DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Martes, 23 de abril de 2024 Páx. 25462

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

ANUNCIO do 12 de abril de 2024, do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Norte, de apertura do trámite de competencia de proxectos logo da solicitude dunha concesión de augas do río Grande de Xuvia con destino a uso industrial, no concello de Narón, A Coruña (clave DH.A15.88958).

De conformidade co artigo 104 do Regulamento do dominio público hidráulico (RDPH), aprobado polo Real decreto 849/1986, do 11 de abril, presentouse a seguinte petición de aproveitamento de augas e de inicio do trámite de competencia de proxectos:

Peticionaria:

Megasa Siderúrgica, S.L. CIF B-15626971

Destino do aproveitamento:

auga de refrixeración de factoría

Caudal de auga solicitado:

80 l/sg

Corrente de onde derivarán as augas:

Río Grande de Xuvia

Termos municipais onde radican as obras:

Narón e Neda

En cumprimento co disposto no artigo 105 do RDPH, ábrese o prazo dun (1) mes, contado desde a publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, para que a peticionaria presente a súa petición concreta e a documentación relacionada no artigo 106 do RDPH. Durante este prazo admitiranse outras peticións que teñan o mesmo obxecto ou que sexan incompatibles con ela.

Denegarase a tramitación posterior de toda solicitude que supoña unha utilización de caudal superior ao dobre do caudal de auga solicitado inicialmente, sen prexuízo de que quen a pretenda, dentro do prazo sinalado neste anuncio, poida acollerse á tramitación indicada no artigo 105.3 do RDPH, remitindo a súa petición na forma prevista no artigo 104 do RDPH e solicitando a paralización do trámite da solicitude publicada inicialmente. Neste caso achegarase coa petición o xustificante acreditativo do ingreso, na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda e Administración Pública, dunha fianza pola cantidade de sesenta mil (60.000 €) euros, para responder da presentación do documento técnico correspondente á súa petición.

De conformidade co disposto no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as peticións xunto cos documentos técnicos, debidamente precintados de acordo co artigo 106.2 do RDPH, presentaranse a través de calquera rexistro administrativo ou da sede electrónica da Xunta de Galicia, utilizando neste caso o modelo xenérico https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR004A indicando como destino a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Augas de Galicia e facendo referencia ao expediente de clave DH.A15.88958.

A apertura dos documentos técnicos terá lugar ás 10:00 horas do sétimo día hábil tras a finalización do prazo de presentación de peticións previsto neste anuncio, nas dependencias de Augas de Galicia, situadas no edificio administrativo da Xunta de Galicia na Coruña, na rúa Vicente Ferrer, 2.

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2024

Néstor Rodríguez Arias
Xefe do Servizo Territorial da Zona Hidrográfica de Galicia Norte