DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 9 de febreiro de 2024 Páx. 12018

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 29 de xaneiro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (códigos de procedemento IN421N e IN421O).

O Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, de 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC) financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013, establece as normas que regulan os obxectivos xerais e específicos que deben perseguirse coa axuda da Unión financiada no marco da política agrícola común, os tipos de intervencións e requisitos comúns para que os estados membros persigan os ditos obxectivos, así como os plans estratéxicos da PAC que deben elaborar os Estados membros, e que establecen as metas, as condicións das intervencións e a asignación dos recursos financeiros, de conformidade cos obxectivos específicos e as necesidades recoñecidas.

Neste contexto, e mediante a Decisión de execución da Comisión, do 31 de agosto de 2022, aprobouse o Plan estratéxico da PAC de España (PEPAC) modificado mediante a Decisión de execución da Comisión C (2023) 5746 final, do 30 de agosto de 2023, e polo que se instaura unha estratexia única que abrangue todas as intervencións da PAC, durante o período 2023-2027, para todo o territorio nacional.

No dito plan recóllese a intervención 6872, investimentos en servizos básicos en zonas rurais (subintervención 68720_4-renovables. Eficiencia enerxética), contribuíndo á adaptación ao cambio climático e a súa mitigación, mediante a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e mellorando a captura de carbono, así como promover a enerxía sustentable.

Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en Axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre as súas funcións destacan o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente prevé a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar a transformación da actividade en Galicia cara a unha economía baixa en carbono que aumente a súa competitividade nun mercado global, o Inega establece este sistema de subvencións. As actuacións que se van desenvolver enmárcanse dentro da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, sendo coherente coa RIS3 Galicia e a Axenda enerxética de Galicia 2030.

A presente convocatoria financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para a anualidade 2024. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 1.500.000 euros.

Estas axudas xestionaranse coa intervención de entidades colaboradoras. A dita colaboración formalizarase mediante o correspondente convenio.

Neste contexto danse as condicións para que o Inega xestione e tramite a presente liña de subvencións, co obxecto de fomentar o aforro enerxético a través da utilización da enerxía solar fotovoltaica.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 dos estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxía solar fotovoltaica, en ámbitos non urbanos (código de procedemento IN421O), así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IN421N), recollidas como anexo I desta resolución e proceder á convocatoria para a anualidade 2024.

2. Seleccionar, en réxime de concorrencia competitiva, as entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (anexos II).

3. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2024 que se xuntan a esta resolución como anexos IV a IX.

4. Publicar o convenio de colaboración para as axudas para proxectos de enerxía solar fotovoltaica, en ámbitos non urbanos, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo III).

5. Convocar para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións destinadas a proxectos de enerxía solar fotovoltaica en ámbitos non urbanos. Este procedemento axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 2. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2024. A dotación máxima para financiar estas subvencións ascende a 1.500.000 € e redistribuirase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.780.5 e 09.A3.733A.781.7.

Este crédito está cofinanciado nun 60 % polo Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural (Feader) no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (subintervención 68720_4-renovables. Eficiencia enerxética), nun 28 % por fondos propios da Comunidade Autónoma e nun 12 % por fondos finalistas do Estado.

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior a que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, se ben cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se fora o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 3. Vixencia da convocatoria

A convocatoria inicia a súa vixencia a partir do día seguinte hábil á súa publicación no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2024

Artigo 4. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes de adhesión presentaranse pola entidade colaboradora interesada segundo o formulario normalizado anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

2. As solicitudes de axudas presentaranse polas entidades colaboradoras segundo o modelo formulario normalizado anexo IV desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega
(http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

4. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente resolución e rematará o 29 de febreiro de 2024 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).

5. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 16 de febreiro de 2024 ás 9.00 horas (inicio do período subvencionable) e rematará o 21 de marzo de 2024. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV).

Disposición adicional primeira. Réxime de recursos

Contra esta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de alzada, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, perante a presidenta da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional segunda. Actos de resolución

O director do Inega poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta execución desta convocatoria.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxía solar fotovoltaica (en ámbitos non urbanos), así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2024
(códigos de procedemento IN421N e IN421O)

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas bases é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos para subministración en vivendas ou inmobles de carácter residencial.

Artigo 2. Condicións dos proxectos

1. Non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude.

Enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior; a merca de terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos.

2. As actuacións deberán ser realizadas no ámbito rural de Galicia, entendendo como tal o ámbito de aplicación do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.

A delimitación destas zonas onde se debe realizar a actuación está definida a nivel de parroquia en función da densidade da poboación. Só serán elixibles as parroquias definidas como rurais ou intermedias para os efectos da aplicación do Feader na páxina web do Inega.

3. Que sexan finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e funcións para os que foron aprobados.

4. As actuacións axustaranse ás especificacións indicadas nas presentes bases e á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) en materia de enerxía.

5. Que o solicitante non fose sancionado pola Consellería de Economía, Industria e Innovación pola Comisión de Infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, de dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial ou as comunidades e mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os requisitos para obter a condición de beneficiaria deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 4. Proxectos que se subvencionan

O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso da enerxía solar fotovoltaica. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía solar fotovoltaica en aplicacións residenciais.

Artigo 5. Investimentos subvencionables

1. Serán subvencionables:

a) Os paneis solares fotovoltaicos.

b) O acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertedores, reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cableado, equipamentos de medidas, etc.), monitorización (sensores, adquisición de datos, comunicación remota, etc.) e sistema de acumulación con baterías de litio.

c) O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

d) O custo da montaxe e o conexionado e a dirección de obra.

e) IVE, cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre IVE.

Os proxectos deberán incorporar paneis fotovoltaicos e inversor.

2. Non son subvencionables:

a) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

b) Os gastos anteriores á presentación da solicitude.

c) Equipamento e materiais de segunda man.

d) As obras de mantemento e os gastos de alugamento.

e) As taxas e licenzas administrativas.

Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 6. Contía da axuda

1. O custo elixible máximo establécese como a suma de dous compoñentes:

Potencia pico en paneis (kWp)

€/kWp (sen IVE)

P ≤ 3 kWp

1950

3 < P ≤ 6 kWp

2400-150×P

6 < P < 20 kWp

1680-30×P

P ≥ 20 kWp

1140-3×P

Adicionalmente á táboa anterior, se o proxecto leva baterías de litio consideraranse uns custos sen IVE de 750 €/kWh de capacidade de acumulación. As baterías de plomo-ácido non serán elixibles. De non incorporar o proxecto baterías, este sumando sería cero.

Para os efectos do cálculo da axuda final, non se considerará un custo elixible máximo en baterías por capacidade de acumulación (€/kWh) superior aos custos elixibles máximos da táboa da instalación solar da potencia pico en paneis (€/kWp).

2. A intensidade da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación, tendo en conta o seu orzamento e os custos elixibles recollidos nestas bases reguladoras.

Na procura de instalacións de potencia racionais, establécese unha axuda máxima por vivenda de 4.000 €. No caso de que o proxecto solicitado inclúa baterías de potencia igual ou superior a 4 kWh, incrementarase en 2.000 €.

A contía máxima por proxecto multivivenda será de 25.000 €.

En ningún caso serán subvencionables as ampliacións das instalacións fotovoltaicas asociadas á subministración eléctrica das vivendas que xa foron obxecto de axuda por parte do Inega en anos anteriores.

Artigo 7. Compatibilidade das subvencións

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 8. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal

2. No teléfono 981 54 15 00.

Artigo 9. Procedemento de adhesión de entidades colaboradoras (procedemento IN421N)

1. Requisitos, condicións e solvencia.

a) Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de eficacia e solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.

b) Será necesario que as entidades colaboradoras estean dadas de alta na Consellería de Economía, Industria e innovación para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías fotovoltaica como empresas con actividade de instalación de baixa tensión (procedemento IN609A).

c) As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta.

d) Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

1º. Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda e do conxunto da actuación.

2º. Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.

3º. Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.

4º. Xustificación da axuda ante o Inega.

e) Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como, a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas exixibles poderán consultarse na paxina web do Inega (www.inega.gal).

f) Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten no prazo establecido no artigo 4 da resolución de convocatoria.

g) De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Inega, no cal se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo III destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

h) Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas en que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Formularios.

Apróbanse e incorpóranse o seguinte formulario e modelo de convenio de colaboración como anexos ás presentes bases reguladoras:

– Anexo II: solicitude de adhesión de entidades colaboradoras.

– Anexo III: convenio de colaboración que se vaia subscribir coas entidades colaboradoras.

3. Obrigas e compromisos das entidades colaboradoras.

a) Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1º. Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

2º. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

3º. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito co Inega.

4º. Actuar en nome e por conta do Inega para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións.

5º. Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a súa concesión.

6º. Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Inega.

7º. Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

1º. Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda e do conxunto da actuación.

2º. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda (anexo IV) e solicitude de pagamento (anexo VIII) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

3º. Vender no marco da iniciativa só os equipos que cumpran coas condicións establecidas nas bases reguladoras das axudas.

4º. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento do convocatoria, en concreto, a autorización ou inscrición da instalación no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria.

5º. Exhibir nos seus centros de traballo ou punto de venda durante a vixencia da Convocatoria de axudas para proxectos de enerxías fotovoltaica no sector residencial en ámbitos non urbanos un cartel de promoción deste en que se informe de que se trata dunha entidade colaboradora adherida conforme o modelo que se porá á disposición na páxina web do Inega.

4. Adhesión de entidades colaboradoras.

a) Adhesión simplificada.

1º. Esta forma de adhesión esta unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas ao convenio de xestión das axudas para a xestión de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, reguladas na Resolución do 21 de febreiro de 2019 (DOG núm. 45, do 5 de marzo), e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, para a anualidade 2024.

2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), xerándose un documento en formato pdf con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.

Por defecto, a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles da convocatoria de adhesión de entidades colaboradoras que participaran no procedemento de xestión das axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica, destinados a particulares, da anualidade 2019.

Para acceder á aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada, utilizara o usuario e a contrasinal outorgados polo Inega na convocatoria 2019.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), deberá presentalos por vía electrónica de conformidade co establecido no artigo 4 da resolución.

3º. Se houbese cambio na representación da entidade colaboradora deberá volverse a achegar a documentación solicitada con carácter xeral. Para todas as solicitudes simplificadas o Inega poderá proceder á comprobación de datos recollida na adhesión común que se regula a continuación. Se como consecuencia destas comprobacións procede solicitar a emenda de documentación realizarase nos termos recollidos no citado procedemento de adhesión común.

b) Adhesión común (alta novas entidades colaboradoras).

1º. A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignarase un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.

2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para encher a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG farase unicamente para os efectos informativos.

3º. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

i. Recibo do imposto de actividades económicas (IAE) ou, se é o caso, declaración responsable de exención de pagamento..

ii. Convenio de colaboración (anexo III) debidamente asinado pola entidade colaboradora.

Unha vez asinado polo Inega a entidade colaboradora poderá acceder ao citado convenio no taboleiro.

iii. Documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4º. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se a entidade interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

5º. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola aplicación do Inega, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na aplicación do Inega.

c) Comprobación de datos.

1º. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

i. NIF da entidade solicitante.

ii. DNI/NIE da persoa solicitante.

iii. DNI/NIE da persoa representante.

iv. Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT.

v. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

vi. Certificado de estar ao día no pagamento coa Facenda autonómica.

vii. Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

viii. Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2º. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3º. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

d) Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

5. Órganos competentes.

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de adhesión de entidades colaboradoras, correspondéndolle á persoa titular da Dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven do dito procedemento.

6. Instrución do procedemento de adhesión.

1º. Unha vez presentada a solicitude de adhesión xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora, para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); e consellería competente en materia de facenda.

2º. De conformidade co establecido no artigo 9.1.e) destas bases reguladoras en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións.

7. Resolución.

O prazo máximo para que a Dirección do Inega resolva sobre as adhesións das entidades colaboradoras é de 15 días hábiles desde a presentación da solicitude. Transcorrido o devandito prazo, as entidades colaboradoras poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. A resolución ditarase individualmente para cada unha das solicitudes, e notificarase seguindo estritamente a súa orde de presentación, salvo que se deba emendar, momento en que se terá en conta a data de presentación da emenda.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos a este programa.

8. Notificación das resolucións.

a) As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

b) De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades colaboradoras avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude de adhesión. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

c) De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

d) As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

e) Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo.

f) As entidades colaboradoras poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A miña sede, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia
(http://sede.xunta.gal), o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

9. Publicación da listaxe de entidades colaboradoras adheridas.

O Inega publicará na súa páxina web a listaxe de entidades colaboradoras adheridas a medida que resolva o proceso de adhesión. A listaxe actualizarase periodicamente coas novas entidades colaboradoras solicitantes que, tras o requirimento de emenda, completen a documentación necesaria para formalizar a adhesión.

As entidades colaboradoras non serán publicitadas na páxina web do Inega nin poderán tramitar solicitudes de axuda ata que completen o proceso de adhesión aínda que eventualmente xa comezase o prazo establecido no artigo 4.4 da resolución da convocatoria.

Artigo 10. Obrigas das persoas beneficiarias

Son obrigas das persoas beneficiarias, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

2. Facilitarlle á entidade colaboradora seleccionada as outras dúas ofertas que necesariamente teñen que acompañar a solicitude de axuda cando a actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto sen IVE para a persoa beneficiaria igual ou superior a 15.000 €.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

3. Acreditar ante a entidade colaboradora, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social.

4. Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 29 destas bases.

5. Cando non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia tramitarase a través da entidade colaboradora.

6. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de 5 anos contado desde o último día de pagamento ao beneficiario (artigo 65 do RDC).

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

8. Comunicarlle ao Inega, a través da entidade colaboradora, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

9. Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular as verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 do RDC).

Os controis administrativos e sobre o terreo que se leven a cabo axustaranse ao disposto no Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

10. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar un prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC. Para tal efecto, a persoa beneficiaria firmará unha declaración responsable de acordo co modelo incorporado ás bases.

12. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, de subvencións de Galicia, e conforme o disposto no Regulamento de execución (UE) 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, anexos II e III, e na Instrución ARX PEPAC 01/2023 información, publicidade e visibilidade, a persoa beneficiaria das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader. Así, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o apoio do Feader mostrando:

1º. O emblema da Unión.

2º. Una referencia á axuda do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.

3º. O logotipo do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

4º. O símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.

13. A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feader implica a aceptación da inclusión das persoas beneficiarias na lista de operacións que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda e Función Pública co contido previsto no número 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

14. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Forma e prazo de presentación de solicitudes (código de procedemento IN421O)

1. As entidades colaboradoras adheridas son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e a documentación complementaria). O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 16 de febreiro e rematará o 21 de marzo de 2024.

Na paxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas.

2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.Inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude da persoa beneficiaria.

3. A entidade colaboradora presentará electronicamente desde a aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada polo representante, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo IV.

Previamente a presentar a solicitude, a aplicación permitirá imprimir o documento de representación conforme o anexo V que deberá ser asinado polo solicitante e pola persoa autorizada para a representación, dixitalizado e xuntarse á solicitude de axuda.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 12. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo IV) a seguinte documentación obrigatoria:

a) Documentación administrativa:

i. Autorización para a representación segundo o anexo V.

ii. Para acreditar a titularidade ou dispoñibilidade dos terreos admitiranse os seguintes documentos: titulo de propiedade ou contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

Tamén se admitirá certificado catastral ou recibo de pagamento do IBI acompañado, en ambos os dous casos, de declaración responsable (asinada polo solicitante da axuda) de que os datos contidos no certificado ou no recibo non sufriron variación.

iii. No suposto de que o solicitante sexa unha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, o representante deberá asinar a solicitude e a entidade colaboradora achegará a seguinte documentación:

1º. Documentación que acredite a súa constitución.

2º. Documentación que acredite a representación con que se actúa.

3º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de persoas beneficiarias mediante a presentación do anexo VI, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

iv. No caso de que unha comunidade de veciños sexa a solicitante, de conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, o presidente terá a representación da comunidade neste procedemento e será a persoa asinante da documentación, e deberá presentarse:

1º. Acta de constitución da comunidade de propietarios coa relación dos propietarios e a determinación da cota de participación respectiva.

2º. Certificación do acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios en que se aceptan as bases da convocatoria, se comprometen a execución das respectivas obras e se faculta o presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención.

3º. Acta onde conste o nomeamento do presidente ou certificado expedido polo secretario da comunidade referente a este aspecto, ou certificación do administrador de predios que xestione a comunidade.

4º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de persoas beneficiarias mediante a presentación do anexo VI, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

v. Presentación da oferta da instalación que se pretende levar a cabo. Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para a persoa beneficiaria igual ou superior a 15.000 €, a entidade adherida, á cal corresponde a oferta seleccionada, presentará, xunto co resto da documentación complementaria, as tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo.

Deberá achegar unha oferta que avale o orzamento, cando o investimento sen IVE da actuación non sexa superior ou igual a 15.000 €.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante. Para estes efectos, considerase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca e modelo, así como características técnicas e, no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

b) Memoria técnica da actuación, asinada por un técnico competente, que incluirá, como mínimo:

i. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía do lugar onde se vai executar o proxecto. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, Catastro, etc.). Esbozos ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación, especificando o sistema de integración dos paneis.

ii. Folla de características dos paneis solares.

iii. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) e unha memoria técnica en que se describirán, de forma detallada, os sistemas do equipamento xerador e do resto dos compoñentes principais da instalación, especificando o sistema de conexión.

iv. Última factura do consumo eléctrico e xustificación da enerxía eléctrica anual consumida na vivenda.

c) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola aplicación do Inega, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na aplicación do Inega.

5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A miña sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 13. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificacións de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

d) DNI/NIE da persoa solicitante.

e) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

f) Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 16. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións. Non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.

3. Son obrigas dos beneficiarios en materia de información e publicidade as recollidas no anexo II e III do Regulamento de execución (UE) 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, o algodón e os subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) 2021/2015 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC, e na Instrución ARX PEPAC 01/2023 de información, publicidade e visibilidade.

Artigo 17. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e correspóndelle ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven do dito procedemento.

Artigo 18. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido na súa petición e se arquivará o expediente.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); e consellería competente en materia de facenda.

2. Sen prexuízo do establecido no número anterior, poderá requirirse a entidade colaboradora para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 19. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións aos interesados. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) A persoa que desempeña a xefatura do Departamento de Enerxía do Inega.

b) A persoa que desempeña a xefatura da Área de Enerxías Renovables do Inega.

c) Un técnico do Inega.

2. No documento co resultado da avaliación que elabore a Comisión figurarán, de xeito individualizado, os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a puntuación que lles corresponde así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

Non serán subvencionables os proxectos que acaden unha puntuación inferior a 30 puntos, por considerarse que non cumpren suficientemente a finalidade da convocatoria.

3. De ser o caso, este documento contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de agarda. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de agarda no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Artigo 20. Criterios de valoración

1. Características técnicas (ata 50 puntos).

a) Paneis fotovoltaicos (máximo 45 puntos).

Nesta alínea avaliaranse as características técnicas do principal compoñente da instalación panel fotovoltaico en función da tecnoloxía do panel fotovoltaico segundo os seguintes criterios de puntuación:

Tipo de módulo fotovoltaico

Puntuación

Paneis fotovoltaicos con rendementos de panel superior ao 24 %

45

Silicio monocristalino

35

Silicio policristalino

25

Silicio amorfo e resto de paneis

5

b) Integración arquitectónica dos paneis (ata 5 puntos).

Tipoloxía

Puntuación

Superposición na cuberta coa mesma inclinación (coplanar)

5

Marquesiña

2,5

Outros

0

2. Grao de utilización da instalación segundo o uso e a demanda (ata 30 puntos).

a) Grao de autoconsumo (ata 20 puntos).

Valoraranse aquelas instalacións cun maior grao de autoconsumo e aproveitamento da enerxía renovable xerada en función do cumprimento dos seguintes 4 items:

i. Relación entre a potencia contratada e a potencia da instalación fotovoltaica.

Potencia contratada (*) ≥ Potencia pico da instalación

(*) Valor máximo contratado nos períodos tarifarios.

ii. Relación entre a enerxía anual xerada fronte á enerxía consumida.

Consumo eléctrico ≥ 1.500 × Potencia pico (kWp)

iii. Modalidade de autoconsumo con excedentes.

iv. A instalación incorpora baterías para almacenamento.

A partir do cumprimento dos 4 items citados establécense tres rangos de autoconsumo con distinta puntuación:

– Rango de autoconsumo alto: cumprimento de 3 ou 4 items (20 puntos).

– Rango de autoconsumo medio: cumprimento de 2 items (10 puntos).

– Rango de autoconsumo baixo: cumprimento de 1 ou ningún item (0 puntos).

b) Ratio de investimento/potencia pico da instalación (ata 10 puntos).

Avaliarase en relación coas ratios de investimento máximo elixible por potencia do proxecto segundo as bases. Outórgase 0 puntos aos proxectos cuxa ratio investimento/potencia supere un 120 % do custo máximo elixible que lle corresponde polas súas características e a puntuación máxima para aqueles cuxa ratio sexa inferior ao 80 % do custo máximo elixible. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.

3. Localización xeográfica (ata 20 puntos).

a) Renda por habitante (10 puntos).

Valoraranse os proxectos que se desenvolvan en zonas economicamente menos favorecidas utilizando os datos máis recentes dispoñibles polo IGE da renda dispoñible bruta por habitante dos municipios galegos. En concreto, utilizaranse os datos correspondentes ao última ano publicado, que se poden descargar da web do Instituto Galego de Estatística no enderezo www.ige.eu na sección Economía/Sistema Contas/Renda dos fogares municipais en formato excel.

Outórganse 0 puntos aos proxectos situados no concello que teña a máxima renda dispoñible bruta por habitante de Galicia, e a puntuación máxima ao de menor. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.

b) Concello que cumpre os criterios de reto demográfico (10 puntos).

Para os efectos desta convocatoria, defínense os concellos de reto demográfico como aqueles concellos de ata 5.000 habitantes e os concellos non urbanos de ata 20.000 habitantes en que todas as súas entidades singulares de poboación sexan de ata 5.000 habitantes.

As fontes oficiais para a determinación das cifras de habitantes e do carácter «non urbano» dos concellos de reto demográfico serán as publicacións do INE e do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

O Inega publicará na súa web a listaxe de concellos que cumpren os criterios de reto demográfico.

A puntuación por este criterio será a seguinte:

1. Concello que cumpre os criterios de reto demográfico: 10 puntos.

2. Concello que non cumpre os criterios de reto demográfico: 0 puntos.

Tendo en conta os criterios de puntuación anteriores a puntuación máxima do proxecto será de 100 puntos.

Os empates que, se é o caso, se produzan dirimiranse aplicando os criterios na orde que a seguir se expón:

1. Maior puntuación obtida na rúbrica «Características técnicas».

2. Maior puntuación obtida na rúbrica «Grao de utilización».

3. Maior puntuación obtida na rúbrica «Localización xeográfica».

Artigo 21. Resolución

1. Elaborada a proposta de resolución prevista no artigo 19.2 destas bases, esta será elevada ao director do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa ou persoas beneficiaria/s, o custo elixible e a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de prelación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, se é o caso, da súa emenda.

Se transcorrese o prazo sen se ditar resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades colaboradoras avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades colaboradoras deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na Carpeta cidadá-A miña sede o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 23. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a presidenta da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 24. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, a entidade colaboradora debe notificarllo ao órgano competente para a concesión da subvención, e deberán cumprirse os requisitos previstos no número seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola Dirección do Inega logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 25. Aceptación e renuncia

No caso de que a persoa beneficiaria dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicarllo ao Inega, a través da entidade colaboradora (anexo VII).

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará, de conformidade co procedemento establecido no artigo 22 destas bases reguladoras.

Artigo 26. Subcontratación

Permitirase que a persoa beneficiaria subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2024.

Artigo 28. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase pola entidade colaboradora de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal) de conformidade co disposto no artigo 14.

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 22 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente a entidade colaboradora para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 29. Documentación xustificativa da subvención

1. Para o cobramento pola persoa beneficiaria da subvención concedida a entidade colaboradora deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados na data límite de xustificación do proxecto.

2. A entidade colaboradora deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo VIII, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá estar accesible a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Para xustificar cada un dos gastos realizados achegaranse as facturas, nas cales figurarán o importe total que se vai pagar e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento da totalidade do equipamento polo solicitante.

1º. A factura deberá reflectir con claridade os seguintes datos:

– Data de emisión.

– Nome e NIF/NIE da persoa beneficiaria.

– Enderezo onde se realiza a obra.

– Descrición detallada da totalidade do equipamento instalado de acordo coa solicitude.

– Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.

Non se admiten as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se regulan as obrigas de facturación.

2º. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

i. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo polo portelo), no cal conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e o número da factura obxecto de pagamento.

ii. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.), na cal conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para efectos de data de pagamento, terase en conta a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se considerará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

3º. Non se admitirán os supostos de autofacturación (factura emitida pola propia persoa beneficiaria da subvención).

4º. A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 27.

5º. En ningún caso poderá concertar a persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos previstos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6º. Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamento en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

7º. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

8º. No caso de que as persoas beneficiarias da axuda se acollan á cesión do dereito de cobramento, establecido no número 1 do artigo 83 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, considérase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor dos cesionarios.

b) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal). De existiren modificacións no proxecto, deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

c) Fotografías dos principais equipamentos instalados.

d) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para as mesmas actuacións subvencionadas, tanto as aprobadas e concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo IX).

e) Certificado asinado polo técnico instalador, en que se indique a data de finalización da instalación que se subvenciona. Lémbrase que a data de finalización da obra debe estar comprendida dentro do período de xustificación.

Naqueles proxectos con potencia superior a 10 kW deberá achegarse o certificado de dirección de obra asinado polo técnico.

Naquelas instalacións que requiran a súa inscrición no rexistro da consellería competente en materia de industria, a persoa beneficiaria deberá achegar o xustificante de solicitude de inscrición da instalación nese rexistro. Nese xustificante deberán figurar as características técnicas e o correspondente código de acceso ao referido rexistro, para ter a posibilidade de verificación, no caso de que fose necesario.

f) Memoria de xustificación da publicidade de fondos Feader, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 30. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a persoa beneficiaria os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se, debido á redución do investimento, se superan as porcentaxes máximas de subvención.

3. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

Artigo 31. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. O sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas veñen regulados na Lei 30/2022, do 23 de decembro, e as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións previstas no Plan estratéxico da política agrícola común e polas que se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027 veñen recollidas no Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro.

2. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se se xustifican conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinará a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

b) Incumprimento parcial. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderá apreciarse un incumprimento parcial e débese resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

i. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, e deberanse reintegrar, se é o caso, as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 60 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

ii. Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 10.12 destas bases, suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.

iii. No período de mantemento dos investimentos, procederá a incoación dun procedemento de reintegro no suposto de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

5. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o goce da subvención.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que podan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de 5 anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 do RDC).

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

e) Non comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

f) Non comunicar ao Inega a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

g) Non manter un sistema de contabilidade separado ou código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co fondo Feader.

h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto nos termos exixidos no artigo 10.12 destas bases reguladoras.

6. No caso de condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar a través da entidade de colaboración en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste número só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 32. Réxime de sancións

Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.

Artigo 33. Fiscalización e control

1. As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 do RDC).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto neste enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 34. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Inega efectúe o último pagamento ao beneficiario, de acordo co disposto no artigo 82.2 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

2. Para todo o non previsto no número anterior, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

Artigo 35. Remisión normativa

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo Plus, Fondo de Cohesión, Fondo de Transición Xusta e Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (DOUE L231, do 30 de xuño de 2021).

b) Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC). Financiada con cargo ao Fondo Europeo de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013.

c) Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común, e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1306/2013.

d) Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

e) Regulamento delegado (UE) 2022/127 da Comisión, do 7 de decembro de 2021, que completa o Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello con normas relativas aos organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, as garantías e o uso do euro.

f) Regulamento de execución (UE) 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia.

g) Regulamento de execución (UE) 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, o algodón e os subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC.

h) Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

i) Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.

j) Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións previstas no Plan estratéxico da política agrícola común, e modifícanse varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

k) Circular de coordinación 37/2023 relativa ao Plan nacional de controis das intervencións de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2023/2027 incluídas no Plan estratéxico da política agrícola común.

l) Instrución ARX PEPAC 01/2023 información, publicidade e visibilidade.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular, a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Santiago de Compostela, 29 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file

ANEXO III

Convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega)
e a entidade colaboradora ___________ para a xestión das subvencións
de enerxía fotovoltaica no sector residencial, en ámbitos non urbanos,
destinadas a particulares para a anualidade 2024

Santiago de Compostela, ____ de _________ de ______

Dunha parte, o director do Inega, en virtude das facultades do seu cargo e das que lle foron conferidas en virtude das atribucións que lle confire o artigo 16 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 212, do 8 de novembro), e polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares, publicado mediante a Resolución, do 8 de abril de 1991, da Consellería de Economía e Facenda.

Da outra parte____________________________________, con NIF____________, actuando en nome e representación da entidade ________________________________con NIF/CIF _______________, debidamente facultado para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que o Inega acordou realizar unha selección de entidades colaboradoras para a tramitación do programa de axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial, en ámbitos non urbanos, estas entidades colaboradoras actuarán de ligazón entre o Inega e os beneficiarios das axudas que se convoquen para proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxía fotovoltaica.

II. Que ambas as partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes estipulacións:

Primeira. Obxecto da colaboración

O obxecto deste convenio consiste en establecer un marco de colaboración entre o Inega e a entidade ________________________________________ de acordo coa Resolución do 29 de xaneiro de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para o ano 2024 (Diario Oficial de Galicia núm. 29, do 9 de febreiro de 2024).

Segunda. Entidade colaboradora

A entidade ______________________________________________________ é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido no artigo 9.1 e 9.3 da Resolución pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas para proxectos de enerxía fotovoltaica e se procede á selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, para a anualidade 2023 (códigos de procedemento IN421N e IN421O) (en diante, bases reguladoras das axudas), que acredita o cumprimento dos requisitos e as condicións de solvencia económica e técnica previstas na mencionada resolución.

Terceira. Prazo de duración

Este convenio terá vixencia ata o 15 de decembro de 2024.

Cuarta. Obrigacións da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais do establecido no artigo 9.3.a) da convocatoria das axudas, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

– Asumir a tramitación e xestión ante o Inega das axudas dos beneficiarios.

– Comprobar e certificar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos na convocatoria das axudas para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiario, así como, a idoneidade da documentación que se lles exixe para a percepción da subvención.

– Presentar as solicitudes das axudas dos beneficiarios e a documentación xustificativa do desenvolvemento das actuacións tal e como se recolle na convocatoria das axudas.

– Vender ao solicitante da axuda no marco da iniciativa só os equipos que cumpran coas condicións establecidas na convocatoria de axudas.

– Comunicarlle ao Inega calquera variación que se produza nos datos inicialmente indicados para adherirse a este convenio, garantindo a confidencialidade dos datos fornecidos.

– Cumprir coas normas sobre a protección de datos, concretamente, o que se establece na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

– Encontrarse sometida ás actuacións de comprobación e control previstas na letra d) do artigo 12 da mencionada Lei 9/2007.

– Estar ao día no pagamento das obrigacións coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

– Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

– Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de dous anos desde a súa concesión.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

Ademais dos compromisos establecidos no artigo 9.3.b) da convocatoria das axudas, a entidade colaboradora comprométese a:

– Coñecer o contido das bases reguladoras destas axudas e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

– Que ten o domicilio social ou centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Que posúe a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 8.1.e) da resolución.

– Que consinte expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Inega segundo o establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Que non está incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Que comunicará ao Inega calquera variación que poida ocorrer nos datos recollidos nos documentos presentados.

– Que autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria en relación co NIF da entidade colaboradora. De non dar a autorización para a comprobación mencionada, deberá presentar copia do NIF da entidade colaboradora (non do representante legal).

– Que autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se o solicitante da adhesión está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa Facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para a comprobación mencionada anteriormente, deberá presentar certificación xustificativa de estar ao día nas súas obrigas cos organismos sinalados anteriormente.

Sexta. Obrigacións do Inega

– Facilitar á entidade colaboradora toda a información e documentación normalizada que precise durante a tramitación da convocatoria de axudas.

– Dispoñer na páxina web do Inega (www.inega.gal) unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

– Manter informada en todo momento e comunicar á entidade colaboradora o estado de tramitación das axudas.

Sétima. Xustificación dos requisitos dos beneficiarios

A xustificación polos beneficiarios das condicións establecidas para o outorgamento das subvencións correspondentes realizarase no momento da solicitude.

A entidade colaboradora está obrigada a requirir aos beneficiarios a documentación establecida na convocatoria das axudas, así como a comprobala e a gardar a mencionada documentación durante un período de dous anos desde a concesión da axuda.

Oitava. Rexistro especial de operacións

A entidade colaboradora, para facilitar a xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas na convocatoria das axudas, levará un rexistro especial das operacións que se realicen dentro de cada convocatoria de axudas, que estará á disposición do Inega e demais órganos fiscalizadores da Comunidade Autónoma de Galicia e do Estado.

Neste rexistro gardarase unha copia da documentación xustificativa das operacións rexistradas, así como da documentación que lle entreguen os beneficiarios.

Novena. Requisitos da entidade e dos beneficiarios

Os requisitos que debe cumprir e facer cumprir a entidade colaboradora nas diferentes fases do procedemento de xestión das subvencións son os que se especifican nos artigos 9.1 e 9.3, das bases reguladoras das axudas.

Décima. Xustificación das subvencións

Os beneficiarios xustificarán as subvencións, a través da entidade colaboradora, nos prazos e na forma prevista no artigo 27 e 28 das bases reguladoras das axudas.

Undécima. Causas de resolución

Son causas de resolución de este convenio entre o Inega e a entidade colaboradora, o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas súas cláusulas, no articulado das bases reguladoras das axudas, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes en curso, así como a falsidade ou inexactitude nos datos e documentos presentados polas entidades colaboradoras.

Décimo segunda. Incumprimento

Se no curso das verificacións que realizará o Inega se detecta que a entidade colaboradora incumpre algunha das condicións establecidas na normativa de aplicación, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios.

Décimo terceira. Natureza administrativa

O presente convenio ten natureza administrativa, quedando fóra do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público; sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da devandita lei para resolver as dúbidas ou lagoas que se puidesen presentar. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativo.

Décimo cuarta. Normativa reguladora especial

Para todo o non previsto neste convenio, observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Así como no resto das normas xerais do procedemento administrativo.

(Sinatura)

Pablo Fernández Vila

Director do Inega

(Sinatura)

Pola entidade colaboradora

Representante legal de ________

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file