DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Luns, 12 de febreiro de 2024 Páx. 12387

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2024 pola que se dá publicidade da encomenda de xestión á Fundación Semana Verde de Galicia para a posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a organización das probas selectivas de diversas categorías de persoal estatutario do Sistema sanitario público de Galicia.

De conformidade co previsto no artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade da encomenda á Fundación Semana Verde de Galicia, do 31 de xaneiro de 2024, para a posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a organización das probas selectivas de diversas categorías de persoal estatutario do Sistema sanitario público de Galicia.

– Actividades:

Posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a realización das probas selectivas do Servizo Galego de Saúde para a cobertura de 913 prazas das categorías estatutarias de odontólogo/a de atención primaria, enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/a), enfermeiro/a especialista en saúde mental, enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria, enfermeiro/a especialista en enfermaría pediátrica, fisioterapeuta, terapeuta ocupacional, técnico/a superior en hixiene bucodental, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico, técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información, técnico/a xestión de sistemas e tecnoloxías da información, enxeñeiro/a técnico/a, grupo auxiliar da función administrativa e celador/a.

O total de aspirantes admitidos/as nestas probas ascende a 20.493.

A actividade encomendada inclúe a posta á disposición dos espazos para a realización das probas co mobiliario e equipamento necesarios (megafonía, 4 pantallas LED con cronómetro, 8 pantallas de TV de 55’, cadeiras e mesas individuais, material de imprenta e sinalización), servizo de vixilancia e seguridade, persoal de servizos múltiples, sistema de seguridade antimóbil-detector de metais, calefacción (en función da situación climatolóxica), regulación de aparcadoiros, servizos de limpeza, módulos de sanitarios portátiles, conexión á internet por cable, servizo de imprenta, dúas fotocopiadoras e servizos de restauración para persoal da organización.

– Natureza e alcance da xestión encomendada: a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, ten por obxecto a racionalización de todo o sector público autonómico e da actividade administrativa, así como a adopción de medidas dirixidas a unha maior eficiencia do gasto e á mellora da xestión do sector público autonómico.

O artigo 10 desta lei recolle os instrumentos e procedementos para facer efectivos os principios de cooperación, colaboración e asistencia, entre os que se encontran as encomendas de xestión, reguladas especificamente no artigo 13, que remite á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga).

O artigo 10 da Lofaxga prevé a posibilidade de encargar a realización de tarefas a entidades de dereito privado que reúnan a condición de medio propio da Administración ou entidade pública encomendante mediante resolución unilateral. A Fundación Semana Verde de Galicia é unha fundación do sector público autonómico de acordo co artigo 113 da Lofaxga, na medida en que o seu patrimonio fundacional, con carácter de permanencia, está formado en máis dun 50 % por bens e dereitos achegados ou cedidos pola Xunta de Galicia. De acordo co artigo 47 da Lofaxga, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Xunta de Galicia.

– Prazo de vixencia: a encarga terá unha duración comprendida entre a data da súa sinatura e o 17 de febreiro de 2024, tendo en conta as datas de realización das probas e o período de sete días previos e posteriores a elas, para o depósito e a retirada de materiais.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2024

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade