DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 13 Xoves, 18 de xaneiro de 2024 Páx. 4595

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 21 de decembro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se someten a información pública a solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental para a construción de dúas naves de galiñas poñedoras en solo, instalación de planta de compostaxe de esterco e instalación fotovoltaica, no complexo industrial que Granja Campomayor, S.L. posúe en Ximonde, no concello de Palas de Rei (Lugo) (expediente 2023-IPPC-M-106).

Para os efectos previstos no artigo 29 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (BOE núm. 273, do 10 de novembro), faise público que, por espazo de trinta (30) días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposta a documentación correspondente á solicitude de modificación substancial da autorización ambiental integrada e ao estudo de impacto ambiental por construción de dúas naves de galiñas poñedoras en solo, instalación de planta de compostaxe de esterco e instalación fotovoltaica, no complexo industrial que Granja Campomayor, S.L. posúe en Ximonde, no concello de Palas de Rei (Lugo), co fin de que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, formular dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

A documentación estará á disposición das persoas administradas nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostenibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proyectos en información pública).

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2023

María Sagrario Pérez Castellanos
Directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2023-IPPC-M-106.

Titular: Granja Campomayor, S.L.

NIF: B27015429.

Domicilio social: lugar Ximonde, estrada N-547, km 27, s/n, Vilar de Donas, 27217 Palas de Rei (Lugo).

Localización da instalación: Ximonde, estrada N-547, km 27, s/n, Vilar de Donas, 27217 Palas de Rei (Lugo).

Actividade principal: explotación avícola de posta de ovo.

Categoría principal: categoría 9.3.a) do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

Descrición do proxecto: construción de dúas naves cunha capacidade total para 162.084 galiñas poñedoras con sistema de cría en solo. Así mesmo, instalarase unha planta de compostaxe para o esterco que se producirá na propia explotación avícola. Por outro lado, instalaranse novas placas fotovoltaicas no complexo industrial (explotación avícola con capacidade para 252.000 galiñas poñedoras con planta de clasificado e envasado de ovo e planta de ovo produto) que Granja Campomayor, S.L. posúe en Ximonde, a cal dispón de autorización ambiental integrada con número de rexistro 2010-IPPC-I-1021.

Verteduras: en canto ás augas residuais na EDAR, proxéctase a modificación da súa entrada á instalación. Ata o momento as augas residuais conducíanse desde as arquetas previas ata un depósito soterrado baixo a EDAR; agora proxéctase a instalación dun depósito aéreo de 16.000 litros que se situará no interior do edificio da EDAR. O depósito soterrado existente quedará a modo de cubeto de seguridade ante posibles fugas, derramamentos ou accidentes na EDAR.

Para as augas residuais xeradas nas novas instalacións proxectadas prevese:

• Augas residuais procedentes do lavado das novas naves destinadas ao aloxamento das galiñas: instalarase un novo depósito estanco de 100.000 litros, e posteriormente serán retiradas por agricultores da zona para a súa valorización en campo. Estas augas conteñen unicamente restos de esterco moi diluídos e están libres de deterxentes ou fitosanitarios, posto que na limpeza das naves só se emprega auga a presión.

Para as augas de limpeza das naves actuais, recollidas nun depósito estanco existente, procederase como para as novas.

• Augas residuais procedentes do vestiario para persoal da planta de compostaxe: instalarase un novo depósito estanco de 5.000 litros e posteriormente serán retiradas por un xestor autorizado.

Os compostadores de esterco non xerarán augas residuais durante o seu funcionamento e o compost producido sairá destes cunha alta porcentaxe de materia seca, non xerará efluentes durante a súa almacenaxe. Dada a natureza pulverulenta e seca do compost, as limpezas da nave de compostaxe faranse en seco.