DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2024 Páx. 9522

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Cultura, pola que se dá publicidade á imaxe gráfica da Rede de bibliotecas de Galicia.

A Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, define o Sistema galego de bibliotecas como o conxunto de órganos, medios, redes e servizos bibliotecarios existentes en Galicia que, mediante relacións de cooperación e coordinación, actúan conxuntamente para fornecer servizos bibliotecarios de calidade en beneficio da sociedade galega.

No seu artigo 7, establece que a dirección e a coordinación do Sistema galego de bibliotecas serán exercidas pola consellería competente en materia de bibliotecas a través do centro directivo competente nesta materia. O Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, no seu artigo 15, atribúelle esta competencia á Dirección Xeral de Cultura.

Dentro deste marco, a Lei de bibliotecas de Galicia define a Rede de bibliotecas públicas de Galicia como o conxunto organizado de bibliotecas e servizos bibliotecarios públicos de Galicia para o desenvolvemento e a planificación da oferta bibliotecaria pública, e regula a composición e forma de integración nela. Na actualidade, forman parte da Rede de bibliotecas públicas de Galicia 302 bibliotecas, entre as cales se atopan as xestionadas directamente pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e, maioritariamente, as que dependen dos concellos ao longo de toda a xeografía galega.

A lei prevé a existencia dunha imaxe corporativa común para toda a Rede, cuxa aprobación lle corresponde ao órgano administrativo de dirección e coordinación do Sistema Galego de Bibliotecas. A imaxe da Rede, que identifica e dá coherencia a este sistema organizado de centros e servizos bibliotecarios, permite tamén visibilizar o carné único, que posibilita que cada titular de carné dunha biblioteca poida facer uso dos servizos de calquera outra biblioteca da Rede.

Transcorridos varios anos desde a implantación da actual imaxe da Rede de bibliotecas de Galicia, é aconsellable renovala en liña coa imaxe corporativa da Administración da Comunidade Autónoma, aprobada polo Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, dotándoa dun deseño máis sinxelo e actual, que serva como elemento distintivo da pertenza á rede e resulte facilmente recoñecible pola cidadanía.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a imaxe corporativa da Rede de bibliotecas de Galicia e do carné único da Rede, que se recollen nos anexos I e II respectivamente.

Segundo. Dar publicidade ao Manual de identidade da Rede de bibliotecas de Galicia, que se publicará no portal web rbgalicia.xunta.gal

Terceiro. Todas as bibliotecas integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia deberán ter instalado nun lugar visible da súa entrada o distintivo da rede de acordo coa súa imaxe corporativa.

Cuarto. Aquelas bibliotecas integradas na rede que estean incorporadas ao sistema de xestión bibliotecario único fornecido pola Xunta de Galicia deberán empregar o modelo de carné único da Rede.

A entidade titular ou xestora da biblioteca poderá personalizar o carné engadindo no anverso a identificación da biblioteca e o escudo, logotipo ou marca da entidade da que depende. O tamaño e as características destes elementos de personalización deberán axustarse ao establecido no Manual de identidade.

Quinto. Por razóns de economía e control do gasto, as bibliotecas poderán seguir utilizando as existencias de carnés cos que conten na data de publicación desta resolución. Con independencia do anterior, a imaxe corporativa institucional aplicarase sempre que se proceda á adquisición, reposición ou reedición de calquera elemento que deba exhibila.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2023

Anxo M. Lorenzo Suárez
Director xeral de Cultura

ANEXO I

Imaxe corporativa da Rede de bibliotecas de Galicia

Identificador principal

Identificador en negro

Identificador en negativo

ANEXO II

Imaxe do carné único da Rede de bibliotecas públicas de Galicia

missing image file

Anverso

Reverso

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file