tendo en conta a localidade do posto que está a desempeñar efectivamente en comisión, non a do que tivese reservado, e a localidade do obtido no concurso.

Sexto. A toma de posesión do novo destino obtido por concurso para o persoal funcionario indicado no punto anterior producirase nos tres días hábiles seguintes ao cesamento, se non hai cambio de localidade do persoal funcionario, ou nos oito días hábiles seguintes se implica cambio de localidade dentro da comunidade autónoma, e vinte días hábiles seguintes se implica cambio de comunidade autónoma, con excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, Comunidade Autónoma de Illes Balears, Cidade de Ceuta e Cidade de Melilla, en que será no mes seguinte, tanto se o posto de traballo nas illas ou nas cidades é o de orixe coma se é o de destino. O cesamento e o cómputo dos prazos posesorios produciranse cando finalicen os permisos ou licenzas, incluídos os de vacacións, que fosen concedidos ás persoas interesadas; nese caso, o cesamento efectuarase o mesmo día da incorporación das devanditas persoas ao seu posto de traballo, e comezará entón a contar o prazo posesorio correspondente. Unha vez efectuada a toma de posesión, o prazo posesorio considerarase como de servizo activo para todos os efectos. O prazo posesorio será retribuído pola Administración competente respecto á praza obtida en concurso.

Sétimo. Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo á Administración de xustiza nos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa ou auxilio xudicial, procedentes desde as situacións administrativas de excedencia voluntaria polo coidado de familiares, excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público, excedencia voluntaria por interese particular, excedencia voluntaria por agrupación familiar ou suspensión de funcións, incluíndose neste punto o persoal funcionario que se atope adscrito provisional, o prazo posesorio será de vinte días hábiles e deberá computar desde o día da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado. Este prazo posesorio non será retribuído.

No caso de que o persoal funcionario reingresado por medio do presente concurso estea adscrito provisional no corpo ou escala onde reingresa ou en activo noutro corpo ou escala da Administración de xustiza e non queira que se interrompa a súa relación de servizo coa Administración de xustiza, bastará con que, dentro do prazo posesorio de vinte días hábiles, tome posesión no novo corpo ou escala, e terase por cesado no seu antigo destino coa data inmediatamente anterior á da súa posesión na nova praza de reingreso. Para o efecto, dada a necesidade de contar co tempo indispensable para efectuar a toma de posesión, poderá solicitarlle á Xefatura Territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (Servizo de Xustiza), ou ben á Xerencia Territorial de Xustiza do seu actual destino, un permiso retribuído de dous días hábiles se hai cambio de localidade, bardante aqueles casos en que se teñan que desprazar a Canarias, Illes Balears ou Ceuta e Melilla; neste caso o permiso poderá ser de ata tres días hábiles e deberá gozarse, en calquera caso, dentro do prazo posesorio. A toma de posesión no novo destino efectuarase durante os días de permiso indicados.

A comunidade autónoma competente, ou a xerencia territorial que corresponda, concederalle a excedencia de oficio no corpo ou escala de procedencia se esta se produce nun corpo ou escala ao servizo da Administración de xustiza, en cuxo destino será considerado como cesado/a coa data anterior á da súa posesión nos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa ou auxilio xudicial, co obxecto de evitar a interrupción na percepción dos seus haberes.

Os funcionarios titulares que obtivesen destino no presente concurso e estean a desempeñar en Galicia unha praza en comisión de servizos ou en substitución cesarán nesta na mesma data do cesamento no seu posto definitivo de orixe.

O persoal funcionario interino que actualmente ocupe as prazas que foron adxudicadas cesará como consecuencia da posesión do titular.

Por cuestións organizativas, tanto os cesamentos como as tomas de posesión serán realizados preferentemente de maneira telemática, a través do correo electrónico do Servizo de Xustiza da xefatura territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes correspondente, para o cal a persoa interesada deberá pórse en contacto co Servizo de Xustiza da provincia competente para tramitar o cesamento ou a toma de posesión a través do correo electrónico.

• Xefatura Territorial da Coruña (Servizo de Xustiza)

Rúa Vicente Ferrer, 2, Edificio Administrativo Monelos, 15008 A Coruña

Teléfonos: 981 18 44 72/981 18 44 56

Correo electrónico: servizo.xustiza.coruna@xunta.gal

• Xefatura Territorial de Lugo (Servizo de Xustiza)

Rolda da Muralla, 70, 27071 Lugo

Teléfonos: 982 29 43 08/982 88 90 77

Correo electrónico: persoal.presidencia.lugo@xunta.gal

• Xefatura Territorial de Ourense (Servizo de Xustiza)

Avenida da Habana, 79, 32004 Ourense

Teléfonos: 988 38 64 08/988 38 60 28

Correo electrónico: sxsal.xustiza.ourense@xunta.gal

• Xefatura Territorial de Pontevedra-Vigo (Servizo de Xustiza)

Rúa Concepción Arenal, 8, 4º andar, 36201 Vigo (Pontevedra)

Teléfonos: 986 81 77 16 / 986 81 70 06

Correo electrónico: servizoxustiza.vi@xunta.gal

Oitavo. Para o suposto de que o persoal funcionario reingresado, do indicado no punto sétimo, tome posesión antes dos días 20 ou 21 de maio nun órgano xudicial en que haxa destinado outro persoal funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia por coidado de familiares, ou outro persoal funcionario adscrito provisional que se deba trasladar ao obter un posto de traballo no concurso, non se seguirá a orde de cesamento establecida no punto quinto, senón que se deberá actuar do seguinte xeito:

a) O persoal funcionario reingresado tomará posesión.

b) O persoal funcionario en activo, en servizos especiais, en excedencia por coidado de familiares ou en adscrición provisional cesará o mesmo día da toma de posesión do reingresado, e empezará a contarlle ao primeiro entón o prazo posesorio indicado no punto sexto.

c) Se o persoal funcionario cesado na alínea b) toma posesión nun órgano xudicial ocupado por outro que aínda non cesou, actuarase de igual modo ca nas alíneas a) e b), e así sucesivamente.

Cando tome posesión o persoal funcionario en activo, en servizos especiais ou excedencia voluntaria por coidado de familiares, e non optase aínda por cesar, de ser o caso, ou por tomar posesión outro persoal funcionario que deba reingresar ou que estea adscrito provisional, deberase actuar da seguinte forma:

d) O persoal funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia por coidado de familiares tomará posesión.

e) O persoal funcionario que deba reingresar ou que estea en adscrición provisional cesará, de ser o caso, ou optará por tomar posesión o mesmo día da toma de posesión do persoal funcionario en activo, en servizos especiais ou en excedencia por coidado de familiares, e empezará a contarlle ao primeiro entón o prazo posesorio indicado no punto sétimo.

f) Se o persoal funcionario da alínea e), reingresado ou que estea adscrito provisional, cesado, de ser o caso, ou que opte por tomar posesión, tomase posesión nun órgano xudicial ocupado por outro que aínda non cesou, actuarase de igual xeito ca nas alíneas d) e e), e así sucesivamente.

Noveno. Contra a presente resolución poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Xustiza no prazo dun mes, segundo o establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, segundo o disposto no artigo 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Nota aclaratoria: advírtese que o anexo, que contén os destinos que con carácter definitivo lles foron adxudicados aos funcionarios que participaron no concurso de traslados, figura na publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Conpostela, 24 de abril de 2024

José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza