DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 2 de febreiro de 2024 Páx. 10337

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

EXTRACTO da Orde do 22 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR670B).

BDNS (Identif.): 741593.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a creación de superficies forestais en terras non agrícolas e proceder á súa convocatoria para o ano 2024, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento administrativo MR670B).

2. Estas axudas ampáranse nos artigos 21.1 e 22 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello (DOUE 20.12.2013, L347), e tramítanse ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 aprobado pola Decisión de execución da Comisión C (2015) 8144, do 18 de novembro de 2015, e modificado, por última vez, mediante a Decisión de execución da Comisión C (2023) 1540 final, do 28 de xaneiro de 2023.

Segundo. Bases reguladoras

Orde do 22 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a creación de superficies forestais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento MR670B).

Terceiro. Importe

1. As accións previstas nesta orde financiaranse, nos exercicios 2024 e 2025, con cargo aos seguintes códigos de proxecto:

a) Código de proxecto 14.03.713B.770.0.2016 00207 por un importe de 1.379.520 euros (137.952 euros no ano 2024 e 1.241.568 euros no ano 2025). Este crédito destinarase ás axudas solicitadas por todo tipo de beneficiarios recollidos nesta orde, excepto entidades locais.

Resérvanse 260.000,00 € para solicitudes que se foresten nos terreos cuxa superficie estea ocupada na súa totalidade por eucalipto (Eucalyptus sp.) con diámetro normal medio inferior a 10 cm, por acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) e/ou falsa acacia (Robinia pseudoacacia), por masas mixtas de coníferas, frondosas e matogueira, con diámetro normal medio conxunto inferior aos 10 cm, en que a superficie ocupada pola especie dominante non supere o 60 % da superficie total ou superficies que, conforme as alíneas c), d), e), g), h), i) e j) do anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, poden plantarse con frondosas do anexo I da Lei 7/2012. No caso de que os ditos expedientes non cubran o dito importe, o remanente dedicarase ao resto de solicitudes.

b) Código de proxecto 14.03.713B.760.0.2016 00207 por un importe de 153.280 euros (15.328 euros para o ano 2024 e 137.952 euros para o ano 2025). Este crédito destinarase ás axudas solicitadas polas entidades locais.

Resérvanse 20.000,00 € para solicitudes que se foresten nos terreos cuxa superficie estea ocupada na súa totalidade por eucalipto (Eucalyptus sp.) con diámetro normal medio inferior a 10 cm, por acacia negra (Acacia melanoxylon), mimosa (Acacia dealbata) e/ou falsa acacia (Robinia pseudoacacia), por masas mixtas de coníferas, frondosas e matogueira, con diámetro normal medio conxunto inferior aos 10 cm, en que a superficie ocupada pola especie dominante non supere o 60 % da superficie total ou superficies que, conforme as alíneas c), d), e), g), h), i) e j) do anexo II da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, poden plantarse con frondosas do anexo I da Lei 7/2012. No caso de que os ditos expedientes non cubran o dito importe, o remanente dedicarase ao resto de solicitudes.

2. Este orzamento pode verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias. A Consellería do Medio Rural poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta orde, cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

3. Estas axudas financiaranse con cargo ao Programa de desenvolvemento rural de Galicia, cunha achega do Feader do 75 %, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación do 7,5 % e da Xunta de Galicia do 17,5 %.

Cómpre indicar, no que respecta ao Fondo Europeo Feader, que no período 2023-2025 conviven dous programas (PDR e PEPAC), e que existen actualmente importes programados no PEPAC para actuacións equivalentes e cos mesmos obxectivos que os recollidos nesta submedida do PDR.

Cuarto. Actuacións obxecto de axuda

As axudas obxecto de subvención son as seguintes:

a) Axudas para a creación de superficies forestais con especies do anexo VIII desta orde (coníferas).

b) Axudas para a creación de superficies forestais con especies do anexo IX desta orde (frondosas).

Quinto. Entidades beneficiarias

1. Serán beneficiarios as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos obxecto de axuda, entendendo por titulares tanto propietarios como arrendatarios ou xestores.

2. Os beneficiarios deben cumprir os requisitos establecidos nos artigos 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As CMVMC para poder acceder a estas subvencións deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e cumprir co disposto no artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, como moi tarde o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

4. As Sofor deberán ter a inscrición definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal, como moi tarde, o día en que remate o prazo de solicitude da axuda.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural