BDNS (Identif.):743472.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
As empresas de inserción inscritas como tales no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 178/2022, do 15 de setembro, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción de Galicia e o seu rexistro administrativo, e que teñan o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nas bases reguladoras.
Segundo. Obxecto
Promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción, previamente cualificadas no Rexistro Administrativo de Empresas de Inserción de Galicia, que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.
Terceiro. Importe
Para a concesión das axudas reguladas neste programa destínanse 1.355.000,00 euros con cargo á aplicación 13.30.324C.470.5, código de proxecto 2015 00561.
Cuarto. Bases reguladoras e convocatoria
Orde do 13 de febreiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción (EI) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 30 de setembro de 2024. Cada entidade só poderá presentar unha única solicitude.
Sexto. Procedemento de concesión, período subvencionable e xustificación das axudas
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva.
O período subvencionable comprenderá desde o 1 de outubro de 2023 ata o 30 de setembro de 2024.
A data máxima de xustificación das accións subvencionadas será o 6 de novembro de 2024.
Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2024
Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade