DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2024 Páx. 9695

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 29 de decembro de 2023 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan catro bolsas de formación de persoal auxiliar en materia de investigación mariña, tramitado como expediente anticipado de gasto (código de procedemento PE609B).

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxectivo xeral o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, así como o Plan de investigación e innovación de Galicia 2022-2024, que concreta desde un punto de vista operativo este marco estratéxico.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos que articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.

Neste contexto, o primeiro reto da RIS3 consiste en desenvolver un modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación, modernizando os sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e o rendemento no uso de recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, agrarias, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais. En relación con este reto, unha prioridade é desenvolver diferentes solucións científico-tecnolóxicas e de innovación para avanzar na descarbonización das cadeas de valor e na sostibilidade dos recursos naturais e patrimoniais de Galicia.

Os instrumentos, apoios e actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. O obxectivo estratéxico 4 busca asegurar as capacidades das persoas.

Polo exposto anteriormente, a presente convocatoria enmárcase na RIS3 respondeao reto 1 (Modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseados na innovación) a través da prioridade 1 (sostibilidade). Ten como obxectivo estratéxico asegurar as capacidades das persoas (obxectivo estratéxico 4) e intégrase, polo tanto, no programa Persoas e talento.

O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 58, do 26 de marzo), atribúelle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro as funcións en materia de investigación mariña, que desenvolverá en coordinación coa consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

A Consellería do Mar, dentro da súa estrutura orgánica e dependendo funcionalmente da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, conta co Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) como organismo público autonómico de investigación non universitario de Galicia. Este centro está estruturado nas áreas de acuicultura, de patoloxía de moluscos, de procesos oceanográficos costeiros e de recursos mariños, e conta cunha ampla experiencia en completar a formación de persoal auxiliar en investigación mariña procedente da formación profesional.

Tendo en conta este marco e a importancia da investigación científica e a formación en ciencias mariñas no desenvolvemento económico de Galicia, nesta orde convócanse de bolsas para que técnicos/as de ciclos formativos de grao superior poidan completar a súa formación como persoal auxiliar de investigación mariña garantindo a oportunidade de participar en experiencias e programas específicos de investigación e facilitándolles unha preparación práctica cualificada, que é de probada utilidade para a súa inserción posterior na vida laboral.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas para completar a formación de técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior como persoal auxiliar de investigación mariña, así como convocar catro bolsas en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva para os anos 2024, 2025 e 2026 (código de procedemento administrativo PE609B).

Artigo 2. Normativa aplicable

Para o outorgamento e execución destas bolsas atenderase ao disposto nas bases reguladoras establecidas nesta orde, así como nas normas seguintes:

a) Preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas súas posteriores modificacións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico das administracións públicas.

g) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

h) Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 3. Financiamento

1. A dotación desta convocatoria, que ten carácter plurianual, é de noventa e catro mil oitenta euros (94.080,00 €), distribuídos como segue:

– Para o pagamento das bolsas destinarase un importe total de oitenta e seis mil catrocentos euros (86.400,00 €), con cargo á partida orzamentaria 15.03.561A.480.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2024 (36.000,00 €), 2025 (43.200,00 €) e 2026 (7.200,00 €).

– Para as cotizacións á Seguridade Social destinarase un importe total de sete mil seiscentos oitenta euros (7.680,00 €), con cargo á partida orzamentaria 15.03.561A.484.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2024 (3.200,00 €), 2025 (3.840,00 €) e 2026 (640,00 €). Para o cálculo deste importe aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos de formación e aprendizaxe, tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2023, máis unha cantidade adicional destinada a posibles incrementos do importe da cota por regularizacións ou altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.

2. Este expediente tramítase ao abeiro do artigo 25.1.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como expediente anticipado de gasto, posto que existe crédito axeitado e suficiente no proxecto de orzamentos da Comunidade Autónoma para o exercicio 2024, aprobado polo Consello da Xunta o 18 de outubro de 2023. Na súa virtude, e de conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

Artigo 4. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1. Estar en posesión da seguinte titulación:

– Denominación: técnico superior en Acuicultura.

– Nivel: formación profesional de grao superior.

– Familia profesional: Marítimo-Pesqueira.

As persoas solicitantes deberán estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

Os estudos conducentes á obtención do título deberán terse rematado dentro dos seis anos anteriores á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea ou ser persoa estranxeira con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Non estar incapacitado/a fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

4. Non ter sido persoa beneficiaria destas bolsas ou outras similares en anteriores convocatorias desta dirección xeral, excepto que no conxunto das convocatorias anteriores gozasen da bolsa por un período de tempo non superior a 5 meses.

5. Ter cursado os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

6. Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de iniciación ou Celga 3.

Artigo 5. Condicións e incompatibilidades

1. As persoas adxudicatarias adquiren exclusivamente a condición de bolseiras, coas obrigas e dereitos delas e conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo co órgano convocante nin coas entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. A percepción destas bolsas é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institucións ou entes públicos, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatuaria das persoas interesadas.

Artigo 6. Características das bolsas

1. O número de bolsas será de catro, que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 12 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración de dous anos a partir da data de incorporación que se estableza na resolución de concesión e sen posibilidade de prórroga.

3. As bolsas realizaranse no Centro de Investigacións Mariñas de Corón (Vilanova de Arousa) e no Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo, e distribuiranse do seguinte xeito:

Centro

Nº de bolsas

Centro de Investigacións Mariñas de Corón (Vilanova de Arousa)

1 bolsa

Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo

3 bolsas

4. O importe bruto mensual de cada bolsa será de novecentos euros (900,00 €).

5. De conformidade co disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, as persoas bolseiras estarán incluídas no réxime xeral da Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.

Artigo 7. Presentación das solicitudes e prazo

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, que se incorpora como anexo I a esta orde, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, sita na rúa Irmandiños, s/n, Salgueiriños, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, xunto cun índice, e irá ordenada segundo se indica:

a) Certificación académica completa dos estudos realizados, con detalle das materias cursadas e das cualificacións obtidas, en que conste a nota media do expediente académico da titulación.

b) Xustificación do pagamento dos dereitos de expedición, no caso de non ter o título académico de formación profesional de grao superior correspondente.

c) Poder de representación da persoa representante, de ser o caso. A representación acreditarase por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Curriculum vitae da persoa solicitante, acompañado dos documentos acreditativos dos méritos alegados (debidamente relacionados e paxinados). Non serán computables aqueles méritos alegados que non estean convenientemente xustificados.

e) Certificado de Celga 3 ou equivalente, no caso de non estar expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Serán causas de exclusión a demostración da falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais e a incorrección na documentación presentada.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, se for o caso.

c) Verificación de títulos oficiais non universitarios.

d) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Certificado de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Condición de persoa bolseira.

h) Certificado do Celga 3 ou equivalente, expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

i) Concesións de subvencións e axudas.

j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Concesións pola regra de minimis.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente: o certificado de residencia con data da última variación do padrón da persoa solicitante, no caso de persoas estranxeiras.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 10. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se realicen ou se deixen de realizar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel e, efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas realizaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación realizada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permítelles ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Criterios de valoración

1. Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

1º. Expediente académico: máximo 4 puntos. Puntuarase de acordo co seguinte baremo, aplicándose a fórmula [nº de puntos/(nº de materias + nº de convocatorias)]:

– Sobresaliente: 4 puntos.

– Notable: 3 puntos.

– Ben: 2 puntos.

– Aprobado: 1 punto.

– Suspenso: 0 puntos.

2º. Curriculum vitae: máximo 2 puntos.

Valoraranse:

a) Cursos ou formación regrada ou non regrada en materia marítimo-pesqueira axeitada para o desenvolvemento da bolsa: ata 0,5 puntos.

Os cursos puntuaranse con 0,2 puntos por cada 10 horas de formación.

Non se valorarán as titulacións requiridas para a participación nesta convocatoria nin aquelas titulacións que permitiron o acceso aos estudos necesarios para a obtención da titulación.

Non se valorarán aqueles cursos ou títulos para a realización de actividades deportivas ou de lecer.

b) Cursos de idiomas: ata 0,80 puntos.

1) Lingua Galega, seguindo os criterios da Orde do 10 de febreiro de 2014, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) (DOG núm. 34, do 19 de febreiro de 2014).

– Celga 4 ou aqueles certificados que sexan validables por este nivel: 0,15 puntos.

2) Linguas estranxeiras: tómase como referencia o MCERL (Marco común europeo de referencia para as linguas do Consello de Europa) e o Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro (BOE do 23 de decembro de 2017).

– Lingua inglesa:

– Polo certificado de nivel básico A2: 0,10 puntos.

– Polo certificado de nivel intermedio B1: 0,15 puntos.

– Polo certificado de nivel intermedio B2: 0,30 puntos.

– Polo certificado de nivel avanzado C1: 0,40 puntos.

– Polo certificado de nivel avanzado C2: 0,50 puntos.

– Outros idiomas: polo certificado de nivel intermedio B2 ou superior: 0,15 puntos por cada lingua.

Só se valorará o certificado correspondente ao maior nivel acreditado pola persoa candidata.

c) Cursos de informática con aproveitamento (mínimo 30 horas): ata 0,50 puntos.

– Entre 30 a 50 horas: 0,10 puntos.

– Entre 51 a 100 horas: 0,20 puntos.

– Máis de 100 horas: 0,30 puntos.

d) Permiso de condución de vehículos clase B: 0,20 puntos.

2. Só se valorarán aqueles méritos acreditados documentalmente pola persoa solicitante e acompañados á súa solicitude. A puntuación final obterase da suma do expediente e do curriculum vitae.

3. No caso de que cos criterios enunciados anteriormente exista igualdade de puntuación, terán prioridade as persoas solicitantes que acrediten unha maior cualificación final no expediente académico do ciclo formativo. De persistir aquel, atenderase á data de finalización dos estudos de formación profesional de grao superior requiridos nesta orde, e darase preferencia á data máis recente. Finalmente, se aínda persistise o empate, as solicitudes ordenaranse por orde alfabética segundo o primeiro apelido da persoa solicitante, a partir da letra resultante no último sorteo realizado a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As persoas candidatas serán ordenadas por orde decrecente da puntuación obtida e as bolsas adxudicaranse ás persoas candidatas que acaden maior puntuación.

5. A comisión elaborará unha lista de suplentes por orde decrecente de puntuación, na cal figurarán as persoas solicitantes que, cumprindo os requisitos, non acadaron puntuación suficiente para ser adxudicatarias de bolsa.

Artigo 13. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para instruír o procedemento será o Servizo de Coordinación e Apoio á Xestión da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. O órgano instrutor comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas. Sinalaranse, se é o caso, as causas de exclusión, na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo www.mar.xunta.gal

A lista permanecerá exposta durante dez días e as persoas interesadas poderán, durante ese prazo, emendar erros e falta de documentación ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Achegarán, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, procederase conforme o establecido no artigo 68 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez completados os expedientes, remitiranse á Comisión de Valoración constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará, logo de aplicar os criterios indicados no artigo 12.

3. Comisión de Valoración.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión, que estará integrada por:

– Presidente/a: a persoa que ocupe a dirección do CIMA.

Suplente do/da presidente/a: a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico.

– Secretario/a: actuará como tal un dos membros da Comisión de Valoración.

– Vogais: serán catro persoas designadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro entre o persoal funcionario da Consellería do Mar pertencente ao grupo A1.

4. A Comisión de Valoración considerarase constituída cando asista o/a presidente/a ou a persoa que figura como suplente e dúas das persoas que sexan designadas como vogais. De acordo co recollido no artigo 21 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a Comisión de Valoración poderá realizar sesións mediante videoconferencia ou outros medios electrónicos válidos para estes efectos.

5. Logo de avaliar as solicitudes presentadas, a Comisión de Valoración elevaralle ao órgano instrutor a relación coas catro persoas propostas e a relación de suplentes, segundo a orde de prelación acadada de acordo cos criterios de valoración fixados no artigo 12. Tal órgano instrutor fará chegar a correspondente proposta de adxudicación e a listaxe de suplentes á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, quen resolverá, por delegación do conselleiro do Mar, a concesión das bolsas. Na dita resolución figurará unha persoa beneficiaria por cada bolsa, así como unha relación de suplentes con todas as persoas solicitantes admitidas, de maior a menor puntuación, para cubrir as vacantes que se poidan producir. Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.

6. Esta resolución farase pública para os efectos de notificación ás persoas interesadas, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo www.mar.xunta.gal

Esta publicación substituirá á notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da devandita lei, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Aceptación da bolsa

1. Dentro dos dez días naturais seguintes á publicación da resolución de concesión na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo www.mar.xunta.gal, as persoas beneficiarias das bolsas deberán comunicar a súa aceptación ou renuncia mediante un documento asinado. No caso de comunicar a súa aceptación, a persoa beneficiaria da bolsa deberá comprometerse a cumprir todas as condicións recollidas nas presentes bases. De non facelo no prazo indicado, considerarase tacitamente aceptada a bolsa e as condicións recollidas nestas bases, de conformidade co artigo 21.5, parágrafo segundo, da Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo de achegar a documentación sinalada nos números 2 e 3 deste artigo.

2. Así mesmo, coa aceptación da bolsa, as persoas beneficiarias presentarán declaración responsable en que conste que non goza doutro tipo de bolsa ou axuda financiada por calquera Administración, institucións ou entes públicos, así como que non percibe soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatuaria.

3. Coa aceptación da bolsa as persoas beneficiarias tamén presentarán certificación médica acreditativa de non estar incapacitadas fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas.

4. As persoas beneficiarias elixirán o centro de realización da bolsa segundo a orde de prelación establecida na lista elaborada pola Comisión de Valoración, de acordo co establecido no artigo 12.4.

5. De non comparecer no centro de destino no prazo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro realizará o chamamento de suplentes para cubriren estas prazas.

6. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 16. Pagamento das bolsas e xustificación

1. As bolsas aboaranse mensualmente, por mensualidades completas ou fracción proporcional ao tempo do gozo, para os casos en que a persoa inicie ou remate a súa relación en data que non coincida co primeiro ou co derradeiro día de cada mes respectivamente. É necesario, para realizar o pagamento mensual, que o/a director/a do CIMA certifique a actividade das persoas bolseiras.

2. O pagamento da última mensualidade quedará pendente ata que a persoa beneficiaria presente a memoria final que resuma a actividade realizada por esta durante todo o período de aproveitamento da bolsa, co visto e prace do titor/a da formación, así como dunha declaración de todas as bolsas concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes, ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades durante o período de gozo da concedida ao abeiro desta orde. O prazo máximo para presentar o informe final coa memoria das actividades será entre o primeiro día e o último día hábil do mes do remate da vixencia da bolsa.

Artigo 17. Obrigas das persoas bolseiras

As persoas beneficiarias das bolsas terán as seguintes obrigas:

a) Desempeñar as actividades de formación e de colaboración en relación coas tarefas das áreas a que se adscriban.

b) Manter unha actitude participativa, de colaboración e respectuosa co persoal do centro, sen obstrución das tarefas encomendadas nos diferentes servizos. Respectarán os horarios, normas e disciplina do centro onde desenvolven a súa formación.

c) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos.

d) Subministrarlle á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, así como facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Artigo 18. Desenvolvemento das bolsas

1. Coa finalidade de facilitar o seu proceso de formación, as persoas bolseiras contarán co asesoramento, orientación e dirección dun/dunha titor/a, que definirá as tarefas que se van realizar, así como a formación que deberán recibir segundo o plan de formación do centro. Será obrigatoria a realización e superación das actividades de formación indicadas.

2. Por petición das persoas interesadas, ao remate da bolsa a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, logo de informe favorable do/da titor/a de formación e entrega dos informes e memorias solicitadas, expedirá certificación acreditativa de aproveitamento da bolsa.

3. Unha vez rematado o período de goza da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun ano, eliminarase a documentación non recollida.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión.

Artigo 20. Renuncias, revogación, interrupcións e reintegro de cantidades

1. A renuncia á bolsa, unha vez iniciado o período de gozo desta, deberá comunicarse con dez días de antelación á data en que se solicita que sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa á que se renuncia.

2. A persoa titora da titular da bolsa poderá proporlle á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das obrigas sinaladas.

3. As vacantes ocasionadas por renuncia ou revogación poderán cubrirse, durante o período de gozo restante, coa persoa candidata suplente correspondente, tendo en conta a lista de suplentes elaborada pola Comisión de Valoración.

4. As interrupcións da bolsa por supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade non darán lugar, en ningún caso, á posibilidade de recuperar o período interrompido.

5. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora, cando procedan, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Réxime sancionador

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Disposición adicional única

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar os actos e as instrucións necesarios para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file