DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 18 de marzo de 2024 Páx. 19540

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2024, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Cabanas (expediente IN407A 2023/350-1).

Expediente: IN407A 2023/350-1.

Promotora: Sucesores de Manuel Leira, S.L.

Denominación da instalación: LATS derivada CT Pudrical.

Concello: Cabanas.

Feitos:

1. O día 6 de agosto de 2023, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da dita instalación de distribución eléctrica, co fin de substituír un treito de liña aérea debido ao fin da súa vida útil aumentando a súa capacidade.

Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, e que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución nomeado: LATS derivada CT Pudrical, asinado o 29 de xullo de 2023 co número de visado 20232502 do 3 de agosto de 2023 por Francisco Javier Bouza Cabarcos, enxeñeiro industrial co número colexial 867 de Galicia.

• Anexo V.0.2: cálculos eléctricos. Liña soterrada MT (con corrección de erros do 6 de febreiro de 2024), asinado o 5 de febreiro de 2024 por Francisco Javier Bouza Cabarcos, enxeñeiro industrial co número colexial 867 de Galicia.

2. O proxecto non se someteu ao trámite de información pública, segundo o artigo 50 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

3. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, déuselles traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas dunha separata do proxecto, na parte en que a instalación puidese prexudicar bens e dereitos ao seu cargo, que contén as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente. Solicitóuselles o preceptivo informe á Augas de Galicia (Zona Hidrográfica Galicia Norte)-Xefatura Territorial da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Coruña, Deputación da Coruña e o Concello de Cabanas. A día desta resolución, non consta no expediente resposta dos organismos afectados, é dicir, Augas nin a Deputación, á solicitude do condicionado solicitado. O Concello de Cabanas non contestou ás alegacións formuladas pola empresa promotora ao seu informe técnico.

4. O 6 de febreiro de 2024 emitiuse un informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio), consonte a disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño).

Segunda. Lexislación de aplicación:

– A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Terceira. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente atópanse no Barqueiro Val, Salgueiral e Pudrical, no concello de Cabanas.

– Modificación da LMT derivada ao CT Pudrical de 15 kV (29.668) mediante o soterramento de parte da liña aérea en condutor RHZ1-2OL 12/20 kV 3×(1×240 mm2) AL+H16 dunha lonxitude de 1.106 metros, coa súa orixe en arqueta existente (567.079, 4.808.606) (expediente IN407A 2012/29-1) onde se executarán os empalmes na liña soterrada e remate no apoio número 19-3 HVH 1600/15 (566.599, 4.808.738) onde se executa unha transición aéreo-soterrada.

Cuarto. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da dita instalación de distribución eléctrica.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude coa cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas oportunas na montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

4. O desmantelamento da LMTA que non estea prevista neste proxecto deberase realizar nun prazo máximo de dous anos desde a obtención da autorización de posta en explotación do proxecto que se autoriza nesta resolución.

5. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da dita Lei 39/2015.

A Coruña, 22 de febreiro de 2024

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña