Expediente: IN407A 2023/251-1.
Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Proxecto: LMTA ITC lugar Aldea Merexo.
Concello: Muxía.
Feitos:
1. O día 11.5.2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica. Co obxecto de atender unha solicitude de ampliación de potencia a 1.600 kVA no centro de transformación particular de intemperie CT Prodemar (15PMU2) no lugar Aldea Merexo, concello de Muxía, proxéctase a instalación dun interruptor telecontrolado nun apoio existente na liña de distribución de media tensión LMT DVL805, procedente da subestación do Vilán.
Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto de execución denominado LMTA ITC lugar Aldea Merexo, asinado o día 17.1.2023 por Carlota Martínez Rúa, graduada en Enxeñaría Eléctrica, nº colexiada 4.776 de Vigo; e a relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da liña.
2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:
• Portal da transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.
• DOG: 12.9.2023.
• BOP: 25.8.2023.
• Xornal La Voz de Galicia: 8.9.2023.
• Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 31.10.2023.
3. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación nin suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.
4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Muxía e Servizo de Infraestruturas Agrarias. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes presentados no prazo outorgado para ese efecto.
5. O 20 de febreiro de 2024 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio), consonte a disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño).
2. Lexislación de aplicación:
• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).
• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).
• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).
• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).
• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).
• Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).
3. Características técnicas:
As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar Aldea Merexo, no concello de Muxía, e as súas características técnicas son as seguintes:
• LMTA (actuación 1) a 20 kV, de 29 m, condutor tipo LA-56 Al, coa orixe no apoio nº 62-29 tipo C-1000/14 proxectado e remate no apoio nº 62-31 tipo C-3000/16 proxectado, onde se instalará un seccionador XS.
• LMTA (actuación 2) a 20 kV, de 16 m, condutor tipo LA-56 Al, coa orixe no apoio nº 62-29 tipo C-3000/16 proxectado e remate no apoio nº 95-8-12-1 CT (CTI Merexo (15X677) existente da LMT DVL805, procedente da subestación do Vilán.
• LMTA (actuación 3) a 20 kV, de 6 m, condutor tipo LA-56 Al, coa orixe no apoio nº 62-29 tipo C-3000/16 proxectado e remate no apoio nº 98BD0JUI//95-8-12, onde se instalará un ITC.
• Retirada de tramo LMTA a 20 kV, de 42 m, condutor LA-30 A, coa orixe no apoio nº 98BD0JUU//95-8-12-1 CT existente e remate nun punto do van existente entre o dito apoio e o apoio nº 98BRXER7//95-8-11 existente.
4. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.
Consonte con todo o sinalado,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.
B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:
• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.
• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.
A Coruña, 23 de febreiro de 2024
Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña