DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Venres, 16 de febreiro de 2024 Páx. 13855

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2024 pola que se amplía o crédito orzamentario establecido na Resolución do 27 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras do Plan Renova o teu vehículo, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria, mediante tramitación anticipada, para a anualidade 2024 (códigos de procedemento IN421T e IN421U).

No Diario Oficial de Galicia núm. 236, do 14 de decembro de 2023, publicouse a Resolución do 27 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativas ao Plan Renova o teu vehículo, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria, mediante tramitación anticipada, para a anualidade 2024 (códigos de procedemento IN421T e IN421U).

O procedemento de concesión destas subvencións tramitouse en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción prevista no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na data da presente resolución están reservados a totalidade dos fondos destinados ás persoas físicas e existe lista de espera nesta epígrafe ao tempo que aínda queda dispoñibilidade de fondos no apartado de autónomos ou empresas.

O artigo 2.2 das bases reguladoras prevé a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Por todo o anterior, e dado que nas aplicacións orzamentarias correspondentes existe crédito dispoñible, coa finalidade de incrementar a eficacia administrativa e a eficiencia na asignación de recursos públicos, maximizando o impulso de proxectos de renovación de vehículos por outros de baixas emisións e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar os fondos destinados ao Plan Renova o teu vehículo e modificar a táboa do artigo 2.1 da Resolución do 27 de novembro de 2023 do seguinte xeito:

Tipo de beneficiario

Aplicación orzamentaria

Dotación orzamentaria inicial (€)

Modificacións (€)

Dotación orzamentaria final (€)

Persoas físicas

09.A3.733A.780.4

2.700.000,00

150.000,00

2.850.000,00

Autónomos ou empresas

09.A3.733A.772.2

300.000,00

0,00

300.000,00

Total

 

3.000.000,00

150.000,00

3.150.000,00

Segundo. A presente modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia