DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 6 de maio de 2024 Páx. 27802

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, relativa á publicación do modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e das puntuacións provisionais da fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario.

A base oitava das resolucións do 14 e 15 de decembro de 2022, da Dirección Xeral de Recursos Humanos (DOG núm. 3, do 4 de xaneiro), polas que se convocou o concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario, establece un prazo de cinco días hábiles seguintes á publicación dos modelos provisionais de respostas para que os/as interesados/as poidan presentar reclamación contra os exercicios.

Se o tribunal, de oficio ou con base nas reclamacións presentadas, anula algunha ou algunhas das preguntas incluídas nun exercicio, anunciarao na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Neste caso serán tidas en conta as preguntas de reserva, que terán unha puntuación igual que o resto das preguntas do correspondente exercicio.

A estimación ou desestimación das reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se publiquen as puntuacións provisionais e as respostas definitivas dos distintos exercicios, que se efectuará na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Á vista das reclamacións presentadas en prazo, este centro directivo, de conformidade coa antedita base,

RESOLVE:

Primeiro. Dar publicidade, a través da páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) ao modelo definitivo de respostas, aprobado polo órgano de selección, correspondente a cada un dos exercicios que integran a fase de oposición dos procesos selectivos para o ingreso nas seguintes categorías polas diferentes quendas de acceso:

Persoal sanitario facultativo: odontólogo/a de atención primaria.

Persoal sanitario non facultativo:

Enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/a), enfermeiro/a especialista en saúde mental, enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria, enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, técnico/a superior en hixiene bucodental e técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico.

Persoal de xestión e servizos:

Técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información, enxeñeiro/a técnico/a, técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información, grupo auxiliar da función administrativa e celador/a.

Segundo. Publicar, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), as puntuacións provisionais obtidas polos/as aspirantes presentados/as aos exercicios da fase de oposición dos correspondentes procesos selectivos.

Terceiro. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán presentar reclamación ante o tribunal no prazo de cinco días hábiles seguintes á súa publicación, unicamente de existiren erros na confección aritmética da puntuación obtida.

As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberán dirixirse á sede do tribunal a efecto de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703, Santiago de Compostela.

A estimación ou desestimación das ditas reclamacións entenderase implícita na resolución pola que se aproben as puntuacións definitivas dos distintos exercicios, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. Se no mesmo período o tribunal, de oficio, apreciase algún erro na confección aritmética da puntuación obtida na fase de oposición por algún/algunha aspirante, poderá proceder á súa corrección.

Santiago de Compostela, 25 de abril de 2024

Ana María Comesaña Álvarez
Directora xeral de Recursos Humanos