DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2024 Páx. 13494

III. Outras disposicións

Presidencia da Xunta de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 13 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións para a recepción e decodificación dos sinais de televisión dixital de alta definición en vivendas unifamiliares da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento PR853B).

BDNS (Identif.): 743848.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán resultar beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as persoas físicas que residan nun T-fogar en zonas en risco de exclusión dixital con anterioridade á data de presentación da solicitude.

2. Unicamente poderá solicitarse unha subvención por cada T-fogar.

3. Non poderán resultar beneficiarias as persoas en quen concorra algunha das prohibicións establecidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Estas axudas económicas teñen por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar as subvencións, destinadas á execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións para a recepción e decodificación do sinal de televisión dixital de alta definición en vivendas unifamiliares non suxeitas ao réxime de propiedade horizontal que radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As bases reguladoras están establecidas na Resolución do 13 de febreiro de 2024, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á execución de diversas actuacións de mellora das infraestruturas de telecomunicacións para a recepción e decodificación dos sinais de televisión dixital de alta definición en vivendas unifamiliares da Comunidade Autónoma de Galicia e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento PR853B).

Cuarto. Importe

A concesión das axudas reguladas nesta resolución financiarase con cargo á aplicación 04.20.461B.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma vixentes no ano 2024, destinándose un crédito inicial de 1.200.000,00 euros.

O crédito resultará ampliable e a cantidade inicial poderá incrementarse, sen necesidade de realizar unha nova convocatoria, cando o aumento do crédito derive dalgunha das causas previstas no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de maio de 2024.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2024

Silvia Valdés Díaz de Freijo
Secretaria xeral de Medios