Mediante a Orde do 23 de xaneiro de 2024, publicada no Diario Oficial de Galicia número 24, do 2 de febreiro, convocouse a provisión, polo sistema de libre designación, de catro postos de traballo vacantes na Consellería de Política Social e Xuventude.
De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nos artigos 5 a 8 e 25 a 28 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Resolver a convocatoria e adxudicarlles destino aos/as funcionarios/as cuxos datos se sinalan no anexo desta orde, seleccionados/as conforme o establecido nas bases da convocatoria realizada pola Orde desta consellería do 23 de xaneiro de 2024, nos postos de traballo que se indican no mesmo anexo.
Segundo. O cesamento no actual destino dos/das funcionarios/as que obtiveron praza producirase no prazo de tres días, contados a partir do seguinte ao da data da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Se na data en que deben cesar no seu destino os/as funcionarios/as están gozando dun período de licenza, vacacións ou permiso, o prazo para efectualo empezará a contar a partir do día seguinte ao da súa incorporación.
A toma de posesión das prazas adxudicadas deberase realizar no prazo dos tres días seguintes ao do cesamento, se non implica cambio de residencia; no prazo de sete días hábiles, se comporta cambio de residencia, ou dun mes se comporta o reingreso ao servizo activo, conforme o establecido no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.
Terceiro. A xefatura de persoal dos centros onde causen baixa os/as funcionarios/as, así como a daquel en que obteñan destino, consignará no título administrativo, dentro do prazo sinalado no punto anterior, as correspondentes dilixencias de cesamento e toma de posesión.
Cuarto. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, ante esta consellería, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2024
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Xuventude