DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2024 Páx. 14187

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2024 pola que se aproba e se fai pública a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas ao proceso selectivo para cubrir dúas prazas na categoría profesional de técnico/a de investigación, área electrónica-mecánica, grupo III, pola quenda de acceso libre.

Mediante a Resolución reitoral do 19 de decembro de 2023 (DOG do 4 de xaneiro de 2024 e BOE do 13 de xaneiro de 2024), convocáronse probas selectivas para cubrir dúas prazas na categoría profesional de técnico/a de investigación, área electrónica-mecánica, grupo III, pola quenda de acceso libre. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes,

resolvo:

Primeiro. Declarar aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas ás citadas probas e a de persoas que teñen que facer a proba de galego.

Segundo. Facer pública a listaxe provisional de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que está exposta no taboleiro electrónico da USC e na web:

https://www.usc.gal/gl/institucional/goberno/area/xestionpersoal/PAS/oep/listado

Terceiro. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas dispoñen dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poder emendar os defectos que motivasen a exclusión ou a omisión.

Cuarto. Para emendar a exclusión ou omisión cubrirase o formulario de emendas do catálogo de procedementos na seguinte ligazón:

https://sede.usc.es/formularios/solicitudes/emendaSelecPersoalLaboral.htm

Quinto.- As persoas aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a ser incluídas na relación de persoas admitidas, serán definitivamente excluídas da realización das probas.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2024

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela