DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Martes, 16 de abril de 2024 Páx. 23923

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores da enogastronomía de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503J).

BDNS (Identif.): 754233.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións
(http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e grandes empresas que proxecten levar a cabo un investimento para a posta en marcha dun novo establecemento turístico localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nas presentes bases. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento da presentación da solicitude de axuda.

2. Para os efectos das presentes bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante.

b) As empresas que se atopen en situación de crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014). A acreditación deste requisito realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar a estes efectos a Axencia de Turismo de Galicia.

c) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000,00 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital para os efectos de presentación de conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

4. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice a persoa beneficiaria á realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento durante todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 10 destas bases.

5. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Segundo. Obxecto e réxime

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas para a posta en marcha de proxectos tractores que teñan un efecto transformador no sector turístico enogastronómico de Galicia, cos obxectivos de ampliar a oferta de aloxamento e de restauración e promover un turismo enogastronómico sustentable na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As axudas reguladas nestas bases ampáranse no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior (DOUE L 187, do 26 de xuño) (en diante, Regulamento (UE) nº 651/2014) e, en particular, no seu artigo 14, que regula as axudas rexionais ao investimento.

Terceiro. Actuacións subvencionables e contías

1. Será requisito da actuación subvencionable que o proxecto achegado teña como finalidade a creación dun novo establecemento de aloxamento turístico ou restauración, segundo os artigo 55 e 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, de acordo con algunha das seguintes tipoloxías:

• Establecementos hoteleiros.

• Pensións.

• Apartamentos.

• Vivendas turísticas.

• Establecementos de turismo rural.

• Albergues turísticos.

• Campamentos de turismo.

• Establecementos de restauración (restaurantes, cafeterías, bares).

2. O proxecto deberá ir aparellado da posta en marcha de experiencias enogastronómicas, tales como visitas en orixe que poñan en valor o proceso de creación da materia prima, o seu coidado, recolección, procesado, elaboración do produto final, así como experiencias interactivas de cociña ou showcooking, degustacións e catas. As experiencias deberán contar entre os seus produtos principais con, polo menos, un produto que conte con denominación de orixe protexida de Galicia, indicación xeográfica protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra, ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade. Deberá achegarse unha memoria explicativa do proxecto enogastronómico que se vai desenvolver.

3. Pódense diferenciar catro liñas de gasto subvencionable:

a) Liña 1: creación de infraestruturas de aloxamento e restauración con criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética.

Trátase de novos proxectos para a posta en marcha de novos establecementos turísticos de aloxamento ou restauración, que supoña a creación de novas infraestruturas ou rehabilitación de infraestruturas xa existentes, integradas coa contorna e o medio ambiente natural.

Deberán aplicarse criterios de sustentabilidade, de maneira que as obras de infraestrutura e rehabilitación sexan respectuosas coa contorna e estean adaptadas ás súas condicións, aforrando recursos mediante o emprego de materiais de baixo impacto ambiental: procedentes de fontes non contaminantes, materiais naturais, reciclados, reciclables e reutilizables.

Poderá incluír o equipamento necesario para a posta en marcha do establecemento turístico que, en todo caso, deberá obedecer a criterios de sustentabilidade.

Incluirá a adecuación ou acondicionamento do local ou dos espazos físicos onde se desenvolverá a experiencia. Tanto no caso de que se realicen obras de reforma como no caso de que se trate da adecuación dun espazo exterior, deberán aplicarse criterios de sustentabilidade e integración coa contorna e o medio ambiente natural.

b) Liña 2: sistemas de enerxías renovables e economía circular no novo establecemento turístico.

Trátase de investimento en enerxías renovables, máis respectuosas coa contorna, que favorezan a redución da pegada de carbono.

c) Liña 3: proxectos dixitais vinculados a enogastronomía e a sustentabilidade turística no novo establecemento turístico.

Trátase de proxectos dixitais promovidos por establecementos turísticos de aloxamento e restauración para a posta en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos de Galicia que contan cuns requirimentos de calidade demostrada, tanto polos factores naturais nos que se desenvolven como pola elaboración humana, así como aqueles que garanten que superaron os controis e normativas de calidade establecidos, tanto na súa elaboración como na obtención das súas materias primas, creación e deseño. Inclúe os produtos que conten con denominación de orixe protexida de Galicia, indicación xeográfica protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra, ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade.

Inclúe a creación de programas de desenvolvemento de contornas intelixentes que favorezan experiencias de turismo enogastronómico para os visitantes (uso de aplicacións móbiles, realidade aumentada, aplicación de intelixencia artificial, creación de contornas de realidade virtual, xogos, visitas virtuais...).

Tamén inclúe o desenvolvemento tecnolóxico aplicado ao márketing turístico, á personalización, ao desenvolvemento de contidos audiovisuais de calidade e ao uso de ferramentas interactivas (photocall interactivo, cartelería interactiva...).

d) Liña 4: experiencias enogastronómicas vinculadas ao novo establecemento turístico.

Trátase do deseño de experiencias enogastronómicas, tales como visitas en orixe que poñan en valor o proceso de creación da materia prima, o seu coidado, recolección, procesado, elaboración do produto final, así como experiencias interactivas de cociña ou showcooking, degustacións e catas. As experiencias deberán contar entre os seus produtos principais, polo menos, cun produto que conte con denominación de orixe protexida de Galicia, indicación xeográfica protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra, ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade.

4. A contía da axuda será o resultado de multiplicar o investimento subvencionable polas seguintes intensidades de axuda, segundo a categoría de empresa:

• 35 %, no caso das pequenas empresas.

• 25 %, no caso das medianas empresas.

• 15 %, no caso de grandes empresas.

O límite máximo de axuda pública será de 600.000,00 euros por proxecto. Para estes efectos, enténdese por proxecto a posta en marcha dun novo establecemento turístico de aloxamento ou restauración.

Cuarto. Condicións dos proxectos

1. Os proxectos deberán cumprir, polo menos, dúas das seguintes condicións:

• Creación dun mínimo de cinco postos de traballo directos. Deberá achegarse unha declaración responsable coa solicitude na que conste este compromiso, que deberá materializarse antes do remate do prazo de xustificación.

• Creación de vínculos con axentes públicos e privados do territorio que poidan exercer un efecto panca positivo no sector turístico ou outros sectores de actividade. Deberán achegarse os acordos ou convenios de colaboración que xustifiquen as colaboracións e unha memoria descritiva da contribución a dinamización económica da rexión.

• Contribución á sustentabilidade turística, mediante a implantación de novas fórmulas de xestión (utilización de produtos de proximidade ou ecolóxicos, implantación de fórmulas de reciclaxe,...) ou ben mediante programas de actividades ou sensibilización ambiental para as persoas usuarias turísticas. Deberá achegarse unha memoria descritiva da contribución a sustentabilidade turística.

2. Estes proxectos deberán cumprir co efecto incentivador regulado no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión. Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerado non subvencionable.

Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos ou a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

As axudas a estes proxectos regularanse polo disposto no artigo 14 do Regulamento 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

3. Os proxectos achegados deberán ascender a un mínimo de 200.000,00 euros de investimento para o conxunto das catro liñas de subvencionabilidade.

4. Os proxectos deberán contribuír a creación de oferta de aloxamento ou de restauración que se xustificará coa alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) antes do remate do período de xustificación. A Axencia de Turismo de Galicia comprobará o cumprimento deste requisito ao rematar o período de xustificación.

5. O proxecto de establecemento turístico deberá contar con informe previo favorable da Axencia de Turismo de Galicia no momento de presentación da solicitude da axuda, de conformidade coa normativa turística de aplicación.

6. De seren necesarias para levar a cabo a actuación para a cal se solicita a subvención, deberase contar coa autorización ou licenza urbanística ou sectorial, tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas, en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras.

7. De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

8. Os bens obxecto de investimento deberán ser novos adquiridos a terceiros. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

9. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitíndose, como excepción, a obra civil en terreos sobre os que exista un dereito de superficie ou unha concesión administrativa e/ou as reformas de instalacións en inmobles alugados ou en réxime de concesión. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, e deberá constar neste momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

10. En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, deberán estar efectuados os pagamentos con anterioridade á finalización do período de xustificación.

Quinto. Bases reguladoras

Resolución do 4 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos tractores da enogastronomía de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503J).

Sexto. Importe

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 2.500.000,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024 e 2025. O orzamento divídese en catro liñas de actuación subvencionables: a liña 1, creación de infraestruturas de aloxamento e restauración con criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética, cun orzamento de 1.568.000,00 euros; a liña 2, sistemas de enerxías renovables e economía circular, cun orzamento de 400.000,00 euros; a liña 3, proxectos dixitais vinculados á enogastronomía e á sustentabilidade turística, cun orzamento de 150.000,00 euros, e a liña 4, experiencias enogastronómicas, cun orzamento de 382.000,00 euros.

2. As subvencións previstas nesta resolución financiaranse co seguinte detalle:

Liñas

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Total

Liña 1

313.600,00 €

1.254.400,00 €

1.568.000,00 €

Liña 2

80.000,00 €

320.000,00 €

400.000,00 €

Liña 3

30.000,00 €

120.000,00 €

150.000,00 €

Liña 4

76.400,00 €

305.600,00 €

382.000,00 €

Total

500.000,00 €

2.000.000,00 €

2.500.000,00 €

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de catro meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Oitavo. Período de execución dos investimentos subvencionables

O prazo de execución abarcará desde a data de presentación da solicitude de axuda ata o 31 de outubro de 2025.

As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar como data límite o 31 de outubro de 2025, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do investimento subvencionable en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2024

O director da Axencia de Turismo de Galicia
P.S. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012; DOG núm. 193, do 9 de outubro)
Antonio Casas Calviño
Xerente da Axencia de Turismo de Galicia