DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 29 de xaneiro de 2024 Páx. 8257

III. Outras disposicións

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2024 (código de procedemento TR852A).

BDNS (Identif.): 740891

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

Liña 1:

As asociacións sindicais intersectoriais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia constituídas ao abeiro da Lei orgánica 11/1985, do 2 de agosto, de liberdade sindical, e as asociacións empresariais intersectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

Liña 2:

a) As asociacións empresariais galegas sectoriais constituídas ao abeiro da Lei 19/1977, do 1 de abril, sobre regulación do dereito de asociación sindical.

b) As organizacións sindicais con representatividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de carácter sectorial como intersectorial.

c) As fundacións sectoriais paritarias para a promoción da prevención da seguridade e saúde laboral, nadas da negociación colectiva ou de acordos sectoriais, con sede e actividade en Galicia.

d) Asociacións profesionais de persoas traballadoras autónomas rexistradas segundo o establecido no Decreto 406/2009, do 22 de outubro, que recollan expresamente nos seus estatutos que teñen entre os seus fins o fomento da prevención de riscos laborais.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2024 da concesión de subvencións, pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Dirección Xeral de Relacións Laborais, mediante o réxime de concorrencia competitiva, co fin de levar a cabo accións de formación, sensibilización, asesoramento e fomento da prevención de riscos laborais en Galicia (código de procedemento TR852A).

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 29 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2024 (código de procedemento TR852A).

Cuarto. Importe

Estas axudas distribúense en dúas liñas:

a) Liña 1. Formación e actividades de asesoramento e sensibilización en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial. Esta liña ten un orzamento de 1.000.000 euros.

b) Liña 2. Formación e outras actividades de fomento en materia de prevención de riscos laborais de carácter sectorial. Esta liña ten un orzamento de 655.103 euros.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2023

Elena Rivo López
Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade