BDNS (Identif.): 742135.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade. No caso de federacións de comunidades e/ou entidades, deben contar con local social diferenciado do das entidades asociadas.
2. Para os efectos do previsto no artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dada a natureza das subvencións reguladas nesta convocatoria e que as beneficiarias son entidades galegas sen fins de lucro, quedan exceptuadas da prohibición de recibir as ditas axudas as entidades que teñan a residencia fiscal nos territorios identificados regulamentariamente como paraísos fiscais, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á condición de beneficiarias da subvención de que se trate.
Segundo. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, ás entidades galegas no exterior, para a realización dos seguintes programas (código de procedemento PR924C):
– Programa A. Axudas para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural.
– Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.
2. Así mesmo, ten por obxecto convocar as ditas subvencións para o ano 2024.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 29 de decembro de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR924C).
Cuarto. Importe
Para a concesión das subvencións previstas nesta resolución destinarase un crédito total de 635.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 04.30.312C.781.0 –axudas para conservación, obras, equipamentos e infraestrutura das súas instalacións–, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024. Excepcionalmente, poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles nas circunstancias sinaladas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración