DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 27 de febreiro de 2024 Páx. 15926

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Orde do 16 de febreiro de 2024 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio (código de procedemento CO301A).

BDNS (Identif.): 744863.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (https://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades colaboradoras

Poderán ser entidades colaboradoras as entidades financeiras privadas con personalidade xurídica e plena capacidade de obrar, validamente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

– Ter oficinas comerciais abertas, cando menos, nos concellos de máis de 20.000 habitantes das catro provincias galegas.

– Ter colaborado na xestión financeira da Xunta de Galicia nos últimos dous anos.

A entidade financeira colaboradora actuará en nome do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, entregando e distribuíndo os fondos públicos aos comercios adheridos ao programa.

Segundo. Obxecto

O obxecto da colaboración é a entrega e distribución das axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.

Para estes efectos subscribirase o oportuno convenio de colaboración coa Consellería de Economía, Industria e Innovación, segundo o modelo que figura como anexo I da orde.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras para a concesión de axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio publicaranse conxuntamente coa convocatoria do programa.

Cuarto. Compensación económica

A compensación económica a favor da entidade colaboradora polos gastos de posta en funcionamento, seguimento e control do programa bonos Activa comercio é de 60.000 €, financiados con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.751A.480.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo máximo de presentación de solicitudes será de cinco días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2024

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía, Industria e Innovación