DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 61 Martes, 26 de marzo de 2024 Páx. 20901

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 22 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR446A).

BDNS (Identif.): 750929.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas viticultoras e futuras viticultoras cuxos viñedos se destinen á produción de uva para vinificación e que cumpran coa normativa vixente en materia de plantacións de viñedo, para todas as superficies de viñedo da súa explotación e coas disposicións relativas ás declaracións obrigatorias do sector vitivinícola.

2. As persoas viticultoras cuxas solicitudes de axuda fosen aprobadas en convocatorias anteriores do Programa de apoio ao sector vitivinícola (PASVE 2019-2023) ou da Intervención Sectorial Vitivinícola (ISV 2024-2027), segundo corresponda, non poderán acceder á axuda nas dúas convocatorias seguintes, se:

a) Renunciaron á axuda dunha operación solicitada, unha vez aprobada, agás que comunicasen a súa renuncia no prazo de 10 días dende a súa notificación.

b) Non solicitaron o pagamento dunha operación aprobada, unha vez finalizado o prazo para presentar a solicitude de pago dentro do segundo exercicio financeiro posterior ao que se solicitou a axuda.

c) Non executaron unha operación aprobada para a que solicitaron o pagamento.

Segundo. Obxecto

A finalidade das axudas concedidas ao abeiro destas bases reguladoras é a reestruturación e reconversión da viña.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 22 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR446A).

Cuarto. Prazo para presentar as solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será ata o 26 de abril de 2024, desde o día seguinte ao de publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2024

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural