DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 83 Venres, 26 de abril de 2024 Páx. 26227

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 19 de abril de 2024 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas Grandes Empresas en Foexga 2024, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

BDNS (Identif.): 756346.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

As empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que superen os límites establecidos para a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26.6.2014, L 187).

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.

d) Que conten con presenza nos medios dixitais internacionais; contarán, como mínimo, cunha páxina web con versión en inglés.

e) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social, e que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser persoa beneficiaria da axuda, e as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

f) Que cumpran a normativa de axudas de minimis segundo o previsto no artigo 2.3 das bases reguladoras.

g) Que estean ao día nos pagamentos debidos ás cámaras.

h) As empresas participantes nunha mesma acción non deberán ter vinculación entre si de ningún tipo (nin coas empresas pemes participantes na acción de correspondencia do Foexga) para poderen optar á subvención; no caso de que participen nunha acción dúas empresas vinculadas, só unha delas poderá optar á subvención. Enténdese por vinculación calquera participación dunha empresa, tanto directa como indirecta, na xestión, control ou capital social doutra. A vinculación faise extensiva á relación de membros de órgano de goberno, directivos ou xestores.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto aprobar as condicións polas cales se rexerá a concesión de axudas por parte do Igape para favorecer o incremento da internacionalización das grandes empresas, coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización.

O obxectivo principal destas bases é conseguir a internacionalización real de empresas galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.

As actuacións que engloban están dirixidas a:

a) Aumentar a base de empresas exportadoras.

b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.

c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica, das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.

d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 19 de abril de 2024 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas Grandes Empresas en Foexga 2024, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7708 por un importe de 200.000 € con cargo ao exercicio 2024 e 50.000 € con cargo ao exercicio 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda iniciarase ás 8.00 horas do día seguinte hábil ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará ás 14.00 horas do 31 de outubro de 2024, agás que antes desa data se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2024

Patricia Villajos Grande
Xerente do Instituto Galego de Promoción Económica