DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Venres, 22 de marzo de 2024 Páx. 20389

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Xuventude

ORDE do 13 de marzo de 2024 pola que se modifica a Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

O 8 de abril de 2016 publicouse, no Diario Oficial de Galicia núm. 67, a Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

No anexo I da Orde do 1 de abril de 2016 recóllense os prezos relativos á utilización e aos servizos prestados nos campamentos, albergues e residencias xuvenís titularidade da Consellería de Política Social e Xuventude e no anexo II os prezos relativos á expedición dos diferentes carnés dirixidos á mocidade, entre os que se atopa o Carné Xove.

A dita orde foi obxecto de posteriores modificacións desde a súa publicación. Así, no Diario Oficial de Galicia núm. 3, do 4 de xaneiro de 2018, publicouse a Orde do 28 de decembro de 2017 pola que se modifica a Orde do 1 de abril de 2016, referida ao artigo 3 coa extensión dos descontos por familia numerosa ás familias monoparentais e ao anexo II sobre a revisión dos prezos dos diferentes carnés.

Así mesmo, no Diario Oficial de Galicia núm. 39, do 25 de febreiro de 2019, publicouse a Orde do 5 de febreiro pola que se modifica a Orde do 1 de abril de 2016, referida ás epígrafes A.2.1 e A.2.2. do anexo I coa revisión dos prezos dos campamentos e albergues.

Cómpre agora actualizar a redacción do artigo 3 e modificar os descontos previstos na actualidade unicamente para o programa Campaña de verán, facéndoos extensivos ao resto de programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e, asemade, estender os descontos previstos para as familias numerosas e monoparentais ás familias acolledoras, como familias tamén de especial consideración, polo que se modifica o título e o seu contido.

Así mesmo, cómpre tamén modificar a orde para facer extensibles os prezos xa establecidos por servizos de aloxamento e manutención nos albergues e residencias integrados na Rede Española de Albergues Xuvenís (REAX) que figuran na letra C do anexo I a aquelas outras instalacións xuvenís non integradas na citada rede que veñen prestando os mesmos servizos.

Finalmente, a Consellería de Política Social e Xuventude, co fin de facilitar o acceso da mocidade galega aos bens e servizos en condicións máis vantaxosas a través do Carné Xove, e no ámbito das competencias que lle atribúe o Decreto 124/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica, considera necesario eliminar o prezo privado establecido pola expedición deste carné, de xeito que pase a ser de expedición gratuíta para os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 12 e os 30 anos.

Así mesmo, e segundo o acordado pola asemblea da Rede Española de Albergues Xuvenís (REAX) Galicia, igual que outras comunidades autónomas, deixou de expedir o Carné International Teacher Identity Card (ITIC), o Carné International Youth Travel Card (IYTC) e o Carné International Student Identity Card (ISIC), polo que tamén é necesario eliminar o prezo establecido pola expedición destes carnés na nosa comunidade.

Por estes motivos é preciso actualizar a Orde do 1 de abril de 2016, en relación coa expedición gratuíta do Carné Xove e a eliminación do prezo fixado para os carnés, antes sinalados, que a Consellería de Política Social e Xuventude deixou de expedir, coa modificación do anexo II.

Por iso, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

A Orde do 1 de abril de 2016 pola que se fixan os prezos privados correspondentes á prestación de servizos nas instalacións xuvenís e á expedición de carnés dirixidos á mocidade, xestionados pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, queda redactada como segue:

Un. Modificase o artigo 3 que queda redactado como segue:

«Artigo 3. Desconto por familia numerosa, por familia monoparental e por familia acolledora

1. Os/as membros de familia que teñan o título de familia numerosa poderán ter un desconto de ata un 50 % sobre os prezos relativos ás actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado nos seus programas.

2. Os/as membros de familias monoparentais poderán ter, así mesmo, un desconto de ata un 50 % sobre os prezos relativos ás actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado nos seus programas.

Para os efectos da aplicación do desconto, deberá acreditarse estar en posesión do certificado de recoñecemento da condición de familia monoparental, expedido polo órgano competente.

3. Os/as membros de familias acolledoras poderán ter, así mesmo, un desconto de ata un 50 % sobre os prezos relativos ás actividades promovidas pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado nos seus programas.

A situación de acollemento familiar acreditarase mediante a correspondente resolución ditada polo órgano competente».

Dous. A letra C do anexo I referido aos prezos relativos á utilización e aos servizos prestados nos campamentos, albergues e residencias xuvenís titularidade da Consellería de Política Social e Xuventude, queda redactada da seguinte maneira:

«C. Por servizos nos albergues e residencias establécense os seguintes prezos por persoa:

Servizos

Ata 30 anos

Maiores de 30 anos

Pensión completa

25

29

Aloxamento

9

13

Almorzo

3

3

Xantar ou cea

8

8

Para facer uso destes servizos nos albergues e residencias integrados na Rede Española de Albergues Xuvenís (REAX) deberase posuír o carné de alberguista en calquera das súas modalidades».

Tres. O anexo II queda redactado da seguinte maneira:

«ANEXO II

Prezos pola expedición dos diferentes carnés dirixidos á mocidade

Tarifa en euros

Carné alberguista xove

5

Carné alberguista adulto/a

10

Carné alberguista grupo

16

Carné alberguista familiar

18»

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude