DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2024 Páx. 5329

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades

ORDE do 11 de xaneiro de 2024 pola que se resolve a integración na Rede de Bibliotecas de Galicia da Biblioteca Pública Municipal da Arnoia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no artigo 27.19, establece como competencia exclusiva da Xunta de Galicia o fomento da cultura en Galicia, e, no artigo 32, que corresponde ao Goberno da nosa comunidade autónoma a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

De conformidade co Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, esta asume as competencias de promoción e difusión da cultura, para potenciar a imaxe das bibliotecas e o fomento do acceso igualitario á cultura para toda a cidadanía a través da lectura.

Segundo o establecido no artigo 7.2 da Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia, correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Dirección Xeral de Cultura, como órgano de dirección e coordinación do Sistema galego de bibliotecas, tramitar e resolver os procedementos de integración de bibliotecas públicas ou privadas na rede, segundo o establecido nesta lei e no seu desenvolvemento regulamentario.

Do mesmo xeito, o artigo 25 do Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas, establece que lle corresponde ao centro directivo competente segundo a estrutura orgánica da consellería competente en materia de cultura (Dirección Xeral de Cultura) a tramitación dos expedientes que se deriven de todas as actuacións. Segundo dispón o artigo 38 do citado decreto, o conselleiro competente en materia de cultura, por proposta do titular do centro directivo competente, resolverá a inclusión ou non do centro bibliotecario na Rede de Bibliotecas de Galicia. Esta resolución, de ser favorable, estará condicionada ao asinamento dun convenio, que será efectivo a partir da súa sinatura.

Pola súa parte, o Concello da Arnoia solicitou a integración na Rede de Bibliotecas de Galicia da Biblioteca Pública Municipal da Arnoia.

Os servizos técnicos desta dirección xeral analizaron a documentación achegada e, logo de examinar o local e instalacións destinados ao servizo bibliotecario, emitiron o informe pertinente.

Á vista do informe técnico compróbase que o dito equipamento cumpre cos requisitos exixidos no Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

A proposta do director xeral de Cultura e no exercicio das facultades que me confire o artigo 3 do Decreto 119/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a integración na Rede de Bibliotecas de Galicia da Biblioteca Pública Municipal da Arnoia.

Segundo. A resolución favorable de integración estará condicionada á sinatura dun convenio onde se recolla a obriga do titular do centro bibliotecario de prestar un servizo público axustado ao estipulado no Decreto 41/2001, do 1 de febreiro, e que poderá responder nos restantes termos ás especiais características de cada tipo de centros.

Terceiro. O prazo de sinatura deste convenio non deberá ser superior aos tres meses. De non cumprirse este prazo deixarase sen efecto a posible resolución favorable e suporá o arquivo definitivo da solicitude.

Cuarto. O posterior incumprimento do devandito convenio poderá ser motivo de exclusión temporal ou definitiva do centro bibliotecario de que se trate da Rede de Bibliotecas de Galicia.

Esta resolución é definitiva e ponlle fin á vía administrativa. Contra ela o interesado pode interpoñer, con carácter previo e potestativo, un recurso de reposición no prazo dun mes contado dende o día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o prefire, pode interpoñer directamente un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses con igual día de inicio do cómputo. Os ditos recursos regúlanse no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, respectivamente.

Santiago de Compostela, 11 de xaneiro de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación,
Formación Profesional e Universidades