DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2024 Páx. 14294

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, pola que se modifica a Resolución do 18 de outubro de 2023 pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de outubro de 2023 polo que se aproba definitivamente o proxecto do Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) coa clave AC/21/215.30.0, como proxecto de interese autonómico (PIA), para os efectos previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, e se aproban as modificacións do Plan xeral de ordenación municipal da Coruña no ámbito afectado pola actuación do proxecto de interese autonómico.

Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Económicos do 18 de outubro de 2023 (DOG núm. 209, do 3 de novembro) fíxose público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de outubro de 2023 polo que se aproba definitivamente o proxecto do Novo Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC) coa clave AC/21/215.30.0, como proxecto de interese autonómico (PIA) e se aproban as modificacións do Plan xeral de ordenación municipal da Coruña no ámbito afectado pola actuación do citado proxecto.

O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 28 de decembro de 2023 acordou estimar un recurso de reposición interposto contra tal acordo, polo que debe proceder a rectificarse, nos termos que a seguir se detallan, a ficha do polígono POL S31, que foi publicada no anexo II, páxina 60.835, da antedita resolución.

Polo exposto, esta dirección xeral, en virtude das competencias que lle atribúen o artigo 14 do Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e o artigo 6 da Orde do 22 de abril de 2020, de delegación de competencias en órganos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde e na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde,

RESOLVE:

Modificar a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Económicos do 18 de outubro de 2023 (DOG núm. 209, do 3 de novembro) pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5 de outubro de 2023 polo que se aproba definitivamente o proxecto do Novo Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) coa clave AC/21/215.30.0, como proxecto de interese autonómico (PIA), para os efectos previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, e se aproban as modificacións do Plan xeral de ordenación municipal da Coruña no ámbito afectado pola actuación do proxecto de interese autonómico, nos seguintes termos:

Anexo II. Disposicións normativas. Normativa modificada do PXOM. Ficha do polígono POL S31 Curramontes-Canalejo (APARCISA).

Onde di: «Solo urbano consolidado».

Debe dicir: «Solo urbano non consolidado».

Considerando que a superficie edificable do POL S31 na versión orixinal do PXOM é de 8.861,18 m2, procédese ao recalculamento do aproveitamento lucrativo, da reserva de prazas de aparcadoiro e arborado e da cesión do aproveitamento ao concello, con base no coeficiente de 0,51 m2/m2 establecido no PXOM e á nova superficie neta do ámbito do polígono (16.048 m2):

Onde di:

«Superficie total edificable máxima: 6.259 m².

Superficie edificable uso hoteleiro: 5.459 m².

Superficie edificable uso comercial: 800 m².

Aproveitamento tipo: 0,39 m2/m2».

Debe dicir:

«Superficie total edificable máxima: 8.184,48 m².

Superficie edificable uso hoteleiro: 6.984,48 m².

Superficie edificable uso comercial: 1.200 m².

Aproveitamento tipo: 0,51 m2/m2».

Onde di:

«Prazas de aparcamento pb/pv: 16pb/47pv.

Nº de árbores: 63. En espazo libre: mín. 10. En vía: mín. 53».

Debe dicir:

«Prazas de aparcadoiro pb/pv: 21pb/61pv.

Nº de árbores: 82. En espazo libre: mín. 29. En vía: mín. 53».

Onde di: «Cesión de aproveitamento ao Concello: 626 m2 edificables».

Debe dicir: «Cesión de aproveitamento ao Concello: 818,45 m2 edificables».

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2024

María Jesús Piñeiro Bello
Directora xeral de Recursos Económicos