DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 29 de febreiro de 2024 Páx. 16401

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

ANUNCIO do 21 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral de Industria, polo que se somete a información pública a modificación puntual número 1 do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para o asentamento industrial de Lourizán (Pontevedra), promovido por ENCE Energía y Celulosa, S.A.

O artigo 54 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia (DOG núm. 8, do 14 de xaneiro), regula o procedemento de aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio que deban someterse a avaliación ambiental estratéxica ordinaria.

Para os efectos previstos no artigo 55.4 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, sométense a información pública, por un período de dous (2) meses, contado a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, os seguintes documentos que integran o expediente:

• Proxecto denominado Modificación puntual número 1 do PSIS para o asentamento industrial de Lourizán, elaborado por IDOM Consulting, Engineering, Architecture, S.A.U. e asinada o 30.1.2023 polos arquitectos José Manuel Regueiro Grela e Matilde Álvarez Rodríguez.

• Estudo ambiental estratéxico (EAE) e resumo non técnico.

• Acordo de aprobación inicial da modificación puntual número 1 do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do asentamento industrial de Lourizán (Pontevedra).

Para que calquera interesado poida consultalos e, se é o caso, formular no prazo arriba indicado as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas.

Poderá accederse a esta información na páxina web da Consellería de Economía, Industria e Innovación, a través da seguinte ligazón:

https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-industriais?langId=gl_ES

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2024

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria

ANEXO I

Memoria resumo

Promotor: ENCE Energía y Celulosa, S.A.

NIF: A28212264.

Domicilio social: Lourizan, s/n, 36153 Pontevedra (Pontevedra).

Ámbito do proxecto: concello de Pontevedra (Pontevedra).

Obxecto: modificación puntual número 1 do PSIS para o asentamento industrial de Lourizán.

Descrición: a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (en diante, PSIS) ten por obxecto permitir o desenvolvemento de parte das actuacións e compromisos exixidos pola Resolución do 20 de xaneiro de 2016, da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar, pola que se concede a prórroga da concesión do dominio público marítimo-terrestre, e que actualmente non se atopan previstas no PSIS vixente, en concreto as seguintes:

• Actuación A: aumento da eficiencia no combustible. Secadoiro de biomasa.

• Actuación B: instalación de gas natural para fornos e outras instalacións. Estación de regulación e medida (ERM).

• Actuación C: melloras ambientais e de eficiencia, relacionadas co parque de madeiras, proceso de fabricación de pasta de celulosa, caldeira de biomasa, caldeira de recuperación, fornos de cal, ciclo da auga, control das emisións atmosféricas e redución de impactos.

• Actuación D: cámara de carga e bombeo asociados a novo emisario submarino da EDAR dos Praceres.