DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 7 de febreiro de 2024 Páx. 11499

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de xaneiro de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 23 de xaneiro de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Abeleira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Abeleira, no concello de Beariz.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Abeleira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) da Abeleira, no concello de Beariz, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022 a CMVMC da Abeleira presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2390998) de revisión parcial de esbozo do MVMC de Abeleira, no concello de Beariz.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da asemblea xeral do 6.3.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 26 de abril de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares. Non se modifican os límites con montes veciñais estremeiros.

A superficie do MVMC de Abeleira, unha vez revisado o esbozo, resulta de 128,90 ha fronte ás 119 ha previas (101 ha da clasificación e 18 ha sumadas tras o deslindamento co MVMC de Alén), o que supón un aumento dun 8 %. Esta superficie resulta tendo en conta o perímetro pechado unindo a zona non revisada cunha liña provisional.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC de Abeleira.

Consideración legal e técnica:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándose e completándose con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 26 de abril de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 11 de decembro de 2023:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC de Abeleira, pertencente á CMVMC da Abeleira, no concello de Beariz.

Ourense, 23 de xaneiro de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense