DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 1 de febreiro de 2024 Páx. 9864

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2024 pola que se dá publicidade da prórroga da vixencia da encarga á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado, da execución da obra de reforma da zona de consultas externas do Hospital Comarcal de Valdeorras (Ourense).

De conformidade co previsto no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de setembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e no artigo 16 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, dáse publicidade da prórroga que presenta as seguintes características:

I. Mediante a Resolución do 19 de xullo de 2022 (feita pública no DOG nº 155, do 17 de agosto), encargóuselle á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado e servizo técnico, a execución da obra de reforma da zona de consultas externas do Hospital Comarcal de Valdeorras (Ourense).

II. Por escrito do 5 de xullo de 2023, asinado polo representante de Tragsa e polos directores de obra e de execución, solicitouse unha prórroga ata o 31 de decembro de 2023, debido á necesidade de realizar unha modificación do proxecto inicial para implementar as modificacións necesarias para que a fase 1 e a fase 2 da encarga conten con instalacións de electricidade, iluminación, megafonía, climatización, detección de incendios, voz e datos que se axusten ás necesidades actuais do hospital e á normativa vixente, modificación que ineludiblemente alterou os prazos de execución das obras.

III. Mediante a Resolución do 18 de xullo de 2023 prorrogouse a dita encarga ata o 31 de decembro de 2023.

IV. Con data do 13 de decembro de 2023 dítase resolución pola que se autoriza a redacción da modificación.

V. Con data do 13 de decembro de 2023 foi presentado ante o Servizo Galego de Saúde o proxecto modificado, estando pendente de aprobación.

VI. A través do escrito do 18 de decembro de 2023, asinado polo representante de Tragsa e polos directores de obra e de execución, solicítase unha prórroga de 31 días no prazo de execución, ata o 31 de xaneiro de 2024, e ata a aprobación da modificación e concesión de prórroga definitiva, ata o 30 de xuño de 2024.

VII. En vista destas circunstancias, a Resolución do 28 de decembro de 2023 prorroga ata o vindeiro 30 de xuño de 2024 a vixencia da encarga á empresa pública Empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa), como medio propio personificado e servizo técnico, da execución da obra de reforma da zona de consultas externas do Hospital Comarcal de Valdeorras (Ourense), e mantén inalteradas o resto das condicións previstas para a encarga na Resolución do 19 de xullo de 2022.

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2024

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade