DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 1 de febreiro de 2024 Páx. 9934

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 11 de xaneiro de 2024 pola que se convoca o concurso Eduemprende Idea 2024, dirixido ao alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos (código de procedemento TR880C).

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, ten a función de impulsar e coordinar o emprego xuvenil e fomentar o emprendemento no eido educativo nas súas distintas modalidades, en coordinación coa consellería competente en materia de educación; así se recolle no artigo 26 do Decreto 123/2022, do 23 de xuño de 2022, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

En virtude desta competencia, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade convoca o concurso Eduemprende Idea 2024 no marco do Plan de emprendemento no Sistema educativo de Galicia, Eduemprende, mediante o que pretende valorar e premiar proxectos de empresa que presente o alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

As necesidades da sociedade e os cambios na concepción actual dos procesos de ensino-aprendizaxe precisan que o sistema educativo fomente como obxectivo estratéxico a implantación na comunidade educativa dunha cultura emprendedora para mellorar a competitividade das nosas empresas e a posibilidade de emprego do alumnado galego.

Neste sentido, o Plan de emprendemento do Sistema educativo de Galicia, Eduemprende, posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, xunto coa consellería competente en materia de Emprendemento, pretende sensibilizar a toda a comunidade educativa e favorecer a introdución do espírito emprendedor no alumnado, proporcionando os medios e instrumentos necesarios para conseguilo.

Entre as accións desenvolvidas dentro deste plan atópase o programa Eduemprende Idea, enmarcado na colaboración establecida entre a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para o desenvolvemento de actuacións conxuntas a favor do impulso do espírito emprendedor.

Os premios regulados nesta orde outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

Esta orde ten por obxecto convocar o concurso Eduemprende Idea 2024, co fin de promover a realización de proxectos empresariais por parte do alumnado das ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderá participar nesta convocatoria o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

1. Ter estado matriculado durante o curso 2023/24 nas ensinanzas de formación profesional, deportivas ou de artes plásticas e deseño da Comunidade Autónoma de Galicia sostidas con fondos públicos.

2. A participación terá que ser en grupo, formado por un mínimo de dúas persoas e un máximo de catro, que terán igualmente a consideración de beneficiarias. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única co poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponden á agrupación.

3. As persoas participantes deben cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiarias, de acordo co artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o indica o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 3. Modalidades, características e dotación económica dos premios

Premiaranse os tres mellores proxectos de empresa de cada modalidade.

1. Modalidade A: ciclos de grao superior.

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

– Asesoramento técnico da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

– Dotación económica:

1º premio: 3.000 €.

2º premio: 2.000 €.

3º premio: 1.000 €.

O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.

2. Modalidade B: ciclos de grao medio.

– Incorporación a un viveiro de empresa da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

– Asesoramento técnico da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego a través da Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego.

– Dotación económica:

1º premio: 3.000 €.

2º premio: 2.000 €.

3º premio: 1.000 €.

O importe do premio estará suxeito ás retencións fiscais que legalmente correspondan.

Artigo 4. Orzamento e concorrencia con outras axudas ou subvencións públicas

O importe total destinado para esta convocatoria será de 12.000 € (doce mil euros) con cargo aos recursos de fondos propios asignados á Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, aplicación orzamentaria 13.31.322C.480.0, código de proxecto 2024 00084, consignados na Lei 9/2023, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Artigo 5. Prazo e lugar de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de maio de 2024.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Dado o nivel educativo en que se atopan as persoas candidatas e a posibilidade de utilizar os recursos de que dispón o centro de ensino a que pertencen, queda acreditado que teñen acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios, polo que a única vía de presentación da solicitude de axuda será a electrónica.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que se realizou a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II. Ficha de persoas participantes en Eduemprende Idea (unha por cada participante).

b) Anexo III. Proxecto empresarial de Eduemprende Idea.

c) Vídeo de presentación do proxecto. No caso de non poder achegar o vídeo polo tamaño do arquivo, poderá achegarse un documento no cal se recolla un enderezo web onde poder ver e/ou descargar o vídeo.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 7. Requisitos xerais dos materiais e recursos dixitais

1. Requisitos de forma.

a) Os traballos serán orixinais e inéditos.

b) Os materiais non incluirán publicidade de empresas, produtos nin servizos comerciais.

2. Requisitos técnicos.

a) Os materiais e recursos dixitais terán que visualizarse correctamente nas últimas versións dos navegadores máis comúns. Deben funcionar sen necesidade de instalar ningún plugin específico nun navegador.

b) Os materiais estarán realizados con tecnoloxía que permita a súa visualización cun navegador estándar sobre distintos sistemas operativos, libres e propietarios, e poderán ser executados en local.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán realizarse electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumental do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, esta practicarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE das persoas participantes.

c) DNI ou NIE da persoa representante da persoa solicitante.

d) DNI ou NIE da persoa representante da persoa participante.

e) Certificado de que a persoa solicitante e a persoa participante están ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de que a persoa solicitante e a persoa participante están ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Administración estatal tributaria (AEAT).

g) Certificado de que a persoa solicitante e a persoa participante están ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Administración tributaria de Galicia (Atriga).

h) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións da persoa participante e da persoa solicitante.

i) Consulta de subvencións e axudas da persoa solicitante e da persoa participante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) ou na ficha de persoas participantes (anexo II), segundo o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 11. Comisión de Avaliación

1. O exame e a avaliación dos proxectos, así como a conseguinte proposta de concesión dos premios serán realizados por unha Comisión de Avaliación, que estará integrada por:

– Dúas persoas representantes da Dirección Xeral de Formación Profesional.

– Dúas persoas representantes da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego.

Actuará como secretario/a un dos membros da Comisión e redactará unha acta de cada sesión que teña lugar. A Comisión elixirá, de entre os seus membros, a persoa que exerza a presidencia.

2. As funcións da Comisión de Avaliación son:

– Avaliar os proxectos presentados.

– Facer unha proposta de concesión dos premios á Dirección Xeral de Formación Profesional.

3. A Comisión de Avaliación axustarase, en canto ao seu funcionamento, ao previsto na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 12. Criterios de avaliación

A Comisión de Avaliación terá en conta os seguintes criterios á hora de determinar os premios en cada unha das dúas modalidades de proxectos presentados:

a) A súa viabilidade técnica e legal (máximo 10 puntos).

Avaliarase, respecto da actividade proposta, o acceso aos recursos (materiais, humanos e tecnolóxicos), o coñecemento e dominio do proceso produtivo e o coñecemento e acreditación do cumprimento da normativa.

b) A súa viabilidade comercial (máximo 15 puntos).

Avaliarase, respecto da actividade proposta, o coñecemento e a posibilidade de acceso ao mercado obxectivo.

c) A súa viabilidade financeira (máximo 15 puntos).

Avaliarase, respecto da actividade proposta, a capacidade para acadar e xerar os recursos financeiros precisos para a súa posta en marcha e funcionamento sustentable posterior.

d) A coherencia e carácter innovador do plan de negocio (máximo 15 puntos).

Avaliaranse o grao de innovación da iniciativa, o equilibrio no desenvolvemento dos contidos e a congruencia entre os diferentes puntos do plan de negocio.

e) Creación de emprego (máximo 15 puntos).

Avaliarase en función do volume de emprego que se cree, incluídos as persoas promotoras do proxecto, a razón de 3 puntos por cada emprego creado.

f) A capacidade do equipo promotor para levalo adiante (máximo 15 puntos).

Avaliarase en función dos perfís do equipo promotor (formación, experiencia profesional e empresarial, grao de implicación no proxecto) e a súa complementariedade.

g) A eficiencia na presentación dos contidos e a súa exposición oral sintética presentada (elevator pitch) (máximo 15 puntos).

Avaliarase a capacidade para comunicar a idea de negocio, a claridade expositiva, o atractivo do soporte e a capacidade de xerar interese.

No caso de empate nas puntuacións, para desempatar terase en conta a maior puntuación obtida nos criterios a, b, c, d, e, f e g, por esa orde.

Artigo 13. Instrución do procedemento

1. O órgano instrutor deste procedemento é a Subdirección Xeral de Emprendemento da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego que se encargará de comprobar que as solicitudes e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde. No suposto de que observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, e atendendo ao disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá a persoa interesada para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días. Se non o fixer, terase por desistida da súa solicitude, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21, en relación co artigo 68, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Poderase requirir das persoas interesadas aquela información e documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados.

3. A persoa titular da Subdirección Xeral de Emprendemento elevará a proposta de resolución, redactada conforme as puntuacións outorgadas pola Comisión de Avaliación, á persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, que resolverá o procedemento por delegación da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade.

Artigo 14 Resolución e recursos

1. A Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego será o órgano competente para conceder os premios recollidos nesta convocatoria, por delegación da persoa titular da Consellería de Promoción del Emprego e Igualdade.

2. A resolución será notificada ás persoas beneficiarias e publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web https://empregoeigualdade.xunta.gal

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución deste procedemento será dun mes, contado desde o día seguinte ao do remate do prazo de solicitude, e a solicitude de concesión da axuda poderase entender desestimada por silencio administrativo.

3. A resolución que se dite neste procedemento esgota a vía administrativa. As persoas interesadas poderán interpor:

– Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde a notificación, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

– Potestativamente, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 15. Pagamento dos premios

O pagamento do importe correspondente aos premios farase con base no seguinte procedemento:

1. Cada proxecto de empresa recibirá, como máximo, un premio.

2. A dotación económica do premio, dividida entre o número de participantes no proxecto, será transferida ás contas bancarias que figuran no anexo I e no anexo II, nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico 2024.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Modificación da resolución e reintegro

1. De acordo co establecido no artigo 14.1.m) da devandita Lei 9/2007, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O incumprimento total ou parcial por parte da persoa beneficiaria de calquera das condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación do premio e do reintegro, total ou parcial, das cantidades percibidas, xunto cos xuros de demora que poidan corresponder en cada caso, en aplicación do disposto nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias do premio teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lles competen, segundo dispón o artigo 14.1.k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No anexo I, a persoa beneficiaria debe facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta, na cal que se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

3. No anexo II, as persoas participantes no mesmo proxecto deben facilitar a titularidade dunha conta bancaria con 24 díxitos e declarar acerca da veracidade dos datos relativos á dita conta, na cal se ingresará, mediante transferencia bancaria, a dotación do premio, no caso de obtelo. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que legalmente correspondan.

4. A persoa beneficiaria ten a obriga de reintegro, total ou parcial, do premio ou da axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, tal como indican os artigos 14.j) e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Para os efectos do artigo 31.7 da Lei 9/2007, utilizarase a declaración responsable recollida no anexo I desta orde, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 18. Compatibilidade

Estes premios serán compatibles con outras axudas, procedentes de calquera outra Administración ou de entes públicos ou privados, galegos, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sen prexuízo da obriga de comunicar a súa obtención ao órgano que concede estes premios.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no artigo 4 da citada lei.

Artigo 20. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase a seguinte normativa:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

c) No que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

d) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais; Regulamento (EU) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos e Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de seguridade no ámbito da Administración electrónica).

e) O resto da normativa que resulte de aplicación.

Disposición adicional primeira. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias destes premios quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde; para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente cobradas, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería, segundo o establecido no artigo 6 da Orde do 29 de setembro de 2021 sobre delegación de competencias en diversos órganos desta consellería.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Réxime de recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpor directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo prevé o artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2024

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file