DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2024 Páx. 5656

III. Outras disposicións

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 2024 pola que se establece a composición da Mesa de Contratación Permanente.

O artigo 326.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público (LCSP/2017), establece que nos procedementos abertos, abertos simplificados, restrinxidos, de diálogo competitivo, de licitación con negociación e de asociación para a innovación os órganos de contratación das administracións públicas estarán asistidos por unha mesa de contratación. Nos procedementos negociados en que non sexa necesario publicar anuncios de licitación e nos procedementos a que se refire o artigo 159.6, a constitución da mesa será potestativa para o órgano de contratación.

A nova composición do equipo de goberno, resultante das eleccións do día 4 de decembro de 2023, exixe adaptar a composición da Mesa de Contratación Permanente.

De conformidade co previsto no artigo 326 da LCSP/2017 e na súa normativa de de-senvolvemento, e en exercicio das facultades que lle confire o artigo 36 dos estatutos da Universidade da Coruña, esta reitoría

RESOLVE:

Primeiro. Composición da Mesa de Contratación Permanente

Desígnanse os membros da Mesa, así como os membros suplentes, que se citan a seguir:

1. Presidencia: a persoa titular da Vicerreitoría de Economía e Planificación Estratéxica.

Suplente: a persoa titular da Adxuntía de Economía.

2. Vogais permanentes:

a) Secretaria xeral.

Suplente: a persoa titular da Vicerreitoría de Infraestruturas e Sustentabilidade.

b) Xefatura do Servizo de Control Interno.

Suplente: Xefatura de Sección do Servizo de Control Interno.

c) Xefatura do Servizo de Asesoría Xurídica.

Suplente: Xefatura de Sección ou, na súa ausencia, a do negociado do citado servizo.

d) Xefatura do Servizo de Contratación Administrativa.

Suplente: xefatura dun dos negociados do Servizo de Contratación Administrativa.

3. Secretaría: Xefatura da Sección de Contratación.

Suplente: xefatura dun dos negociados do Servizo de Contratación Administrativa.

Segundo. Normas de funcionamento da Mesa

1. Para a válida constitución da Mesa deberá estar presente a maioría absoluta dos seus membros e, en todo caso, o/a presidente/a, o/a secretario/a e os dous vogais que teñan atribuídas as funcións correspondentes ao asesoramento xurídico e ao control económico orzamentario do órgano de contratación.

2. Terán voz e voto todos os membros da Mesa, agás o/a secretario/a.

3. A Mesa de Contratación poderá solicitar o asesoramento do persoal técnico ou experto independente con coñecementos acreditados nas materias relacionadas co obxecto do contrato. A súa asistencia será autorizada polo órgano de contratación e deberá ser reflectida expresamente no expediente, con referencia ás identidades deste persoal técnico ou experto, e á súa formación e á súa experiencia profesional (artigo 326.5 da LCSP/2017).

4. A Mesa de Contratación poderá solicitar cantos informes técnicos considere pertinentes (artigo 150.1 da LCSP/2017).

5. Nos casos en que a valoración dos criterios mediante un xuízo de valor corresponda a un comité formado por expertos ou a un organismo técnico especializado (artigo 146.2.a) da LCSP/2017), a designación realizarase e publicarase no perfil do contratante (artigo 63.5 LCSP/2017).

6. De maneira supletoria, o funcionamento da Mesa rexerase polo establecido no título preliminar, capítulo II, sección 3ª, subsección 1ª, da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Terceiro. Publicación e efectos

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no perfil do contratante da Universidade da Coruña, e terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Quedan sen efecto as disposicións anteriores que se opoñan á presente resolución reitoral.

A Coruña, 17 de xaneiro de 2024

Ricardo José Cao Abad
Reitor da Universidade da Coruña